Compañía Luís Seoane
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A Compañía Luís Seoane é un grupo de teatro fundado na Coruña no 1980.
Creación e traxectoria[editar | editar a fonte]
Despois da morte de Francisco Franco, na Transición española, ningún dos sectores culturais tiña interese por potenciar o teatro galego. Xa na VI Mostra de Ribadavia, no ano 1978 se comeza a falar de normalización e algúns grupos teatrais pensan en pasar a un teatro diferente, o Teatro Profesional e na última Mostra (a VIII) figuran un total de seis compañías profesionais: Estaribel, Artello Teatro, Luís Seoane, A Farándula, Mari-Gaila e Troula, aos que se suman grupos de afeccionados cunha longa experiencia, como a Escola Dramática Galega, Malveira, Ditea e Máscara 17.
No 1980 un grupo de profesionais do teatro galego (Francisco Pillado Mayor, Manuel Lourenzo, Xosé M.Rabón ou Xosé Miguel Pernas) preocúpase polo estancamento que sofre o teatro galego a finais dos anos 70 e fundan a Sociedade Cooperativa de Teatro que recibe o nome de Luís Seoane, o cal morrera tan só un ano antes da fundación da compañía, integrada por Amalia Gómez, Manuel Lourenzo, Luisa Marelas, Constantino Rábade, Xosé M. Rabón, Ramón Rodríguez, Miguel Pernas, Francisco Pillado e X. L. Vázquez.
Entre os obxectivos da compañía figuraban a normalización do teatro na Galiza, ampliando as súas perspectivas, a revisión da vella literatura e a promoción da nova, a apertura dunha vía profesional ao teatro galego e a ampliación de públicos. Como primeira “misión” da compañía está a creación dunha sala de teatro na Coruña, que terá como nome Sala Teatro Luís Seoane, na que a compañía pretende representar os seus espectáculos de forma continua e estábel e ofrecer así á cidade unha alternativa á programación teatral existente nese momento, e dá a coñecer a compañías como Zascandil, Georea, Karraka, Teatro de la Ribera, Margén ou Guirigai e outras compañías teatrais. A compañía propónse o reto de realizar catro montaxes por ano que se poden enmarcar nas seguintes categorías:
- Teatro clásico ou contemporáneo universal
- Teatro clásico ou contemporáneo galego
Aínda que non cumpre este obxectivo o número de espectáculos que realizan por ano é maior ao habitual noutras compañías.
Nos anos 80 a crise obriga a moitos grupos de teatro a teren que abandonar estas actividades, e no 1984, redúcense a cinco: Antroido, Artello Teatro, Luís Seoane, Caritel e Mari-Gaila. Neste mesmo ano nacía a Asociación Profesional do Teatro Galego a partir dunha proposta que presentara a compañía Luís Seoane. Finalmente, no 1988 por mor dos problemas económicos que estiveron presentes durante toda a súa traxectoria tivo que pechar as súas portas.
Obras representadas[editar | editar a fonte]
Ano | Obra | Autoría |
---|---|---|
1980 | Dansen | Bertolt Brecht |
1980 | As criadas | Jean Genet |
1981 | A casa das tres lúas | Ramón Otero Pedrayo |
1982 | Muller de mulleres | a partir de textos de Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro |
1982 | A noite dourada de Mimí de Cora | Manuel Lourenzo |
1982 | A esperar por Godot | Samuel Beckett |
1983 | Edipo rei | Sófocles |
1984 | Xúlia | August Strindberg |
1984 | Fausto | con textos de varios autores |
1984 | Lenda aúrea dos santos da montaña | con textos de varios autores |
1985 | A larva furiosa | Manuel Lourenzo |
1985 | O rei aborrecido | Con textos de Xesús Pisón |
1986 | Forzas Eléctricas | Manuel Lourenzo |
Premios concedidos[editar | editar a fonte]
- 1983 por Edipo rei de Sófocles reciben o premio “Artur Cabanell” do XVI Festival Internacional de Teatre de Sitges e un Premio á Dirección no I Festival Internacional de Teatro de Ribadavia .
- 1986 Premio das Ciencias e Artes da Representación da Fundación Premios Crítica de Galicia.
Cadernos do espectáculo[editar | editar a fonte]
Alén disto, a compañía editou unha colección de textos que acompañasen a cada obra e materiais para unha mellor comprensión e estudo. Apareceron só cinco co título de Cadernos do espectáculo, nos que se encontran as obras:
- Dous perdidos nunha noite suxa, de Plinio Marcos
- As criadas, de Jean Genet, traducido por Frco. Pillado e Manuel Lourenzo
- A casa das tres lúas, de Manuel Lourenzo, con textos de Otero Pedrayo
- A noite dourada de Mimí, de Manuel Lourenzo
- A esperar por Godot, de Samuel Beckett, traducido por Frco. Pillado
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Rodríguez Iglesias, F. (ed): Galicia. Literatura. A Coruña, Hércules de Ediciones, 2000 - 6 vols.[cómpre nº de páxina]
- Vilavedra, D. (coord.) Diccionario da literatura galega, Vigo, Galaxia, 1995/2000 - 3 vols.[cómpre nº de páxina]
- VV.AA: Historia da Literatura Galega. Vigo, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 1996 - 5 vols.[cómpre nº de páxina]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "Compañía de Teatro Luís Seoane" 23/05/13 Novas, RAG.