Chocolates Matías López
Chocolates Matías López | |
---|---|
"Los gordos y los flacos", obra de Francisco Javier Ortego y Vereda, incluída na publicación titulada Cuando El Escorial olía a chocolate. | |
Tipo | empresa |
Data de fundación | 1851 |
Fundador(es) | Matías López López |
Sede | Madrid e O Escorial |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Chocolates y Dulces Matías López é unha empresa produtora de chocolate española fundada en 1851 polo empresario galego Matías López López.[1] A empresa instalouse nos seus inicios en Madrid para pasar a finais de século XIX ao Escorial.
Historia[editar | editar a fonte]
Inicios[editar | editar a fonte]
Matías López chegou a Madrid en 1844 con dezanove anos, e traballou nun obradoiro de chocolate desde entón. A súa estratexia era repartir os produtos entre familiares e amigos, e grazas ao marketing oral foi incrementando a demanda. Aos poucos foi adquirindo muíños de cacao, algúns propulsados por vapor, que melloraron a produción.[1] A empresa medrou e trasladou a súa fábrica de Madrid ao Escorial, onde en 1871 comprou a Rafael Taboada & Cía. a azucreira Alianza Industrial, SA, que non tiña éxito.
Mercado[editar | editar a fonte]
As campañas de mercadotecnia de Matías foron innovadoras. Contratou ao famoso litógrafo madrileño N. González, para que en colaboración co debuxante Francisco Ortega Vereda deseñaran o primeiro cartel publicitario de España, coñecido popularmente como "El gordo y el flaco".[2] [3] Chegou a editar unha serie de vinte e cinco postais coa súa publicidade en dúas edicións. A publicidade deste chocolate foi moi famosa no século XIX, incluíndo un pasodoble como himno da compañía.[4]
A expansión provocou a venda de chocolates en toda a Península Ibérica. En 1870 elaboraba cerca de 5 tonetadas ao día, representando o 80% do consumo de chocolate en España[2]. Os custos tarifarios impediron ao principio que se estendese a mercados exteriores cun prezo competitivo. Despois vendeuse nos mercados europeos e americanos.
Política laboral[editar | editar a fonte]
Matías López creou un barrio de vivendas arredor da Fábrica, a Primera Ciudad Lineal para os traballadores, que contaba cunha cooperativa alimentaria ("la Cope"), unha Escola Nacional de nenos e nenas (construída por Viuda e Hijos de Matías López) e unha capela dedicada a San Matías. Foi un dos primeiros en establecer a xornada laboral de 8 horas; e creou a Seguridade Social e a Seguridade Sanitaria para os seus traballadores e as súas familias, sendo un pioneiro no Estado español. Deulles préstamos por 25 anos ou máis para a compra das súas vivendas. Na súa cidade natal, Sarria (Lugo), os seus sucesores instalaron un Colexio Público[5] e o Hospital Municipal Campo de Outeiro, inaugurado en 1909[6].
Século XX e XXI[editar | editar a fonte]
Finado en xuño de 1891, a empresa pasou aos seus fillos, contando naquel momento con 500 traballadores e sendo un dos 3 chocolateiros máis importantes de Europa, despois das suízas Nestlé e Lindt.[3][7] Cos herdeiros á fronte, a empresa pasou por diversas vicisitudes, pasando de sociedade limitada a sociedade anónima e en 1964 a fábrica pechou, deixando 115 empregados no paro. Aínda que non faltou a demanda, os provedores non seguiron dándolles crédito.[8]
Os terreos da fábrica e do barrio dos chocolateiros están hoxe ocupados pola urbanización Parque Real. Os traballadores que tiñan vivendas no barrio foron desaloxados a cambio de terreos anexos a ese barrio. Alí non se construíron as súas novas vivendas e acabaron constituíndo a cooperativa de vivenda Virgen de la Herrería, situada ao outro lado do ferrocarril.
Daquela grande industria non queda nada e os obreiros nunca cobraron os últimos días traballados.
A marca volveu ao mercado en 2014[3][9] cun produto diferente, xa que ao pechar nos anos 60 os obreiros decidiron queimar a fórmula[10].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Rafael Montal Montesa, (1999), El Chocolate, «Las Semillas de Oro», Zaragoza, Goberno de Aragón, pp. 255-258.
- ↑ 2,0 2,1 "Matías López, el gallego rey del chocolate e inventor de la publicidad moderna" (en castelán). 24 de novembro de 2019. Consultado o 14 de agosto de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Chocolates y Dulces Matías López (22 de marzo de 2015). "Chocolates y Dulces Matías López. Una Marca con Historia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2016. Consultado o 6 de novembro de 2016.
- ↑ Pedro Montoliú Camps, (2001), Madrid en la posguerra, 1939-1946: los años de la represión, Madrid, p. 357.
- ↑ "O mecenas Matías López". La Voz de Galicia. 2004-10-30. Consultado o 2022-07-01.
- ↑ "Sarria". www.caminofrances.org (en castelán). Consultado o 2022-07-01.
- ↑ "Deseño galego: innovación e tradición". Pazo de Vilane; Crónicas do galiñeiro. 2021-04-21. Consultado o 2022-07-01.
- ↑ Sánchez Meco, Gregorio, (1996), Cuando El Escorial olía a chocolate (en castelán)
- ↑ "Matías López, chocolate de lujo de Madrid" (en castelán). 10 de outubro de 2015. Consultado o 14 de agosto de 2020.
- ↑ "El Monasterio dulce del Escorial". elmundo.es (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2022.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Rodríguez Rodríguez, L. (2001). Matías López y López: espejo de empresarios. La Voz de Galicia.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Chocolates Matías López |