North American AJ Savage

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
North American AJ Savage
Tipobombardeiro medio
FabricanteNorth American Aviation
Primeiro voo3 de xullo de 1948
Introducido1950
Retirado1960
Principais usuariosArmada dos Estados Unidos
Unidades construídas143

O North American AJ Savage (despois A-2 Savage) foi un bombardeiro medio embarcado fabricado para a Armada dos Estados Unidos por North American Aviation. O avión deseñouse pouco despois da segunda guerra mundial para levar bombas atómicas e iso significada que era o avión máis pesado ata a data deseñado para operar dende un portaavións. Estaba impulsado por dous motores de pistóns e un turborreactor encerrado na parte traseira da fuselaxe. O AJ-1 entrou en servizo en 1950 e varios baseáronse en Corea do Sur durante 1953 como un elemento disuasorio contra Corea do Norte. Dos 140 fabricados, ademais de tres prototipos, 30 foron avións de recoñecemento. A mediados dos anos 50 implementouse equipo de repostaxe en voo no Savage. O bombardeiro foi substituído polo Douglas A3D Skywarrior a partir de 1957.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

A finais da segunda guerra mundial a Armada dos Estados Unidos iniciou unha competición de deseño o 13 de agosto de 1945 para un bombardeiro embarcado que puidese levar 4 500 kg de bombas. A competición foi gañada por North American Aviation. Posteriormente nese ano a Armada decidiu que necesitaba ser capaz de lanzar bombas atómicas e que o deseño do AJ Savage debería adaptarse para acomodar a última bomba nuclear Mark 4, o seguinte paso no desenvolvemento do deseño máis sofisticado da esfera de plutonio implosionante Fat Man Mk3 usada en Nagasaki. O 24 de xuño de 1946 adxudicouse un contrato por tres prototipos XAJ-1 e unha fuselaxe para probas estáticas. O primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea dous anos despois, o 3 de xullo de 1948.[1] Ese mesmo ano a Armada iniciou un programa de capacidade provisional empregando o Lockheed P-2 Neptune que levaba unha reprodución da bomba nuclear Little Boy, máis pequena e máis sinxela, como o primeiro avión portador dunha bomba atómica ata a entrada en servizo do Savage. O Neptune podía engalar usando asistentes JATO, pero non podía aterrar nos portaavións da época; se os lanzaban tiñan que amarar despois da súa misión ou aterrar nunha base aérea amiga.[2]

O prototipo XAJ-1

O AJ-1 era un monoplano de á alta, tres asentos e un tren de aterraxe de triciplo. Para facilitar as operacións embarcadas, os paneis exteriores das ás e a cola podíanse plegar manualmente.[3] Foi equipado con dous motores de pistóns Pratt & Whitney R-2800-44W Double Wasp de 2 300 cabalos de potencia (1 700 kW), montados en góndolas baixo cada á cun gran turbocompresor dentro de cada góndola, e un turborreactor Allison J33-A-10 de 20 000 N foi instalado na fuselaxe traseira. O reactor estaba pensado para ser usado só durante a engalaxe e a velocidade máxima preto do obxectivo,[4] e estaba alimentado por unha entrada de aire na parte superior da fuselaxe que normalmente estaba pechada para reducir a resistencia.[5] Para simplificar o sistema de combustible, o reactor usaba avgas de motores de pistóns en vez de combustible para reactores. Na fuselaxe instalouse un tanque de 760 litros autoselado, e había outro de 1 920 litros en cada á. O avión levaba normalmente tanques de 1 100 l nas puntas das ás e podía levar ademais tres tanques máis na bodega de bombas cunha capacidade total de 6 200 l. Ademais da súa carga de bombas de 5 400 kg, o bombardeiro estaba desarmado.

Dous dos tres prototipos esnafráronse durante as probas, pero as súas perdas non afectaron ao desenvolvemento material do avión xa que o primeiro lote de Savages fora pedido o 6 de outubro de 1947. A diferenza máis significativa entre o XAJ-1 e o avión de produción foi a revisión da cabina de mando para acomodar un terceiro tripulante nun compartimento separado. O primeiro voo dun avión de produción foi en maio de 1949 e o Fleet Composite Squadron 5 (VC-5) converteuse no primeiro escuadrón en recibir o Savage en setembro.[6] O escuadrón participou en probas e avaliou o avión xunto co Naval Air Test Center (NATC) para acelerar a introdución do Savage na frota.[7] A primeira engalaxe e o primeiro aterraxe do bombardeiro dende un portaavións tivo lugar no USS Coral Sea o 21 de abril e o 31 de agosto 1950, respectivamente. Moitos dos AJ-1 superviventes actualizaron a súa cola á configuración mellorada do AJ-2.[8]

Unha versión de fotorrecoñecemento do Savage, coñecida inicialmente como AJ-1P pero despois designada AJ-2P, foi pedida o 18 de agosto de 1950. Tiña motores de pistóns R-2800-48 mellorados e a súa cola foi redeseñada para engadir 30 cm de altura á súa deriva. Eliminouse o diedro de 12° dos estabilizadores de cola e ampliouse o temón o que alongou lixeiramente a aeronave. Os primeiros AJ-2P mantiveron a tripulación de tres homes, pero os últimos avións do modelo engadiron un cuarto tripulante mirando cara atrás na cabina superior. A capacidade interna de combustible do Savage tamñen foi incrementada. O morro do avión foi remodelado cun prominente "queixo" para acomodar unha cámara oblicua orientada cara a adiante e unha variedade de cámaras oblicuas e verticais podían instalarse no compartimento de bombas. Tamén podían levarse bombas de flash para misións de fotografía nocturna.[9]

O AJ-2 incorporaba todos os cambios realizados no último modelo AJ-2P e 55 avións foron pedidos o 14 de febreiro de 1951. O AJ-2 eliminaba o compartimento separado para o terceiro tripulante, pero mantiña o terceiro asento na cabina do AJ-2P.[10]

Ao redor de 1954, NATC modificou o único XAJ-1 supervivente para realizar probas de reabastecemento en voo utilizando a configuración de sonda-cesta. O motor turborreactor foi retirado e a mangueira de combustible e a súa cesta estendíanse desde a antiga tobeira. Os avións en servizo mantiveron o turborreactor e modificáronse as súas portas do compartimento de bombas para acomodar a mangueira e a cesta. A finais de 1954 xa estaban a repostar avións.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ginter 1992, pp. 3, 5
  2. Swanborough e Bowers 1976, p. 458
  3. Ginter 1992, pp. 5, 7, 38
  4. Johnson 2000, p. 343
  5. Ginter 1992, p. 30
  6. Ginter 1992, pp. 5, 7, 25, 75
  7. Miller 2001, p. 94
  8. Ginter 1992, pp. 7, 11-12
  9. Ginter 1992, pp. 11, 43, 46, 48-53
  10. Ginter 1992, p. 12
  11. Ginter 1992, p. 59, 75, 85

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ginter, Steve. North American AJ-1 Savage (Naval Fighters Number 22). Simi Valley, California: Steve Ginter, 1992. ISBN 0-942612-22-1.
  • Johnson, E.R. American Attack Aircraft Since 1926. Jefferson, North Carolina: McFarland, 2008. ISBN 978-0-7864-3464-0.
  • Miller, Jerry. Nuclear Weapons and Aircraft Carriers: How the Bomb Saved Naval Aviation. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press, 2001. ISBN 1-56098-944-0.
  • Swanborough, Gordon e Peter M. Bowers. United States Navy Aircraft Since 1911. Londres: Putnam, 3rd ed., 1990. ISBN 0-85177-838-0.