Joseph Vacher

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJoseph Vacher

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento16 de novembro de 1869 Editar o valor em Wikidata
Beaufort, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte31 de decembro de 1898 Editar o valor em Wikidata (29 anos)
Bourg-en-Bresse, Francia Editar o valor em Wikidata
Causa da mortepena de morte, decapitación Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónasasino , vagabundo , asasino en serie , militar Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Outro
Condenado porasasinato Editar o valor em Wikidata

Joseph Vacher (Beaufort, 16 de novembro de 1869Bourg-en-Bresse, 31 de decembro de 1898), alcumado coma «tueur de bergers» ou «Jack, l'Éventreur du Sud-Est», é dicir, o «asasino de pastores» e «Jack, o Destripador do Sueste» respectivamente, foi un sarxento reformado e converso en vagabundo.[1] É considerado coma un dos primeiros asasinos en serie franceses.

Sospeitoso de ser o autor de ao redor duns cincuenta crimes, incluída a degolación de, polo menos, vinte mulleres e adolescentes, posteriormente mutilados e violados, Joseph Vacher só se declarou culpábel de once asasinatos e dunha tentativa de violación, xa que se negou a atribuírse aqueles asasinatos máis sádicos. Foi unicamente xulgado por un dos seus asasinatos e declarado responsábel dos seus actos, malia haber estado internado nunha institución psiquiátrica. Sentenciado a unha morte por guillotina, foi finalmente executado o 31 de decembro de 1898.[2]

O caso, dende o comezo do seu xuízo, foi obxecto de intensos debates sobre a saúde mental e sobre a responsabilidade penal en Francia, sendo mencionado tamén en moitas das reflexións para abordar o problema do vagabundeo entre os séculos XIX e XX.[3] Joseph Vacher deixou varias cartas, dirixidas principalmente á súa familia, máis tamén aos médicos encargados de examinalo e aos seus xuíces.

Joseph Bouvier, personaxe interpretada por Michel Galabru no filme «Le juge et l'Assassin» (1976), de Bertrand Tavernier, está directamente inspirada en Joseph Vacher, sendo os apelidos «Vacher» e «Bouvier» dous sinónimos.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Os feitos relacionados con este caso xudicial e co xuízo que resultou ocorreron durante a presidencia de Félix Faure e, en gran parte, durante o goberno Jules Méline. O comezo do caso Dreyfus, un importante conflito social e político da Terceira República Francesa, tamén tivo lugar durante o mesmo período.

Dende o punto de vista xudicial, o caso Vacher estoupa nunha década despois de que en Londres, Jack o Destripador, fora noticia cunha serie de horríbeis asasinatos cometidos contra prostitutas. O caso Pranzini aconteceu tamén unha década antes do arresto e xuízo de Joseph Vacher. O asasinato dunha muller de 76 anos nunha pequena vila de Gard, coñecido coma o caso de Barthélémy-Auguste Gayte, ocorreu unhas semanas antes do inicio do xuízo.

Biografía[editar | editar a fonte]

Xuventude[editar | editar a fonte]

Beaufort, vila natal de Joseph Vacher, a comezos do século XX.

Sendo o penúltimo dunha familia numerosa, nada menos que quince irmáns e irmás, e respectada de cultivadores nunha pequena vila de Isère, preto de Beaurepaire, Joseph Vacher foi criado nun ambiente impregnado de misticismo e supersticións alimentadas pola súa nai, Marie-Rose, tamén coñecida coma Rosalie Ravit, que era quince anos máis nova ca o seu marido Pierre, unha muller moi devota e, a miúdo, presa de alucinacións.

Tiña un irmán xemelgo, Eugène, quen finou prematuramente aos oito meses de idade, sufocado por unha gran bola de pan quente que un dos seus irmáns, nun descoido, deixara sobre el.[4]

De neno, Joseph amosaba un carácter arteiro e cruel, gozaba torturando animais.[5] Tamén experimentaba, de cando en vez, crisis de demencia, durante as cales esnaquizaba todo o que se atopaba ao seu alcance. Amais, era violento e posuía unha forza sorprendente. Non dubidaba en golpear aos seus irmáns e irmás, ata aos máis maiores, mostrándose igual de desapiadado na escola.

Comeza a traballar aos catorce anos, após a morte da súa nai, e probablemente, foi despois deste acontecemento cando iniciou a súa carreira criminal. O 18 de xuño de 1884, Joseph Amieux, un rapaciño de dez anos, é violado e asasinado nunha granxa de Eclose, en Isère. Vacher, que se atopaba na rexión durante o momento do crime, convértese en sospeitoso de ser o autor só dez anos despois, así coma dos outros tres ou catro crimes que seguirán e xamais foron resoltos.

Aos dezaseis anos ingresa coma aspirante no Instituto dos Irmáns Maristas, en Saint-Genis-Laval.[6] Permanece aí dous anos ata completar a súa educación, ao parecer, incluso ensinando aos nenos. Foi expulsado aos dezaoito anos por indisciplina e inmoralidade, acusado de efectuar tocamentos aos seus compañeiros. Porén, quedará profundamente marcado polo seu paso cos freires.

O exército[editar | editar a fonte]

Sarxento Vacher na 60a liña do rexemento da infantaría. Gravado segundo fotografía, aparecido en Le Tueur de bergers (1898).

Após isto, retornou ao seu pobo natal, Beaufort, para traballar no campo. Nesa época, tentou abusar presuntamente dun rapaz de doce anos. A continuación, márchase a Grenoble á procura dunha das súas irmás, Olympe, unha prostituta que se convertera en encargada dun bordel e que recibía o alcume de «Kilomètre», é dicir, «Quilómetro», polas súas dotes de «maratoniana das beirarrúas».[7]

En 1888, traballaba nunha cervexaría de Grenoble e frecuentaba prostitutas. Foi nese entón cando contraeu unha enfermidade venérea, que o leva a someterse, o 11 de febreiro de 1889, a unha intervención cirúrxica no hospital de Lión, durante a cal se lle extirpa parte dun testículo. Dise que esta operación castradora o deixou traumatizado.[8]

Durante o seu servizo militar foi enviado, o 15 de novembro de 1890, ao 60o rexemento da infantaría de Besançon. Neste período da súa estadía no exército, sofre abusos por parte dos seus camaradas máis antigos. Estes, así coma os seus superiores, describírono coma mentalmente perturbado, con ideas escuras e desvaríos de persecución.

Aínda que foi o cuarto da súa promoción na escola de cabos, foi rechazado coma «non apto para o mando» segundo os sarxentos instrutores, o que lle carreou outra fonte de rabia. Para protestar, Vacher tentou cortarse o colo. Na enfermería á que foi transportado, someteuse ao seu primeiro exame mental. O coronel foi a visitalo e, tras interrogalo, considerouno apto para o grado de cabo e outorgoulle finalmente o seu galón. Unha vez fóra da enfermería, Vacher demostrou unha indubidábel aptitude para o mando, aínda sendo demasiado autoritario. As súas cualidades permitíronlle ser ascendido axiña a sarxento.

O vagabundo «tueur de bergers»[editar | editar a fonte]

Durante este período, coñece en Besançon a unha nova cantineira chamada Louise Barrant. Encontrase con ela en Baume-les-Dames o 25 de xuño de 1893, para pedirlle matrimonio.[9] Ante o rexeitamento da rapaza, que entre tanto namorárase doutro soldado, dispáralle tres tiros de revólver iñantes tentar suicidarse, torcendo a arma cara si mesmo. Ambos resultaron feridos por mor deste evento. No caso de Vacher, unha das balas penetrou pola orella dereita (no óso temporal) provocando xordeira total nese lado, mentres que a outra, no colo. Non puideron ser retiradas, o que tamén derivou a unha parálise do nervio facial dereito, deixándolle un dos seus ollos inxectado en sangue. Despois deste episodio, Joseph Vacher, cuxo ouvido supura constantemente, mantivo sempre a cabeza cuberta.

Louise Barrant.

Considerado coma inocente debido á súa enfermidade mental, xa que sofre de crises de paranoia e alucinacións, pasa máis de seis meses nun asilo de Dole, no Departamento de Jura, a partir do 7 de xullo de 1893, onde os coidados que recibe son limitados. O 2 de agosto de 1893, é definitivamente dado de baixa no exército a causa dos seus trastornos psíquicos. O Dr. Guillemin, emite as súas conclusións sobre o seu estado mental o 12 de setembro, afirmando que: «O Sr. Vacher está afectado de alienación mental caracterizada por delirios de persecución». Pouco despois, fuxe do asilo, mais é arrestado en Besançon. Sendo novamente internado, esta vez no Hospital Psiquiátrico Saint-Robert, obtén a alta o 1 de abril de 1894, xa que o director da institución, un tal Sr. Dufour, considerábao completamente sandado.[10]

Unha vez fóra do asilo, Joseph Vacher retorna primeiro a Saint-Genis-Laval para dirixirse despois a Grenoble, pasando por Beaurepaire. É aí onde, o 20 de maio de 1894, comete o primeiro dos seus crimes confesos, o dunha moza obreira de 21 anos chamada Eugénie Delhomme, esganada e violada a tan só 200 m da súa fábrica.[11] A partir dese entón, e durante tres anos, Vacher habería cometido crimes ao chou no seu camiño, deixando que outros foran sospeitosos no seu lugar e eludindo calquera investigación, grazas aos seus constantes desprazamentos. Camiñaba ata 60 km por día, cruzando Francia dende Normandía ata o Tarn, pasando por Borgoña e o val do Ródano, gañándose a vida con pequenos traballos en diferentes granxas.

O 31 de agosto de 1895, en Bénonces, atópase o corpo horribelmente mutilado de Victor Portalier, un mozo pastor de 15 anos. Este, foi achado co abdome aberto, degolado e cos xenitais mutilados, amais de mostrar sinais dunha violación anal. Certas testemuñas dan entón a descrición dun vagabundo que, segundo moitos: «Ten unha cicatriz ou rubor no ollo dereito, leva un pequeno saco de tea e un bastón».[12] Porén, o caso queda sen resolver, pois o suxeito en cuestión parece haberse esfumado.

Crimes confesos[editar | editar a fonte]

De entre a morea de crimes polos que foi sospeitoso, ao redor dunha cincuentena, particularmente polo xuíz Émile Fourquet, Vacher só se nomeou culpábel de once asasinatos e dunha tentativa de violación.[13]

  • Eugénie Delhomme (21 anos), asasinada e violada — 20 de maio de 1894, Beaurepaire (Isère).
  • Louise Marcel (13 anos), asasinada — 20 de novembro de 1894, Vidauban (Var).
  • Augustine Mortureux (17 anos), asasinada — 12 de maio de 1895, Étaules (Côte-d'Or).
  • Sra. Morand (58 anos), asasinada e violada — 24 de agosto de 1895, Saint-Ours (Savoia).
  • Victor Portalier (15 anos), asasinado e violado — 31 de agosto de 1895, Bénonces (Ain).
  • Aline Alaise (13 anos), asasinada — 22 de setembro de 1895, Truinas (Drôme).
  • Pierre Massot-Pelé (14 anos), asasinado e violado — 29 de setembro de 1895, Saint-Étienne-de-Boulogne (Ardèche).
  • Marie Derouet (11 anos), tentativa de violación — 1 de marzo de 1896, Noyen-sur-Sarthe (Sarthe).
  • Marie Moussier-Lorut (19 anos), asasinada — 10 de setembro de 1896, Busset (Allier).
  • Rosine Rodier (14 anos), asasinada — 1 de outubro de 1896, Varennes-Saint-Honorat (Alto Loira).
  • Claudius Beaupied (14 anos), asasinado e lanzado a un pozo — finais de maio de 1897, Tassin-la-Demi-Lune (Ródano).
  • Jean-Pierre Laurent (14 anos), asasinado e violado — 18 de xuño de 1897, Courzieu-la-Giraudière (Ródano).

Iconografía[editar | editar a fonte]

Na fotografía tomada após o seu arresto, para poder ser identificado por testemuñas, Vacher sae levando un toucado de pel de coello que, segundo el mesmo afirmou, confeccionara pouco antes do seu arresto. En moitas das ilustracións que o representan perpetrando atrocidades, móstrase co dito toucado, que rematou por converterse nunha das súas marcas distintivas. Porén, segundo algúns testemuños recompilados despois da descuberta do corpo de Victor Portalier, Joseph Vacher vestía un sombreiro de palla. Este último menciónase no inventario da equipaxe de Vacher, realizado após o seu arresto en 1897, mais semella que desapareceu logo.

Vacher só consentiu ser fotografiado coa condición de poder posar con chaves na man, explicando que: «Cando os meus pais me vexan así, entenderán que son as chaves do paraíso as que posúo nas mans».

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. "Le Matin : derniers télégrammes de la nuit - Le tueur de bergers". Gallica (en francés). Consultado o 11 de agosto de 2023. 
  2. "Affaire Vacher". Archives de l'Ain (en francés). Consultado o 11 de agosto de 2023. 
  3. Stork, A. (1898). Archives d'anthropologie criminelle, de criminologie et de psychologie normale et pathologique. pp. 601–614. 
  4. Cuisinier, 2002, p. 76.
  5. Lacassagne, A. "Vacher l'éventreur et les crimes sadiques" (en francés). 
  6. "Vacher l'éventreur et les crimes sadiques" (en francés). 
  7. Deloux, 2000, p. 87.
  8. Larue, Sylvain (2008). Tueurs en série de France. Éditions de Borée. 
  9. "Vacher l'éventreur et les crimes sadiques". Gallica (en francés). 
  10. "Joseph Vacher, le tueur de bergers". Gallica (en francés). 16 de outubro de 1897. 
  11. Lacassagne, Alexandre (1899). Vacher l'éventreur et les crimes sadiques. 
  12. "Affaire Vacher". Archives de l'Ain (en francés). 
  13. "52 crimes imputés à Vacher ou avoués par lui". Gallica (en francés).