AssaultCube
AssaultCube | |
---|---|
Desenvolvedor(es) | Rabid Viper Productions |
Deseñador(es) | Adrian Henke e Markus Bekel |
Motor | Cube |
Lanzamento | 21 de novembro do 2008 |
Última versión | 1.0.4(16 de xuño do 2009) |
Xénero | Acción en primeira persoa |
Modos de xogo | Individual (con bots) Colectivo (en liña) |
Plataforma(s) | Windows, GNU/Linux, Mac OS X |
Formato(s) | Descarga (binarios e código fonte) |
Controis | Rato e teclado |
Lingua/s | Inglés |
Licenza | Código: GPL - Contido: privativo |
Na rede | |
assault.cubers.net | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O AssaultCube (AC), outrora chamado ActionCube, é un videoxogo gratuíto, de acción en primeira persoa, baseado no motor Cube. Está ambientado nun contexto realista, todo dentro das posibilidades que ofrece o motor, mentres que o xogo é rápido e arcade. O xogo está orientado de cara ao xogo en liña por equipos. A súa última versión foi a 1.0.4.
Historia
[editar | editar a fonte]O AssaultCube iniciárono en xullo do 2004 algúns membros da comunidade de Cube, que o bautizaron daquela co nome de ActionCube. O primeiro lanzamento oficial data de novembro de 2006. A idea era a de crear un xogo completamente novo incorporando a simplicidade de Cube e o seu estilo de movemento nun ambiente máis realista[1].
Arredor do 6 de maio do 2007, cambióuselle o nome, ActionCube, por petición dos desenvolvedores do Action Quake 2[2][3].
A pesar da simplicidade dos gráficos e o xogo en si, AssaultCube mantén unha base consistente de xogadores con máis dunha ducia de servidores en liña por parte dos usuarios en todo momento. Ademais conta cun bo número de clans, algúns dos cales participan en torneos organizados. A crecente popularidade do xogo débese ao seu estilo de xogo creativo pero simple, a posibilidade de xogar en varias plataformas, e os seus mínimos requisitos de hardware.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O desenvolvemento do AssaultCube lévano a cabo diferentes persoas de distintas partes do globo, sendo Adrian “driAn” Henke e Markus “makkE” Bekel os líderes do proxecto[4]. O equipo de desenvolvemento atópase baixo o nome de Rabid Viper Productions.
Xogo
[editar | editar a fonte]AssaultCube destaca entre outras cousas polos seus reducidos requisitos de hardware e ancho de banda, cun instalador de 40 MB (45 no caso de Mac OS) e capacidade para xogar en liña cunha conexión de 56 k[5]. Ademais, grazas ao uso da biblioteca SDL, pode utilizarse en múltiples plataformas, sendo as oficialmente soportadas Linux, Mac OS X e Windows (Vista, XP, Me, 2k e 98). Tamén cabe destacar a rapidez coa que funciona o xogo, que pode funcionar en computadoras xa algo anticuadas.
Os servidores que permiten xogar en liña son públicos (non requiren contrasinal). O xogo mesmo permite crear mapas (mundos virtuais) xunto con outras persoas a través da rede mediante o "modo cooperativo"[5]. Tamén existe un modo de xogo individual, que consiste en xogar contra bots.
O AssaultCube foi deseñado para ser máis realista có Cube e estar orientado ao xogo en equipos, mantendo ao mesmo tempo a velocidade de xogo que caracteriza ao motor. En comparación con outros xogos, o AssaultCube é máis lento que o Quake e máis rápido que o Counter-Strike[6].
O xogo conserva un bug de movemento do motor orixinal do Cube que permite aos xogadores mediante a pulsación de dúas direccións á vez (é dicir, movéndose en diagonal) ir a unha maior velocidade. Os desenvolvedores deixaron isto sen corrixir á mantenta porque o consideraban unha característica divertida do Cube, semellante ao bug do Quake polo que avanzas máis rápido saltando[7].
Outra característica surrealista do xogo é o potencial de uso do retroceso das armas (que empuxa á personaxe cara a atrás) á hora de alcanzar e realizar movementos outrora imposibles. Isto tamén se fixo adrede, permitindo aos xogadores moverse máis rápido e saltar máis alto[8].
No AssaultCube hai dous equipos, dous bandos, os Cubers Liberations Army (CLA) e os Rabid Viper Special Forces (RVSF).
Modos de xogo
[editar | editar a fonte]Deixando de lado os modos con bots e o editor de niveis, AssaultCube conta con doce modos de xogo distintos[9]:
- Deathmatch (partida a morte todos contra todos)
- Team Deathmatch (partida a morte por equipos)
- Last Swiss Standing (partida a morte só con navallas e granadas)
- Survivor (partida a morte todos contra todos por roldas)
- Team Survivor (partida a morte por equipos e por roldas)
- Pistol Frenzy (partida a morte só con pistolas, navallas e granadas)
- Capture The Flag (partida enfocada á captura da bandeira)
- One Shot One Kill (partida a morte todos contra todos con francotirador)
- Team One Shot One Kill (partida a morte por equipos con francotirador)
- Keep The Flag
- Team Keep The Flag
- Hunt The Flag
Armas
[editar | editar a fonte]Todas as armas son ficticias e completan o grupo básico dun xogo de acción en primeira persoa moderno:
- Swiss Tech Combat Blade DR-88 (navalla)
- Mk-77 Semi-Automatic Pistol (pistola)
- MTP-57 Assault Rifle (rifle de asalto)
- Precision Tech AD-81 Sniper Rifle (rifle francotirador)
- A-Ard 10 Submachine Gun (semiautomática)
- V-19 Combat Shotgun (escopeta)
- SAL-T3 Grenade (granada)
Unha das meirandes críticas que recibe o xogo é precisamente o seu reducido número de armas en comparación con outros xogos similares, en que a variedade de armamento adoita ser máis do dobre.
Lanzamentos
[editar | editar a fonte]0.90
[editar | editar a fonte]Trátase da primeira beta pública do xogo, que foi lanzada o 4 de novembro do 2006. Incluía catro mapas de gran calidade, as sete armas actuais e sete modos de xogo.
0.91
[editar | editar a fonte]Esta versión lanzouse o 12 do mesmo mes. Nela incluíronse parches do Sauerbraten (outro xogo tamén baseado no motor Cube), un novo modo de xogo (o One Shot, One Kill, xunto coa súa versión por equipos), un novo mapa (ac_desert2) etc. Reduciuse ademais o uso de ancho de banda, equilibráronse mellor as armas e a cámara de morte pasou a ser en terceira persoa. A partir desta versión gárdase a configuración do usuario.
0.92
[editar | editar a fonte]Este novo lanzamento data do 17 de xaneiro do 2007. Nel adaptouse o modo One Shot, One Kill ao xogo individual (con bots), engadiuse a selección automática de equipo nas partidas, volvéronse equilibrar as armas etc. Os disparos na cabeza con rifles francotiradores resultan mortais desde esta versión, e pasan xunto coas mortes con navalla e ás producidas con granada a contar coma dúas mortes nas estatísticas. Engadiuse un atallo no teclado para lanzar granadas, por defecto a tecla G. Ademais, os que matan a membros do seu propio equipo reciben unha gran advertencia na súa pantalla.
0.93
[editar | editar a fonte]Un dos cambios máis importantes nesta versión, que data do 4 de xuño do 2007, foi o cambio de nome. O xogo, daquela coñecido como ActionCube, pasou a chamarse AssaultCube, por petición dos desenvolvedores do Action Quake 2. O rexistro de cambio rezaba Best feature ever... (a mellor característica que tivo nunca...).
Esta versión incluíu un novo mapa (ac_snow), un pequeno radar coa localización dos compañeiros de equipo, reflexións na auga, sombras dinámicas dos xogadores, buratos de bala, comunicación escrita cos membros do equipo (poñendo % antes da mensaxe a enviar), pequenas melloras na física etc.
1.0
[editar | editar a fonte]Esta versión viu a luz o 21 de novembro do 2008[10]. Un dato interesante a ter en conta é que o tamaño do instalador dobrouse con esta nova versión, pasando de 19 MB a 40 MB, de 20 a 45 no caso de Mac OS X. Tamén se fixo un importante cambio no aspecto gráfico, cunha completa remodelación do logo, agora máis agresivo.
Con respecto da anterior versión, os cambios foron considerables. Houbo unha importante mellora na xogabilidade, así coma nos recursos. En termos xerais, engadíronse dez novos mapas, tres novos modos de xogo, lixeiros cambios no retroceso das armas e un modo de redución da violencia.
Respecto ao aspecto sonoro, incluíronse novos efectos, comandos de voz, música ambiental nos mapas, dous novas pezas para a banda sonora -sacadas do Cube 1- e música para cando se está a roubar a bandeira do inimigo. No apartado gráfico, destacan a posibilidade de personalizar a personaxe e a nova mira do rifle francotirador (ademais do cambio do logo antes mencionado). Ampliouse e optimizouse o motor gráfico, o que permite a quen teña un bo equipo gozar de melloras gráficas[11].
Tamén se mellorou a interface, facéndoa máis intuitiva. Incluíuse unha fiestra de configuración cando se xoga por vez primeira coas configuracións de maior relevancia no xogo. Engadíronse ademais un menú para cambiar os controis, a posibilidade de inverter o rato, avisos cando se gardan ficheiros na computadora, un compás no radar etc.
A partir da versión 1.0 é posible ademais agacharse -o que permite agocharse mellor e unha mellora na puntería-, sangrar ao recibir un disparo e enviar mensaxes por radio ao equipo (sen necesidade de introducir % antes da mensaxe). Tamén se fixo posible a inclusión de bots (xogadores controlados pola computadora) no equipo do xogador.
1.0.1
[editar | editar a fonte]Nesta actualización que saíu o 12 de decembro do mesmo ano engadíronse tres novos mapas, reduciuse lixeiramente o retroceso da semiautomática e reduciuse o radio de escoita dos pasos dos xogadores, xunto con algúns arranxos de bugs.
1.0.2
[editar | editar a fonte]A última hora do 30 de decembro do mesmo ano viu a luz unha segunda actualización da versión 1.0 do xogo. Os cambios máis significativos estiveron nas melloras da lista de servidores, agora con información máis detallada, máis xeitos de organizar os servidores e a posibilidade de buscar xogadores polo seu alcume en todos os servidores. Ademais, ao intentar descargar unha versión distinta dun mapa desde o servidor, o xogo pregunta desde esta versión se queremos facelo ou non. Tamén se corrixiron numerosos bugs.
Xunto coa saída desta nova versión, mudouse completamente o aspecto do sitio web do xogo, agora máis dinámico e máis colorido.
Licenza
[editar | editar a fonte]Ao igual que o Cube orixinal, o xogo fornécese xunto con todo o seu código fonte, dispoñible baixo unha licenza de código aberto baseada en zlib. Aínda que o motor Cube é libre, algúns medios tales coma gráficos están protexidos por licenzas propietarias.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Cube Engine Games" (en inglés). Consultado o 13/11/2008.
- ↑ "AssaultCube README" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03/12/2008. Consultado o 28/11/2008.
- ↑ "AssaultCube 0.93 - MacUpdate" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02/12/2008. Consultado o 28/11/2008.
- ↑ "Sitio web oficial - Equipo de desenvolvemento" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03/11/2008. Consultado o 31/10/2008.
- ↑ 5,0 5,1 "Sitio web oficial" (en inglés). Consultado o 31/10/2008.
- ↑ "Assault Cube en Abandonia Reloaded" (en inglés). Consultado o 28/11/2008.
- ↑ "Foro de SourceForge.net" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05/12/2008. Consultado o 28/11/2008.
- ↑ "Wiki do AssaultCube - Movemento especial" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03/03/2009. Consultado o 28/11/2008.
- ↑ "Wiki do AssaultCube - Modos de xogo" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15/12/2008. Consultado o 28/11/2008.
- ↑ Minato (alcume no wiki). "Wiki do AssaultCube - Portada" (en inglés). Arquivado dende o orixinal (wiki) o 19/12/2008. Consultado o 21/12/2008.
- ↑ Dividio. "JuegosLinux - AssaultCube 1.0" (en castelán). Arquivado dende o orixinal (blog) o 17/10/2019. Consultado o 22/12/2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial, en inglés (descargalo).
- AssaultCube en SourceForge.net, en inglés.