A abella na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abella libando na flor do toxo, Teo

A seguir recóllese a pegada que deixou a abella na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Xunto á información referida á abella propiamente dita, recóllese tamén a que fala do trobo, o mel e a cera.

Crenzas e supersticións[editar | editar a fonte]

Cando sae un enxamio da colmea, ségueno cunha saba dicindo: Pousa, mestra; pousa, mestra.

A abella é símbolo da actividade e do traballo, e ademais crese que as almas dos mortos volven á terra en forma de abellas. Por todo isto non se as pode matar, xa que O que mata unha abella ten cen anos de pena. Pola contra, dise que as meigas convértense en abellóns cando veñen facer dano, e de aí o refrán O que mata un abellón, ten cen anos de perdón.

Para curar a retención de urina debe facerse o seguinte: torrar unha ducia de abellas ou máis, nunha tella, e recoller o po resultante, que logo se dá a beber disolto en viño [1].

A inflamación que producen as picaduras das abellas evítase se se aplica no punto da picada inmediatamente unha moeda de cobre.

Para cura-las mazaduras frégase na zona cunha mestura de auga, mel e barro.

Para cura-lo tirizó empréganse emplastos de mel e lévedo de pan para acelera-la maduración do absceso, ou follas de ameneiro colocando a face sobre o tirizó.

Para determina-la orixe dun mal de aire (sexa de gata, de galiña, de muller etc.), en Boiro (A Coruña) poñen a cocer borras de mel en nove litros de auga e durante nove días lavan diariamente ó meniño enfermo nesta auga, desde os pés á cabeza. A auga utilizada vaise recollendo e ó cabo dos nove días bótase nunha encrucillada dun camiño sacramental, e na auga aparecerán os pelos ou plumas do animal causante do mal.

En Cambados, para cura-lo mal do aire, fan pasar ó enfermo debaixo dun enxamio de abellas, ou ben colócano debaixo dunha campá que estea tocando a oración.

Conta a lenda que unha vez ía san Pedro con Xesucristo e atoparon un enxamio de abellas. Xesús díxolle que o collera debaixo do brazo e san Pedro así o fixo. Ó pouco picouno unha abella e san Pedro, loxicamente, apretou o brazo e matounas todas. E Xesucristo reprendeulle dicindo que por que se queixara porque El destruíra unha cidade por dez habitantes pecadores cando agora por unha abella que o picara a el matou as outras todas. A lección do conto é que hai que previr que nunha colectividade xurda un mal individuo, pois por el poden pagar tódolos demais.

Léxico relacionado[editar | editar a fonte]

Ophrys apifera, herba da abella
  • Abella: parte inferior do eixo do muíño, tamén denominada ran.
  • Abelleira ou herba abella: melisa (Melissa officinalis L.), coñecida herba aromática e de uso medicinal.
  • Abelloar: encirrar a alguén, importunalo.
  • Abelloarse: encherse de coas un alimento, apodrecer unha árbore.
  • Abelloso: animal inquedo, espantadizo.
  • Abelludo: vivo, esperto
  • herba da abella: nome de diversas plantas (Ophrys apifera Hudson e Orchis mascula L.).
  • Lúa de mel: viaxe de noivos despois de casar ou tempo inmediatamente posterior ó casamento.
  • Mel de cuco: planta cuxa flor lamben os meniños pola substancia doce, como mel, que acumula.
  • Mel de cuco: zume extravasado e coagulado no tronco de cerdeiras, ameixeiras e pexegueiros [2].
  • Orballo de mel: gotas de orballo nas follas dos carballos.
  • Patela de mel: clase de cogomelo.
  • Paxaro abelleiro: abellaruco (Merops apiaster).

Locucións[editar | editar a fonte]

En liña de abella
Roiba coma o mel
  • Acodir coma as abellas ó mel.
  • Achegarse ós mellores como as abellas ás flores.
  • Caír coma a sopa no mel: oportuno, a tempo.
  • Celme coma o mel.
  • Como feito de cera: dise dunha persoa dócil, ou dunha cousa xeitada ó fin que se persegue [3].
  • Como un cereiro: sucio.
  • Deixar a un co mel nos beizos: sacarlle o que empezaba a gozar [4].
  • Doce coma a fava do mel.
  • En liña de abella: en liña recta.
  • Facerse de mel: ser un brando, aceptar o que sexa [4].
  • Máis amarelo que a cera: dise da persoa pálida, enfermiza [3].
  • Máis branco que a cera (Ó escoita-la noticia, púxose máis branco que a cera)[3].
  • Máis brando que a cera: fácil de conformar, acomodaticio.
  • Máis doce có cu das abellas.
  • Marelo coma a cera.
  • Non haber máis cera que a que arde.
  • Non ser mel nin fel: dise dunha persoa que, sen ser boa, tampouco se lle pode cualificar de mala [4].
  • Pálido como a cera ('A pobre Taresa, pálida, pálida como a cera, estaba escoitando como esbochaba súa nai).
  • Pasarlle a un o mel polos beizos: poñerlle a alguén a boca auga [4].
  • Roiba coma o mel (Tiña … unha cabeleira longa, roiba como a mel, que lle chegaba ata os pés).
  • Ser coma unha cera: ser moi brando, moi dócil, ser bo de máis [3].
  • Ser como se a fixesen de cera: dise dunha muller fermosa.
  • Ser de mel: ser brando de máis (unha persoa) [4].
  • Ser unha cera: ver ser coma unha cera.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Refraneiro galego da abella.
Ó que se fai mel cómeno as moscas
  • A abella e a ovella en abril deixan a pelexa.
  • A abellariza e o coello, no monte vello.
  • A cera sobexa queima a igrexa.
  • A chuvia no mes de agosto non é chuvia, que é mel e mosto.
  • A ovella e a abella no maio deixan a pelexa.
  • A ovella e a abella polo abril deixan a pelexa.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Amiguiñas de Miguel,/ todas cargadiñas de mel,/ e de mal e de maduro,/ revírase don Grigorio del Curro.
  • As costureiras de agora / foron feitas ó sisel, / son amiguiñas dos homes / coma as abellas do mel [5].
  • Cásate cunha morena/ que son pombiñas sen fel;/ ten o curazón de ouro/ i os labios saben a mel [6].
  • Eu pedinlle o Maio / a un coronel, / non me tuvo qué dar / mais que un pucheiro de mel.
  • Manoel, Manoeliño,/ Manoel feito de cera:/ quen me dera ser o lume/ que a Manoel derretera.
  • Manuel, caga mel, / I as abellas c... para el / A gata c... nata / i o Manuel todo lapa.
  • Meu Manoel, meu Manoeliño,/ meu Manoel feito de cera,/ quen me dera ser o lume/ que ó meu Manoel derretera [7][8].
  • Miña comadre Pelonia, / veño a que me preste un pan. / Meu compadre escaravello, / ¿logo que fixo no vran?
  • Ninguién se fíe dos homes/ nin de todo o seu afán,/ que teñen o mel na boca/ e no peito o solimán [9].
  • Non me teñas compasión, / sarna con gusto non pica / nin hai mel sin aguillón.
  • O pai que ten unha filla/ pensa que ten un reinado:/ ten un cortizo de abellas/ que por baixo está minado [10].
  • Señora María/ e señor Manoel,/ castañas asadas/ e viño con mel.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

...a abella
  • Agora vou cantar / partindo dos meus amores, / dígame: ¿que é un pastel / tirado de varias flores? (O mel)
  • Alta como o sino, / verde como os limóns, / doce como o mel / amarga como o fel. (A noz)
  • Alta como o sino, / verdega como o liño; / é doce como o mel / e amarga como o fel. (A noz)
  • Alta como pino, / verde como liño, / amarga como fel / e sabe como mel. (A noz)
  • Alto coturiño / verde como o liño, / sabe como o mel / e amarga como o fel. (A noz)
  • Branco como papel, / doce como mel / amargo como fel. (O coco)
  • ¿Cal é o animal que voa,/ sen tripas nin corazón,/ que dá lucenza ós mortos/ e ós vivos consolación. (A abella, que produce cera e mel)
  • Cousiña cousa, / pena por baixo, / pena por riba / e un tesouro / na barriga. (O trobo)
  • Dígame xa o rapaciño, / que xa estudiou xeografía, / ¿cal é a ave que sen peitos cría, / alimenta os vivos/ e ós mortos alumía? (A abella)
  • Do tamaño dunha abella, / enche a casa ata a tella. (A luz)
  • Estudiante que estudás / nos libros de filosofía, / decidme: ¿cal é o insecto / que non ten peitos e cría, / que ós vivos dá alento / e ós mortos alegría? (A abella)
  • Estudiante que estudiaste/ gramática e teoloxía./ ¿Cal é a ave/ que non ten peitos e cría;/ para os vivos dá sustancia/ e para os mortos alegría? (A abella)
  • Moitas monxas nun convento, visitan as flores e fan doces dentro. (As abellas)
  • ¿Que cousa é cousa / que bate co tras na lousa? (A abella)
  • Un convento pechado, / sen toques nin campás / e moitas monxas dentro / facendo pastel de natas. (O trobo)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  2. Aníbal Otero Álvarez (1977).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Eladio Rodríguez González, s. v. cera.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Eladio Rodríguez González, s. v. mel.
  5. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: d’agora, com’as.
  6. Xaquín Lorenzo Fernández, 60.
  7. Fermín Bouza Brey 1929, 160.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: selo. Ser feito de cera significa ser moi bo.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 107. O solimán, ou sublimado, é a substancia que resulta da combinación de cloro e mercurio, moi velenosa e empregada en medicina como desinfectante.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 122.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]