Folosa real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folosa real

Folosa real en Francia.


Son da folosa real.

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Superfamilia: Sylvioidea
Familia: Acrocephalidae
Xénero: Acrocephalus
Especie: A. melanopogon
Nome binomial
'Acrocephalus melanopogon'
(Temminck, 1823)

A folosa real (Acrocephalus melanopogon) é un paxaro da familia das folosas (Sylviidae)) de costumes parcialmente migratorios.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha folosa mediana (entre 12 e 13,5 cm de lonxitude), algo meirande cá fulepa das xunqueiras (Acrocephalus schoenobaenus), á que semella moito. Os adultos teñen o lombo acastañado cun estriado fino e a parte inferior branca, tamén estriada. A fronte é patela e teñen unha marca superciliar ("cella") abrancazada. As cobertoiras das zona do oído son grises e o bico forte e apuntado. Os dous sexos teñen plumaxes semellantes, como é común nas máis das especies emparentadas, pero os individuos novos teñen máis manchas, e marcas no peito.

O canto, semellante ó da fulepa das xunqueiras, inclúe imitacións do doutros paxaros e os asubíos finais típicos das aves do xénero Acrocephalus, por ben que é máis doce e melodioso có destas incluíndo frases que lembran o canto do rousinol. A diferenza da fulepa das xunqueiras non cantan voando.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Crían no sur de Europa, nas zonas de clima temperado do sur de Asia e, en menos cantidade, no noroeste de África. As poboacións do suroeste de Europa son sedentarias, as do sueste pasan o inverno na área do Mediterráneo e as asiáticas emigran á península Arábiga e á India. Na zona máis setentrional da súa área de cría son raras, pero apareceron como divagantes tan ó norte coma en Polonia e Dinamarca.

Viven entre vexetación acuática erguida, coma xuncos e canas.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Son aves insectívoras que comen tamén pequenos moluscos acuáticos.

Acrocephalus melanopogon melanopogon

Adoitan formar parellas monógamas (Leisler & Wink 2000). Fan o niño sobre da auga, entre canas ou xungos, ou entre os mato. Poñen entre tres e seis ovos a partir de mediados de abril, que chocan catorce ou quince días.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Acrocephalus melanopogon". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.