Avelaiona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A avelaiona (Strix aluco) é unha ave de rapina nocturna de tamaño mediano e cabeza relativamente grande.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten unha lonxitude corporal duns 38 cm. e un peso de entre 400 e 630 gramos, sendo as femias máis pesadas cós machos. A cabeza é redonda con ollos escuros, pouco habituais noutras aves da súa familia. As plumas teñen unha coloración mimética. Amosan dúas fases de coloración, unha acastañada e outra gris, con variantes intermedias. As parellas de fases diferentes poden ter polos das dúas clases. A parte inferior do corpo, máis pálida cá superior, está estrada de manchas castañas. O bico é amarelo. Os tarsos e os dedos están emplumados. Teñen as unllas negras. As ás, que teñen unha envergadura de entre 92 e 95 cm, son relativamente máis curtas cás doutros bufos, anchas e arredondadas. O seu voo e potente e ondeante, cun bater de ás regular que alterna ás veces con pláneos curtos.

A chamada máis característica da avelaiona e emitida polos machos durante a época reprodutora e unha longa queixume, que é respondida por un berro áspero da femia.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

É unha ave propia dos bosques de folla caduca e mixtos da área paleártica. Vive dende a cunca mediterránea ata o límite sur do bosque de coníferas boreal. A súa área de distribución e disxunta, repartida en dúas zonas separadas en Europa e o leste de Asia.

Na Península Ibérica distribúese de xeito uniforme por todo o territorio, habita principalmente en zonas boscosas. A súa poboación calcúlase entre as 45.000 e as 61.000 parellas.

Malia a preferencia da avelaiona común polos bosques vellos da folla caduca, non é tampouco infrecuente nos bosques de coníferas e nas paisaxes agrícolas. A súa capacidade de adaptación permítelle mesmo vivir en ámbitos urbanos, coma parques ou xardíns con árbores vellas.

Distribución en Galicia[editar | editar a fonte]

A avelaiona é sedentaria e moi común por toda a xeografía galega, a súa poboación calcúlase nunhas 1.400 parellas.

Sistemática[editar | editar a fonte]

Recoñécense ó redor de 11 subespecies:

  • Strix aluco aluco , á forma típica, de distribución basicamente centroeuropea.
  • Strix aluco sylvatica, das illas Británicas, Francia e a Península Ibérica.
  • Strix aluco mauritanica de África do norte.
  • Strix aluco sibiriae, dos Urais e oeste de Siberia.
  • Strix aluco willkonskii , que vive no Cáucaso e nordeste de Irán.
  • Strix aluco sanctinicolai, do Iraq
  • Strix aluco nivicola.
  • Strix aluco biddulphi.
  • Strix aluco ma.
  • Strix aluco harmsi.
  • Strix aluco yamadae.
Avelaiona

Conduta[editar | editar a fonte]

As avelaionas son aves de actividade preferentemente nocturna. Adoitan pasa-lo día nun lugar protexido, que só abandonan cando son molestadas ou en caso de moito frío para tomar baños de sol. Esparéxense ó lusco fusco para comezar coa caza de animais pequenos.

Alimentación e caza[editar | editar a fonte]

O seu espectro alimenticio e moi amplo, pero os roedores e os paxaros son a súa base nutricional. De tódolos xeitos capturan practicamente todo tipo de animais de talle axeitado que estean á súa disposición, incluíndo musarañas, ras, peixes, escaravellos ou miñocas. Cazan cun voo case totalmente silencioso ó longo das lindes dos bosques ou das beiras dos camiños. Os voos son interrompidos por pausas longas en puntos de espreita, debaixo dos que é típico atopar as súas egagrópilas. Esmagan coas gadoupas os ratos capturados antes de tragalos enteiros empezando pola cabeza. As presas máis grandes son esnaquizadas antes de comelas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os berros que anuncian a época de cortexo da especie escóitanse principalmente en outono e inverno e continúan ata marzo, cando acada o seu punto de máxima intensidade. Nesta época o canto das avelaionas déixase oír case a noite enteira.

Practican a monogamia, e as parellas duran ata a morte dun dos membros. O lugar do niño (que adoita ser un burato nunha árbore, unha fornela nas penas ou o niño abandonado dun córvido ou unha ave de rapina) é escollido pouco despois da copulación, que no centro do continente europeo ten lugar en xaneiro ou febreiro. Poñen a comezos da primavera de tres a cinco ovos brancos e arredondados. Tardan ó redor dun mes en chocalos, tarefa que fai a femia, encargándose de fornece-lo alimento. Cando defenden o niño e os polos son moi feras, e non dubidan en atacar mesmo ós seres humanos, ós que poden chegar a producir feridas serias. Os polos deixan o niño cando aínda non poden voar, e permanecen pousados en polas preto del.

Son aves sedentarias que ocupan todo o ano o mesmo territorio. A criada, unha vez adultos dispérsanse de xeito errático cando xa non son mantidos polos pais. A súa esperanza de vida media na natureza é de dous anos e medio.

Avelaionas novas
Strix aluco sylvatica

Situación[editar | editar a fonte]

Faltan datos exactos sobre a situación da especie en áreas amplas da súa distribución, Segundo as estimacións do ano 2006 da IUCN en Europa atoparíanse entre 500.000 e 1 000 000 de parellas reprodutoras, polo que a especie non se considera ameazada.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Melde, Manfred: Der Waldkauz. Die Neue Brehm-Bücherei 364. A. Ziemsen Verlag, 1989. ISBN 3-7403-0229-1
  • Urs N. Glutz von Blotzheim u. Kurt M. Bauer: Handbuch der Vögel Mitteleuropas - Columbiformes bis Piciformes (Bd 9). Aula Verlag 1980, 1994. ISBN 3-89104-562-X
  • Nicolai, Jürgen: Greifvögel und Eulen. Kompass Naturführer. Gräfe und Unzer Verlag. München, 1987. ISBN 3-7742-3805-7
  • Guía das aves de Galicia, Baía Edicións 2004.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]