Constanza de Hauteville

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Constanza de Hauteville
Raíña de Sicilia
A raíña e emperatriz Constanza

Reinado1197 - 1198
Outros títulos
Nacemento2 de novembro de 1154
Palermo
Falecemento27 de novembro de 1198
Palermo
SucesorFrederico II
ConsorteHenrique VI Hohenstaufen
Casa realCasa de Hauteville
ProxenitoresRoxerio II
Beatriz de Rethel

Escudo de Constanza de Hauteville
Escudo da familia Hauteville
Na rede
WikiTree: Altavilla-24 Find a Grave: 8283417 Editar o valor em Wikidata

Constanza de Hauteville, ou Constanza I de Sicilia, nada en Palermo o 2 de novembro de 1154 e finada na mesma cidade o 27 de novembro de 1198, foi a última raíña de Sicilia da dinastía Hauteville. Antes foi raíña consorte e rexente de Sicilia, así como emperatriz consorte (como muller de Henrique VI) do Sacro Imperio Romano Xermánico. Foi a nai do tamén emperador Frederico II.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nada o 2 de novembro de 1154 en Palermo, Constanza foi a derradeira filla de Roxerio II, rei de Sicilia, e da súa terceira esposa Beatriz de Rethel. Cando naceu, presumibelmente non herdaría o trono.

Segundo unha tradición popular, transmitida por Giovanni Villani e despois retomada por Dante e outros, Costanza tería manifestado na súa xuventude interese pola vida monástica ou incluso entrara nun convento. Porén esta suposta decisión non ten ningunha confirmación certa. O que si é certo é que Constanza estaba aínda solteira á idade de trinta anos e, dado o seu rango de princesa, esta situación podería parecer naquela época un feito máis ben pouco usual.

Quest'è la luce della Gran Costanza
che del secondo vento di Soave
generò 'l terzo e l'ultima possanza
.
Dante Alighieri, Divina Comedia - Paradiso, Canto III, 118-120
Esta é a luz da gran Costanza
que do segundo vento de Soave
xerou o terceiro e o último poder.
Dante Alighieri, Divina Comedia - Paraíso, Canto III, 118-120.

Matrimonio con Henrique de Hohenstaufen[editar | editar a fonte]

O 29 de outubro de 1184, en Augsburgo, concertouse o compromiso de Henrique de Hohenstaufen (ou de Suabia), fillo do emperador Frederico Barbarroxa, coa princesa normanda Constanza de Sicilia.

No verán de 1185 Constanza deixou Palermo para ir a Milán, onde estaba previsto que se celebrase a voda, acompañada dun fastuoso cortexo de príncipes e baróns.

Henrique VI e Constanza.
(Liber ad honorem Augusti, Pietro da Eboli, 1196).

Henrique acompañou a Constanza até Salerno, pero tivo que deixala alí e viaxar a Alemaña para asistir ao enterro da súa nai.[1]

O 23 de agosto de 1185, polo valor simbólico e político que tiña a aprobación por parte da Igrexa deste enlace, en Rietti, a primeira cidade fóra do Reino de Sicilia, tivo lugar unha primeira celebración do matrimonio, por procuración, en presenza dunha delegación imperial en representación de Henrique.[2] A voda repetiuse despois en Milán, o 27 de xaneiro de 1186.

Henrique foi elixido en Bamberg en xuño de 1169 Rei de Romanos,[3] e coroado como emperador do Sacro Imperio en 1191 en Roma polo papa Celestino III, xunto á súa esposa que, deste xeito, se converteu en emperatiz consorte.

Tancredo e Constanza[editar | editar a fonte]

A captura de Constanza en Salerno.
Nacemento de Frederico II en Jesi.
Moeda coa efixie de Constanza.
Sarcófago de Costanza na catedral de Palermo.

En 1189, estando a punto de morrer o rei Guillerme II sen descendentes directos, designou a súa tía Constanza, irmá do seu pai e filla de Roxerio II, como herdeira, obrigando os cabaleiros a xurarlle fidelidade, tratando así de resolver as diferenzas que opoñían a nobreza siciliana e o clero á familia estranxeira dos Hohenstaufen.

En efecto, aos baróns e ao papado non lles gustaban os suabos e a súa política; considerábanos pouco influenciábeis e demasiado autoritarios. En consecuencia, os baróns elixiron como rei a Tancredo de Sicilia, primo de Guillerme II e fillo natural de Roxerio III, duque de Puglia; o seu avó era Roxerio II e a súa tía a mesma princesa Constanza, un ano máis nova ca el.

A elección recaeu en Tancredo porque tiña sona como comandante militar, e era o único descendente da liñaxe normanda de Sicilia, aínda que ilexítimo. Por outra parte, estando o emperador Frederico Barbarroxa participando na III Cruzada en Terra Santa, Henrique VI e Constanza foron obrigados a permanecer no Reino de Alemaña, que daquela estaba nunha situación particularmente delicada e, por tanto, a descoidar a atención de Sicilia. Neste contexto, en novembro de 1189, en Palermo, Tancredo foi coroado rei de Sicilia. O papa Clemente III, a pesar de que non vía con bos ollos un soberano da casa de Hohenstaufen, de Alemaña, en Sicilia, aprobou e recoñeceu a elección.

Cando Henrique, en 1191, sucede ao seu pai no trono imperial, partiu de contado para conquistar Sicilia, apoiado pola frota pisana, sempre fiel ao emperador. Porén, a frota siciliana de Tancredo conseguiu vencer os mariñeiros pisanos e o exército de Henrique, que foi decimado, debido a unha serie de acontecementos desafortunados (entre eles unha praga). Tancredo tamén logrou capturar e encarcerar a Constanza en Salerno. Para liberar a emperatriz, o rei normando acordou unha tregua con Henrique. Pensou entregar a Constanza ao papa Celestino III, que se ofrecera como mediador; pero durante a viaxe a Roma, o convoi foi atacado por un grupo de soldados suabos, e a emperatriz foi liberada.

En febreiro de 1194 Tancredo morreu, e sucedeuno no trono Guillerme III, que tiña só 9 anos, baixo a rexencia da súa nai, Sibila de Medania.

Neste contexto, Henrique regresou a Italia e dominou polas armas o Reino de Sicilia en pouco tempo. O 20 de novembro de 1194 entrou en Palermo,[4] e o 25 de decembro foi coraodo rei na catedral desta cidade. Pouco despois Sibila e o pequeno Guillerme III, último rei da casa de Hauteville, foron deportados a Alemaña.[5]

Nacemento de Frederico II[editar | editar a fonte]

Constanza, que estaba en Alemaña, cando quedou embarazada regresou a Italia. Cando estaba a punto de chegar a Sicilia, pariu na vila de Iesi, preto de Ancona ao futuro Frederico II de Suabia. O nacemento do fillo de Constanza foi importante para a sucesión do Reino de Sicilia, pero estivo rodeado de moitos dixomedíxomes e especulacións: Frederico foi considerado por algúns detractores como o Anticristo, xa que unha lenda medieval sustentaba que nacería dunha monxa vella, e Constanza de Sicilia no momento do parto tiña 40 anos e, antes da voda, dicíase que vivira nun convento. Tamén, debido á súa avanzada idade, moitos non crían na preñez da raíña. Por estas razóns construíuse un baldaquino no centro da praza baixo o que Constanza pariu publicamente co fin de disipar calquera dúbida sobre o nacemento do futuro emperador. Villani, na súa Crónica, escribiu:[6]

Cando a emperatriz Constanza estaba preñada de Frederico, sospeitábase en Sicilia e en todo o Reino da Puglia que, debido á súa avanzada idade, non podería estar preñada; por iso, cando ía parir, fixo colocar unha tenda na praza de Palermo e emitiu un bando para que todas as mulleres que quixesen fosen vela; e moitas foron, pero aínda así non acabou a sospeita.
Giovanni Villani

Rexencia e morte[editar | editar a fonte]

Polo seu matrimonio, Constanza foi raíña consorte de Sicilia desde 1194 até a morte do seu marido. Henrique VI de Hohenstaufen finou en Messina en 1197, despois dunha enfermidade (parece que malaria) contraída durante o asedio de Castrogiovanni. As misteriosas circunstancias da súa morte deron lugar a moitas dúbidas, mesmo a que a súa causa se debeu a un envelenamento tramado polo seu contorno máis próximo (mesmo pola súa propia esposa).[7] Este feito, porén, nunca foi documentado historicamente.

Constanza asumiu o papel de titora de Frederico II e rexente do Reino. Pouco antes da súa morte, un ano máis tarde, puxo o seu neno baixo a tutela do papa Inocencio III, un acto que, nese momento, foi politicamente conveniente pero que, máis adiante, non deixou de suscitar problemas de non fácil solución.

Constanza morreu en Palermo aos corenta e catro anos, o 27 de novembro de 1198, cando o seu fillo Frederico tiña case catro anos. Foi sepultada na catedral de Palermo, a rentes do sarcófago do seu pai Roxerio II.

Predecesor:
Beatriz de Borgoña
Raíña consorte de Romanos
1186 - 1191
Sucesor:
Irene Ángelo
Predecesor:
Beatriz de Borgoña

Emperatriz consorte do Sacro Imperio

1191 - 1197
Sucesor:
Beatriz de Suabia
Predecesor:
Guillerme III
Raíña de Sicilia
(Xunto a Henrique VI até 1197)

1194 - 1198
Sucesor:
Frederico II

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Costanza d'Altavilla, imperatrice e regina di Sicilia". Dizionario Biografico degli Italiani - Volume 30 (1984). Consultado o 30 de setembro de 2016.  En Trecanni (en italiano).
  2. "Il matrimonio per legatos di Costanza d'Altavilla (1185)" (en italiano). Consultada o 30 de setembro de 2016.
  3. Rei de Romanos (Rex Romanorum) era o título usado no Sacro Imperio Romano Xermánico por un emperador futuríbel, é dicir, que non fora aínda coroado polo papa, e que polo tanto non podía intitularse Emperador.
  4. Sturner, Wolfgang (1992), p. 41.
  5. Norwich, John Julius (1972), p. 428.
  6. Cómpre ter en conta que toda a Crónica de Villani está chea de clamorosas inexactitudes: Constanza era tía de Guillerme e non irmá (serocchia); o matrimonio tivo lugar en Milán e non en Roma; Constanza casou aos 32 anos e non aos 50; pariu aos 40 anos e non aos 52; o nacemento tivo lugar na praza de Jesi e non en Palermo. Baséandose nestas inexactitudes, a crítica actual tende, por tanto, a considerar como produto da fantasía popular incluso as outras referencias de Villani relacionadas cos seus presuntos votos monásticos e o episodio da tenda de campaña de Jesi.
  7. "Henrique VI morreu en Messina, envelenado, polo que se cre, polo seu propio contorno debido á súa política italiana". En: Kenneth Varty, ed. (2000): Reynard The Fox: Social Engagement and Cultural Metamorphoses In the Beast Epic from the Middle Ages to the Present. New York: Berghahn Books. ISBN 1-57181-737-9, p. 41.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bogdan, Henry (2003): Histoire de l'Allemagne de la Germanie à nos jours. Perrin. ISBN 2-262-02106-6.
  • Norwich, John Julius (1972): Il regno del sole. Vol. II. Milán: Mursia.
  • Horst, Eberhard (1981): Federico II di Svevia. L'imperatore filosofo e poeta. Milán: Rizzoli. ISBN 88-17-11621-1.
  • Houben, Hubert (2009): Federico II. Imperatore, uomo, mito.. Bologna: il Mulino. ISBN 978-88-15-13338-0
  • Quatriglio, Giuseppe (2002): Mille anni in Sicilia - Dagli Arabi ai Borboni. Marsilio. ISBN 88-317-6405-5.
  • Russo, Carla Maria (2004): La Sposa Normanna. Edizioni Piemme.
  • Sturner, Wolfgang (1992): Federico II. Roma: De Luca.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]