Batalla de Trafalgar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Trafalgar
Parte de guerras napoleónicas

Cadro de J. M. W. Turner sobre a batalla de Trafalgar.
Data 21 de outubro de 1805
Lugar Cabo Trafalgar
Resultado Vitoria británica
Belixerantes
Reino Unido Primeiro Imperio Francés Francia

Reino de España

Líderes
Horatio Nelson
Cuthbert Collingwood
Villeneuve
Federico Gravina
Antonio de Escaño
Francisco Javier de Uriarte y Borja
CayetanoValdés
Dionisio Alcalá Galiano
Cosme Damián Churruca
Ignacio María de Álava
Francisco Alcedo y Bustamante
Baltasar Hidalgo de Cisneros
Forzas en combate
27 navíos de liña
4 fragatas
2 outros
23 309 homes[1]
Francia: 18 navíos de liña

España: 15 navíos de liña
26 000 homes
Baixas
449 mortos
1.214 feridos
4.480 mortos, 2.250 feridos, 7.000 prisioneiros, 22 barcos capturados/perdidos
O almirante británico Horatio Nelson venceu en Trafalgar cando xa levaba unha brillante carreira militar, pero resultou morto nesta batalla.

A batalla de Trafalgar foi unha batalla naval que tivo lugar o 21 de outubro de 1805, durante as guerras napoleónicas. Os bandos que participaron no combate foron o británico, comandado por lord Nelson, e unha confederación franco-española, comandada polo francés Villeneuve. Venceu o bando británico aplastantemente, mais, coa importante perda do seu comandante, Horatio Nelson.

Condicións previas da batalla[editar | editar a fonte]

Napoleón vencera xa daquela a todos os seus adversarios, con excepción de Gran Bretaña. Por iso era preciso para os seus propósitos atacar a Gran Bretaña. O poder británico proviña do seu inmenso imperio colonial, e Napoleón necesitaba que as mercadorías non chegasen bloqueando a illa. Pero había un problema: o poder francés como potencia naval era moito menor que o británico, e desta forma sería imposible bloquear Gran Bretaña.

O emperador axiña se decatou de que necesitaría un aliado para vencer a Gran Bretaña. E buscou un que estivese case á marxe das guerras napoleónicas en Europa e que tiña unha gran potencia naval: España. O poder marítimo español era daquela unha sombra do que fora, mais seguía sendo moi grande.

Así, o 18 de agosto de 1796, España e Francia asinaron o Tratado de Santo Ildefonso, no que se comprometían a se defender mutuamente de ataques que puidesen sufrir por parte de terceiros. Esta alianza supuxo a entrada española nalgúns conflitos da época.

Napoleón ideou entón un plan para invadir Gran Bretaña. A armada franco-española navegaría cara a América para chamar a atención dos británicos, os cales irían socorrer as súas colonias coa súa armada. Coa frota británica en América, a armada franco-española volvería cara a Europa, onde se encargaría de escoltar a 160 000 soldados e 2.000 buques franceses para levalos a costas inglesas.

Non obstante, xurdiu un contratempo: a armada combinada foi avistada por un buque inglés cando esta volvía de América. Gran Bretaña enviou unha frota de ataque, a cal é recibida por sorpresa por Villeneuve, polo que se refuxia en Ferrol. Napoleón, indignado, ordena que a armada combinada parta cara a Brest. Porén, Villeneuve decide ir a Cádiz, por temor a se topar coa armada inglesa. Isto supón que Napoleón retire as tropas que ían invadir Gran Bretaña.

Napoleón non se fía dos dotes de Villeneuve como comandante, polo que lle ordena que se quede en Cádiz ata nova orde, esperando ó almirante Rossily, para relevalo.

En outubro de 1805, a frota británica, comandada por Nelson, atópase en Xibraltar, moi preto da armada combinada. A escuadra de Nelson intenta bloquear o porto de Cádiz, para impedir que a armada combinada se reúna cos barcos franceses do Mediterráneo.

Villeneuve reúne entón os comandantes da súa armada: por parte española, o xefe da frota española Gravina, o xeneral Churruca, o tenente-xeneral Álava, Alcalá Galiano, Escaño e Cisneros; e por parte francesa, os almirantes Dumanoir e Magon, e os capitáns de navío Cosmao, Maistral, Villiegris e Prigny.

Naquel momento anunciábase unha tormenta, polo que Gravina pensaba que o mellor era ficar no porto de Cádiz, onde estarían seguros, ó contrario que os británicos, que sufrirían graves danos ó estaren en mar aberto. Por outra banda, non crían que os británicos decidisen atacar Cádiz, pois era un porto moi seguro. Ademais, sabían que a tripulación combinada era moi inferior, pois a dos barcos españois estaba sobre todo composta por campesiños recrutados forzosamente.[Cómpre referencia]

Villeneuve preferiu desoír os consellos do mando español, pois coñecía que Rossily se dirixía a Cádiz e que ía relevalo do mando.

Retrato de Villeneuve do que se di que puido morrer por se suicidar ou ben asasinado. Considérase que a morte do vicealmirante da frota francesa Villeneuve, veu dada indirectamente polo resultado da batalla de Trafalgar.

Desenvolvemento da batalla[editar | editar a fonte]

Buques belixerantes[editar | editar a fonte]

Armada franco-española[editar | editar a fonte]

Españois

Franceses

Armada británica[editar | editar a fonte]

A batalla[editar | editar a fonte]

Finalmente a frota sae a mar aberto. A armada combinada avanza en liña cara ó sur, pero ó albiscar as naves inglesas, Villeneuve ordena virar os navíos cara a Cádiz de novo. A viraxe é completamente defectuosa, quedando divididas as naves en varios grupos.

Nelson aprovéitase disto, e formando a súa frota en dous grupos navega perpendicularmente cara á frota franco-española. Trala célebre frase Inglaterra espera que cada un cumpra co seu deber, os buques británicos comezan a súa marcha.

Ás 12 da mañá, o Fogueaux e o Santa Ana, buques combinados, abren fogo sobre o Royal Sovereing, iniciando o combate. Poucos buques se salvan do bombardeo: o Victory (buque de Nelson) é alcanzado polas balas de canón do Hérors.

Á 1 do mediodía, a columna da armada combinada está partida por varios lugares. Á unha e cuarto, un infante de mariña francés do Redoutable dispara sobre Nelson, que cae ferido mortalmente.

A manobra preparada por Nelson dá os seus froitos e agora a frota franco-española está dispersa, con oito buques lonxe dos combates que intentan volver xunta ó resto da frota, xa ás dúas do mediodía.

No lugar do combate, os barcos franco-españois son bombardeados e abordados a pracer polos buques británicos.

Ás catro e media deixan de soar as baterías. Villeneuve rende o seu barco, o Bucentaure, ós ingleses, e é feito prisioneiro. A batalla finaliza coa vitoria británica. Os británicos non perden un só navío (fronte ós 18 buques combinados), mais perden o brillante almirante Nelson. O bando español tamén ten grandes perdas entre os seus almirantes: Churruca, Álava e Alcalá Galiano. Tamén morre Gravina polas feridas causadas na batalla, meses despois.

Trala batalla[editar | editar a fonte]

O parte da batalla, coñecido bastante despois, deu o seguinte resultado: 3.692 mortos e 3.779 feridos, dos mortos, non chegaban a 500 os británicos.

A vitoria de Gran Bretaña supuxo a paralización da invasión por parte francesa (cando foi informado da derrota, Napoleón estaba planeando a invasión de Gran Bretaña, e dixo gardade eses mapas, non os precisaremos en moito tempo), a consolidación de Inglaterra como potencia hexemónica naval e a final de España como gran potencia naval.

Villeneuve, humillado pola derrota, foi levado a Londres, onde é liberado, e no seu camiño de volta a Francia suicidouse, segundo a versión oficial. Así e todo, hai fontes que din que Napoleón o mandou asasinar.

Trafalgar na literatura[editar | editar a fonte]

En numerosas ocasións a batalla de Trafalgar foi contexto para obras literarias, sendo a máis coñecida Trafalgar de Benito Pérez Galdós, pero hai outras máis; estes son algúns exemplos:

Lírica[editar | editar a fonte]

  • El combate naval del 21 de octubre de José Mor de Fuentes.
  • Oda a Trafalgar de Francisco Sánchez Barbero.
  • Glorias Españolas: Episodio lírico nacional del combate de ¡Trafalgar! (1889) de Julio de las Cuevas.
  • Trafalgar: episodio nacional, lírico dramático (1891) de Javier de Burgos.
  • Una gloriosa derrota. Narración histórica (1898) de Enrique Tomasich.

Narrativa[editar | editar a fonte]

Conmemoración do bicentenario[2][editar | editar a fonte]

A armada británica atacou en dúas columnas co fin de romper a columna da armada combinada, tal como se observa nesta antiga representación da batalla. A estratexia de Nelson tivo éxito, pois a armada combinada quedou dispersada e nunha situación caótica, o que permitiu a vitoria británica.

Con motivo do bicentenario da batalla, as armadas: española, francesa e a británica; realizaron un acto de honra ós caídos, nas augas onde sucedeu a contenda. Participando nel descendentes dos mariños que nela loitaron; como os de Federico Gravina, Villeneuve ou Nelson. Aproveitándose a ocasión para impoñerlle a Cruz ó Mérito Naval con distintivo branco a Arturo Pérez-Reverte[3].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Agustín Guimerá, Alberto Ramos e Gonzalo Butrón (coords.): Trafalgar y el mundo atlántico, Ed. Marcial Pons Historia, 2004 ISBN 84-95379-86-4 (en castelán)