Castelo de Cornatelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Cornatelo
ben de interese cultural
ConcelloPriaranza do Bierzo
ProvinciaLeón
Comunidade
autónoma
Castela e León
Coordenadas42°29′16″N 6°41′35″O / 42.48769722, -6.693125Coordenadas: 42°29′16″N 6°41′35″O / 42.48769722, -6.693125
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrománico (século X-XI)
Estilo actual1949
Estado actualsemi-restaurado
Véxase tamén
Castelos de España
editar datos en Wikidata ]

O Castelo de Cornatelo é unha fortificación situada no concello de Priaranza do Bierzo, na bisbarra do Bierzo, provincia de León. Foi declarado Ben de Interese Cultural o 22 de abril de 1949.

O castelo aséntase sobre un promontorio rochoso cortado cara ao leste e o norte por un cavorco de máis de 180 m de desnivel, polo que transcorre o regueiro de Rioferreiros. Polos seus outros dous flancos, que son de doado acceso, está protexido por unha soa muralla percorrido por un adarve defensivo ameado.

Historia[editar | editar a fonte]

Hai diferentes teorías no tocante á orixe deste Castelo, pero a teoría defendida actualmente por diferentes estudosos, é da correspondencia na súa orixe co castelo de Ulver, do que fan mención fontes alto e pleno medievais. Os estudosos cren que o castrum tivo orixe nun destacamento militar, debido á súa gran proximidade ás explotacións auríferas das Medulas. Máis tarde, despois de que os romanos abandonasen os depósitos, o papel que realizaba é relegado a un segundo plano durante o dominio visigodo, reaparecendo posteriormente como un "castellum" sobranceiro na España cristiá dos séculos IX e X.

A comezos do século XI, segundo os primeiros documentos achados, o castelo de Ulver aparece como un castelo importante, naqueles primeiros tempos da Reconquista. A mediados do mesmo século o Conde Munio Muñiz, propietario de numerosos territorios, aparece como tenente do castelo. En 1060, froito do seu casamento con Velasquita, nace a súa filla Ximena Muñiz. Dende o ano 1093 ata o ano 1107, a súa filla aparece como tenente da[1]. Ximena Moniz mantivo unha relación co rei Afonso VI de León, co quen tivo dúas fillas Tareixa de León e Elvira de Castela.

Vista do interior do castelo dende a Casa Colgada.

En 1211, Afonso IX de León, tras facer as paces coa orde do Temple, doa aos templarios a vila de Ponferrada, os cales a fortifican. Máis tarde, os cabaleiros templarios toman a posesión de Ulver, acreditada por unha escritura do Cartulario de San Pedro de Montes do ano 1228: Tenente Ulver Freyres del Templo. Polo tanto, neste ano, os templarios xa se achaban en posesión do castelo de Ulver. Estes permanecerían na fortaleza ata 1312, coa desaparición da devandita orde. En 1327 Afonso XI de Castela, doa o Castelo a Alvar Núñez Osorio. Anos despois, pasa a ser propiedade de Pedro Fernández de Castro. En 1378, o castelo aparece por primeira vez co nome de Cornatelo. En 1388, o Castelo volve formar parte do señorío da familia Osorio, con Pedro Álvarez de Osorio, por doazón de Xoán I de Castela.

O castelo é herdado por Rodrigo Álvarez Osorio, que ao falecer en 1430, a súa posesión pasa a Pedro Álvarez Osorio I Conde de Lemos,[2] co mesmo nome que tiña o seu avó. Este casa con Beatriz de Castro, irmá do Duque de Arjona, xuntando así a herdanza da familia dos Castro, con numerosos señoríos bercianos e obtendo os títulos de conde de Lemos e de Trastámara. En 1467, prodúcese a segunda revolta irmandiña contra a nobreza galega, na cal a fortaleza de Cornatelo é tomada e case totalmente destruída, como outras fortalezas bercianas. En 1469, Pedro Álvarez Osorio manda reconstruír os seus castelos, entre eles Cornatelo. En 1483, morre Pedro Álvarez Osorio, no castelo de Cornatelo provocando un cruento conflito sucesorio: Por unha banda, a segunda muller do conde de Lemos, María de Bazán e a súa filla Xoana Osorio, casada con Luis Pimentel (fillo do conde de Benavente); e por outra , Rodrigo de Castro Osorio , novo Conde de Lemos. O preito, aínda que parecía non afectar directamente a Cornatelo, sufriu un asedio que durou dous anos, polas tropas de Don Rodrigo II conde de Lemos[2], o cal se considera o lexítimo herdeiro de Cornatelo. En 1486 os Reis católicos actúan para solucionar os problemas, creando o marquesado de Villafranca creado para Xoana e o seu marido Luis Pimentel. Con esta intervención, se obríga Rodrigo a entregar o castelo de Ponferrada. En 1507, Don Rodrigo volve tomar Ponferrada e a asediar os castelos de Corullón e Cornatelo, que se atopaba en desacordo coa decisión tomada polos Reis Católicos. Anos máis tarde, o Castelo continuo formando parte do señorío do marqués de Villafranca, ata a desaparición dos señoríos do marquesado de Villafranca.

En 1823, o castelo pasa a pertencer ao municipio de Ponferrada. En 1843, o castelo foi utilizado como escenario romántico para unha das principais novelas históricas españolas: El Señor de Bembibre[3], escrita polo escritor Berciano Enrique Gil y Carrasco.

Por fin, torcendo á esquerda e entrando nun carreiro profundo e barrancoso por cuxo fondo corría un regato, presentóuselle na crista da montaña a mole do castelo iluminada xa polos raios do sol, mentres os precipicios de arredor estaban aínda escuros e cubertos de vapores. Paseábase unha sentinela por entre as ameas, e as súas armas despedían a cada paso vivos resplandores. Dificilmente se pode imaxinar mudanza máis repentina que a que experimenta o viaxeiro entrando nesta profunda gorxa: a natureza deste sitio é áspera e montesía, e o castelo mesmo cuxas murallas se recortan sobre o fondo do ceo parece unha estreita atalaia entre as enormes penas que lle cercan e ao lado dos outeiros que o dominan. Aínda que o foso se cegou e os apousentos interiores se derrubaron co peso dos anos, o esqueleto do castelo aínda se manteñen en pé e ofrece o mesmo espectáculo que entón ofrecía visto de lonxe.
Fragmento Capítulo X, El Señor de Bembibre.[3]
Exterior do Castelo.

Tras varios anos de abandono durante o século XIX, o 29 de novembro de 1900 os Condes de Peñarramiro, herdeiros lexítimos do castelo, conceden a titularidade do castelo e de varias terras á Xunta Veciñal da Vilavella. O Castelo é utilizado para gardar os rabaños da aldea da Vilavella, contribuíndo mais á súa deterioración.

Restauración[editar | editar a fonte]

No ano 2002 restaurouse o castelo logo de séculos de abandono, asegurando os lugares máis deteriorados e dotándoo de elementos de seguridade para poder ser visitado polo público. A obra foi financiada por Fundación do Patrimonio Histórico de Castela e León (formada por varias caixas de aforros rexionais como Caja España-Duero, Caja de Burgos, Caja círculo, Caja Segovia, Caja de Ávila e a Xunta de Castela e León) e a Deputación de León. O investimento foi de 1,2 millóns de euros.

No ano 2003, o castelo foi iluminado exteriormente grazas á Fundación Endesa, cun orzamento de 100.800,38 €.No ano 2006, foi aberto ao público, en horario de mañá e tarde, os venres, sábados e domingos de todo o ano. En verán, está aberto todos os días, agás os luns.

Museo[editar | editar a fonte]

O castelo conta cun museo, onde se recrea o pasado deste e as súas fases de construción, así como as posesións polas que pasou ao longo da historia. A partir de xaneiro de 2010 conta ademais cunha exposición de armas de hasta medievais pertencentes á asociación local Cabaleiros de Ulver (véxase máis abaixo).

Noites Máxicas de Cornatelo[editar | editar a fonte]

Festexo popular de ambientación medieval que se celebra cada última fin de semana de agosto e no que, ademais de gozar de concertos de música celta, exhibicións e actividades diversas, se organiza un mercado medieval denominado "Vila de Cornatelo". Este festexo empezouse a celebrar en 2003, incrementando cada ano o número de visitantes.

No ano 2009 rendeuse especial homenaxe ao Camiño de Santiago, pola integración como itinerario xacobeo oficial da rota denominada Camiño de Santiago de Inverno, cuxa sinalización no seu tramo da bisbarra do Bierzo se inaugurou oficialmente o 28 de febreiro de 2010. Na homenaxe xacobea de Priaranza contouse coa actuación de destacados grupos folk de música celta, como Luar na Lubre, Fraguel Folk, Aira dá Pedra e Cuchufellos.

Cabaleiros de Ulver[editar | editar a fonte]

Foi un proxecto impulsado en agosto de 2008 polas asociacións Baucan e Templespaña en colaboración co Concello de Priaranza do Bierzo. O seu principal obxectivo foi a creación dunha asociación ou confraría, denominada Cabaleiros de Ulver que tivese por finalidade levar en procesión a imaxe de Santiago Peregrino dende a igrexa de Vilavella ata a capela do castelo de Cornatelo.

Tendo en conta a inspiración templaria da devandita asociación, ademais de promover a relixiosidade popular a través da procesión, debería instruír os seus confrades no manexo da espada, o tiro con arco, a confección de cotas de malla e outra serie de habilidades que serían mostradas ao público con motivo das festividades de agosto e se ensinaría mediante cursos e obradoiros.

Asociación Cabaleiros de Ulver[editar | editar a fonte]

Cabaleiros de Ulver é unha asociación berciana creada o 12 de outubro de 2009 a raíz do proxecto do mesmo nome, con sede no C concello de Priaranza do Bierzo e que desenvolve as súas actividades no castelo de Cornatelo. De inspiración medieval en xeral e templario en particular, ten por obxectivos principais a práctica da esgrima e o tiro con arco medieval, así coma a confección do enxoval templario (veste, sobrévesche, helmos, cotas de malla etc). Tamén colabora activamente co Camiño de Santiago de Inverno ao seu paso por terras bercianas. A partir de xaneiro de 2010 comezaron as súas actividades no Castelo de Cornatelo.

Espazos[editar | editar a fonte]

Existe unha galería que une o castelo de Cornatelo. Esta galería encóntrase actualmente pechada o público.

Existe unha planta que só existe no castelo de Cornatelo e nas penas de Ferradillo e de Paradela de Muces, dado ás súas condicións climatoloxías e á altura na que se encontra. Esta planta vén dada polo nome de Petrocoptis viscosa. Esta encóntrase nos muros de pedra calcaria do Castelo.

Outros datos de interese[editar | editar a fonte]

Acceso[editar | editar a fonte]

Dende Ponferrada pola N-536 cara ao Barco. Pasada a localidade de Santalla, poucos quilómetros despois, xa no Alto de Rioferreiros e á esquerda, xorde o desvío cara á Vilavella, Castelo de Cornatelo e Paradela de Muces. Tomando esa estrada ata o seguinte desvío, á esquerda, onde se indica a dirección cara ao Castelo de Cornatelo e A Vilavella.

Mapa de acceso ao castelo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Amaral, Luís Carlos; Barroca, Mário Jorge (2020). Teresa, a Condessa-Rainha (en portugués). p. 65. ISBN 9789896446086. 
  2. 2,0 2,1 Título de nobreza Española. Nun principio non hereditario. O Condado de Lemos como título autónomo, hereditario e perpetuo comezou en 1456 con Pedro Álvarez Osorio. Véxase tamén: Condado de Lemos
  3. 3,0 3,1 Véxase tamén:El Señor de Bembibre e Enrique Gil y Castro en Wikisource.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]