Herba luísa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A herba luísa[1] (Aloysia citriodora) é unha especie da familia Verbenaceae, que se caracteriza por un aroma que recorda o do limón. É orixinaria de Suramérica, onde crece de forma silvestre.

Cultívase con profusión en xardíns de todo o mundo, mais o desenvolvemento da mesma require un clima soleado e húmido. Utilízase en gastronomía como especia e para preparar unha infusión dixestiva e refrescante.

Características[editar | editar a fonte]

Arbusto caducifolio, de entre 3 a 7 m de altura, con talos subleñosos ou leñosos na parte superior. Presenta follas verticiladas de até 7 cm, de forma lanceolada, apicada, coa marxe lisa ou dentada e o pecíolo moi curto, son de cor verde clara polo feixe, co envés marcado por glándulas oleosas ben visibles. Flores pequenas brancas ou branco-violáceas, agrupadas en espigas.

Florece no verán, formando inflorescencias en espigas laxas, de até 10 cm de longo, de cor pálida ou lila. O cáliz posúe dous labios laterais; a corola é acampanada, simpétala, cos lóbulos imbricados. O xineceo está formado por dous carpelos unidos. O froito é unha drupa que se divide en dúas núculas monoseminadas.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Nativa de Suramérica, crece de forma silvestre nos países andinos desde Colombia até Chile e a Arxentina; Paraguai, o Uruguai, Bolivia, o Perú, o Brasil (Río Grande do Sur) e México, desde onde os conquistadores a introduciron en Europa no século XVII. En Europa pode cultivarse en rexións temperadas.

Usos[editar | editar a fonte]

Como ornamental[editar | editar a fonte]

Utilízase habitualmente en xardíns como planta ornamental.
Prefire un clima cálido constante e exposición soleada, non resiste ben as xeadas, a temperaturas por debaixo de 0 °C perde as follas, aínda que a madeira é suficientemente dura como para soportar até -10 °C. Esixe un solo ben drenado, preferiblemente margoso, bastante fértil e húmido no verán.
Multiplícase por semente con facilidade; en climas máis frescos é posible reproducila mediante esgallos. É unha planta fitófila (agosta as plantas que crecen ao seu redor).

Como medicinal[editar | editar a fonte]

En herboristería as follas e talos da herba luísa son ricos nun aceite esencial, cuxo compoñente principal é o citral, responsable do seu cheiro, e que contén ademais limoneno, linalol, cineol, terpineol, e cariofileno, un aldehido sesquiterpénico ao que se lle atribúe acción eupéptica e espasmolítica.

Os extractos de Lippia citriodora son ricos en fenilpropanoides, especialmente verbascósido, que presentan actividade biolóxica como antioxidantes.[2]

A súa infusión —realizada con entre 5 e 20 g por litro— utilízase como dixestivo, carminativo e antiespasmódico, para casos de dispepsia ou dores de estómago. Consómese tamén como sedante lixeiro. Posúe unha importante cantidade de melatonina, substancia que se usa como relaxante natural e que favorece o sono nocturno.

Os elementos usados en infusión recóllense dúas veces ao ano, a finais da primavera e comezos do outono. Empréganse as follas tenras e as sumidades floridas.

En gastronomía[editar | editar a fonte]

As follas secas e picadas emprégase en prebes para darlle un arrecendo cítrico ás comidas. Elabórase con ela tamén un sorbete aromático.

Etnografía[editar | editar a fonte]

A herba luísa é unha das sete herbas máxicas de San Xoán[3]. Era considerada unha herba especial para os amoríos. Tamén se asocia coas troulas e festas nocturnas.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Aloysia triphylla foi descrita por Antonio Palau y Verdera e publicado en Parte práctica de Botánica 1: 768. 1784.[4]

Sinonimia
  • Verbena triphylla L'Hér.
  • Verbena citriodora Cav.
  • Lippia triphylla Kunth
  • Lippia citriodora (L'Hér.) Kuntze
  • Aloysia citriodora (Cav.) Palau[5]
  • Zappania citriodora Lam. (1791).
  • Verbena fragrans Salisb. (1796).
  • Cordia microcephala Willd. ex Roem. & Schult. (1819).
  • Aloysia triphylla (L'Hér.) Britton (1925).
  • Aloysia sleumeri Moldenke (1964).
  • Aloysia triphylla f. serrulata Moldenke (1982).[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para herba.
  2. Funes L; S. Fernández-Arroyo, O. Laporta, A. Pons, E. Roche, A. Segura-Carretero (2009). "Correlation between plasma antioxidant capacity and verbascoside levels". Food Chemistry 117: 589–598. 
  3. Ríos galegos - http://www.rios-galegos.com/sanxoan.htm#HERBA LUISA
  4. "Herba luísa". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 19 de abril de 2013. 
  5. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de outubro de 2012. Consultado o 19 de abril de 2013. 
  6. Sinónimos en Kew

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Armada, J. & A. Barra. 1992. On Aloysia Palau (Verbenaceae). Taxon 41:88–90.
  • Zuloaga, F. O. 1997. Catálogo de las plantas vasculares de la Argentina. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 74(1–2): 1–1331.
  • Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur do Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]