Ciclope

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cabeza dun ciclope no Coliseo romano (século I)

Na mitoloxía grega, os ciclopes[1] (en grego Κύκλωψ, Kýklôps, plural Κύκλωπες Kýklôpes, que vén de κύκλος kýklos, «roda», «círculo», e ὤψ ôps, «ollo») eran os membros dunha raza de xigantes cun só ollo no medio da testa.

Houbo tres xeracións de ciclopes [2]: os fillos de Xea e Urano (ciclopes uranios, da primeira xeración), os ciclopes de Polifemo (ciclopes de Sicilia) e os ciclopes construtores de murallas; por veces estes dous últimos tipos fúndense nun mesmo grupo.

Primeira xeración[editar | editar a fonte]

Os ciclopes da primeira xeración eran fillos de Urano (o Ceo) e Xea (a Terra), e recoñecidos artesáns e construtores. Eran xigantes cun só ollo no medio da fronte e un temperamento horrible. Segundo Hesíodo eran fortes, turróns, e de bruscas emocións. Eventualmente os seus nomes chegaron a ser sinónimo de forza e poder, e usábanse para se referir a armas especialmente ben manufacturadas (a súa habilidade manual era proverbial).

Foron tres: Brontes, Estéropes (ou Astéropes) e Arxes (aínda que algunhas fontes cambian a Arxes por Acmonides ou Piracmon). Había tamén outros catro chamados Eurialo, Elatreo, Traquio e Halimedes, que presumibelmente eran fillos dos tres primeiros.

"Por outra parte, [Xea] deu a luz ós Ciclopes de orgulloso peito, a Brontes, a Estéropes e a Arxes, de violento ánimo, que lle regalaron a Zeus o trono e lle fabricaron o raio. ́Estes eran semellantes ós deuses no demais, pero tiñan un só ollo en medio da súa fronte. O vigor, a forza e os recursos presidían as súas obras".
(Hesíodo: Teogonía 139-147)

Urano temía a súa forza e pechounos no Tártaro. Máis tarde Cronos, outro fillo de Urano e Xea, liberounos, xunto cos Hecatonquiros, porque os necesitaba para axudarlle a derrocar a Urano, mais unha vez conseguida a vitoria volveunos a encarcerar no Tártaro, onde permaneceron, gardados por Campe, até que Zeus os liberou por fin para derrotar a Cronos e ós Titáns (Titanomaquia) [3]. Forxaron para Zeus o raio (que se convertería no símbolo do deus): Arxes puxo o raio (arges, a brancura), Brontes o trono (bronté), e Estéropes o lóstrego (Steropé).

Esta primeira xeración de ciclopes tamén creou o tridente para Poseidón, co que que producía terremotos, e o casco de invisibilidade para Hades (que logo lle deu a Perseo na súa procura para matar a Medusa) [4]. Con tales armas, os deuses olímpicos lograron derrotar ós Titáns e encerralos no Tártaro.

Apolo matou os ciclopes [5], despois de que Zeus matase o seu fillo, Asclepio, co raio forxado por eles, logo de que Asclepio resucitara mortos. Por este motivo, Apolo foi castigado a servir como escravo a Admeto, rei de Tesalia (parte da actual Grecia).

Na iconografía clásica só se representan a partir da Época Imperial, e baixo unha forma humana normal, como ferreiros traballando na súa fragua con un ou dous ollos. Aínda que Hesíodo ou Pseudo-Apolodoro os describiran como xigantes dun só ollo no medio da fronte, Virxilio na Eneida sitúaos na fragua de Vulcano (Hefesto) sen facer ningunha referencia ós ollos. Xa nas manifestacións artísticas modernas (Barroco e Renacemento) só aparecen en raras ocasións cun só ollo, sendo o habitual velos como homes normais.

Vivían nas Illas Eolias (arquipélago na costa norte de Sicilia) ou na propia Sicilia, e o ruído das súas forxas subterráneas provocaban o estrondo dos volcáns e o ton vermello que tinxe o cumio do Etna. Esta vinculación dos Ciclopes e os volcáns responde a unha asociación errónea dos mitos dos Ciclopes e os Xigantes.

Segunda xeración[editar | editar a fonte]

Ulises e os seus compañeiros cegando a Polifemo (ánfora de Eleusis, c. 660 aC

A segunda xeración de ciclopes foi unha primitiva tribo de monstros xigantescos e salvaxes, provistos dun só ollo, descuberta por Ulises nunha remota illa (en ocasións identificada con Hesperia), na súa viaxe de regreso a Ítaca. Criaban rabaños de ovellas, descoñecían o viño e tiñan hábitos antropófagos. Vivían en covas, pois non sabían construír casas nin cidades.

Dicíase que estaban estreitamente relacionados cos Xigantes, xurdidos das gotas de sangue que caeron sobre Xea (a terra) cando Urano foi castrado por Cronos.

Porén, o ciclope máis coñecido desta xeración era un fillo de Poseidón e a ninfa Toosa chamado Polifemo. Outro dos ciclopes desta segunda xeración foi Telemo, un vidente.

Orixes[editar | editar a fonte]

Dada a súa inclinación pola ferraría, moitos estudosos cren que a lenda dos ciclopes xurdiu da práctica habitual dos ferreiros de levar un parche sobre un ollo para non quedaren cegos de ambos polas chispas. Os ferreiros tamén tatuaban neles mesmos círculos concéntricos en honra ao sol, o que pode ser outra posíbel fonte da lenda [Cómpre referencia].

A segunda xeración de ciclopes son definitivamente dun tipo diferente dos da primeira: probablemente sexan adicións moi posteriores á mitoloxía sen conexión ningunha coa ferraría. Moitos cren que as lendas asociadas a Polifemo non contaban que fora un ciclope até que Homero as incluíu na Odisea, podendo ser orixinalmente Polifemo algún tipo de monstro ou demo local. Suxeriuse que talvez fora un dos Triamantes da lenda cretense, raza rural de ogros devoradores de homes que tiña un terceiro ollo detrás da cabeza. Á parte do detalle dos ollos, son moi parecidos aos ciclopes de Homero.

Murallas «ciclópeas»[editar | editar a fonte]

Por último están os ciclopes construtores de murallas; dise tamén que construíron o primeiro altar. Tras a Idade Escura os helenos viron con asombro os enormes bloques de pedra que se usaran nas edificacións micénicas, en lugares como Micenas e Tirinto, ou en Chipre, e chegaron á conclusión de que só os ciclopes reunían a habilidade e forza necesarias para construír de xeito tan monumental. Estes ciclopes serían unha raza especialmente forte que, ó servizo dos heroes, levantaran esas obras colosais (as murallas de Tirinto para Preto, ou as de Argos para Perseoetc.).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ciclope.
  2. Pierre Grimal, s. v. Cíclopes.
  3. A profecía dicía que só podería vencer se contaba coa axuda de Ciclopes e Hecatonquiros.
  4. Outras fontes engaden outras armas para os deuses, como o arco e as frechas de Artemisa e de Apolo.
  5. Pode supoñerse que estes ciclopes eran inmortais, polo que quizais os ciclopes que Apolo matou fosen os seus fillos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Grimal, P. (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós.