Historia do País Valenciano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O País Valenciano é unha nación ou rexión de Europa, cuxo territorio atópase hoxe principalmente dentro dunha Comunidade Autónoma de España, a Comunidade Valenciana, situada no leste da Península Ibérica.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Os primeiros vestixios de poboamento humano atopados datan de hai 250.000 anos (finais do Paleolítico Inferior), sendo os máis antigos atopados ata agora os da Cova de Bolomor (Tabernes de Valldigna, València); moi posibelmente, a presenza humana na rexión date de máis tempo, pois se atoparon restos de homínidos noutras partes da Península Ibérica con 800.000 anos de antigüidade (home de Atapuerca).

No Paleolítico Medio (do 100.000 ao 35.000 a.C.), o número de asentamentos aumenta ao longo da rexión. Na Cova Negra de Xàtiva (con pinturas rupestres) e en El Salt (Alcoi) recuperáronse restos do home de Neandertal datados de entre o 60.000 e o 30.000 a.C., data esta última na que foi finalmente substituído polo Home moderno (Homo sapiens sapiens).

O Paleolítico Superior e o Mesolítico están ben representados na zona, podéndose citar as covas de Parpalló e Malladetes en Gandia para o primeiro período e a Cova da Cuina (no macizo do Caroig, suroeste da provincia de Valencia) para o segundo.

O Neolítico chegou á Comunidade Valenciana cara ao 5.000 a.C.; a aparición da agricultura e a gandería, de orixe foráneos, supuxo unha transformación na ocupación e a explotación do territorio. O hábitat en covas, característico do Neolítico inicial e testemuñado na Sarsa (Bocairent) e a Cova de l'Or (Beniarrés), foi deixando paso aos primeiros poboados nas terras chas.

Cara ao 2.500 a.C. iníciase a metalurxia na rexión, que mostra influencias e contactos do sueste peninsular. O tamaño e a situación dos poboados, agora nas beiras dos montes, reflicte unha progresiva complexidade social. Do 1.000 a.C., na Idade de Bronce tardía, data o poboado do Cabezo Redondo, cuxos habitantes acumularon o chamado tesouro de Villena, que representa o maior conxunto de ourivaría da prehistoria da Península Ibérica.

Idade antiga[editar | editar a fonte]

O guerreiro de Moixent, escultura ibérica do século IV ou V a.C.

Época Ibérica[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Iberos.

Os cambios climáticos, os avances nas técnicas de cultivar a terra, a domesticación de animais, a saída das covas ás casas de pedra, a fabricación de instrumentos de cobre e bronce que sucedéronse durante milleiros de anos culminaron a comezos do último milenio a.C., en que o contacto con outras culturas máis avanzadas como as dos tartessos estabelecidos na actual Andalucía, a grega que chegaba por parte dos gregos estabelecidos na actual Cataluña, a cartaxinesa das de Eivissa e algunhas influencies indoeuropeas provenientes da actual Aragón, culmina co florecemento da civilización ibera.

Pouco se sabe da organización dos iberos; como que vivían en poboados illados, amurallados e inaccesíbeis, deduciuse que eran xente guerreira. Os achados máis importantes son os vasos decorados de Edeta (Llíria), o santuario da Serreta (Alcoi), o Guerreiro de Moixent na Bastida de les Alcuses (Moixent) e, sobre todo, a Dama de Elx, atopada no sitio arqueolóxico da Alcúdia (Elx).

Estes iberos dividíanse á súa vez en diversos pobos; na zona sur habitaban os contestáns, no centro os edetáns e no norte os ilercavóns. Aínda que se coñecen mal as súas diferenzas e similitudes, sábese que estes tres pobos iberos usaban a escritura en signario ibérico nororiental. Contestanos, edetanos e ilercavones mantiveron relacións comerciais marítimas con fenicios, gregos, e cartaxineses, fundándose colonias comerciais como Hélike (Elx), Leucant (Alacant), Arse (Sagunt), ou Sitib (Xàtiva) etc.

Dominación romana[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Hispania romana.

Segundo o tratado do Ebro asinado entre Roma e Cartago no 226 a.C., as dúas potencias mediterráneas repartíronse as súas zonas de influencia respectivamente ao norte e ao sur do río Ebro. Coa fundación de Cartago Nova (Cartagena) polos púnicos no 227 a.C., comeza unha colonización progresiva cartaxinesa do levante peninsular.

Primeira división da Hispania Romana en dúas provincias: Citerior e Ulterior
División provincial de Augusto
División provincial de Diocleciano en 298.

O ataque cartaxinés no 219 a.C. á cidade ibera de Sagunt, aliada da colonia grega de Massilia e indirectamente de Roma, foi o pretexto que serviu de causante para a segunda guerra púnica entre cartaxineses e romanos. Hispania converteuse nun dos teatros das operacións militares, o que provocou que as tribos locais debesen de pronunciarse como aliadas dunha ou outra potencia, mentres que se producía por primeira vez a chegada de tropas romanas á Hispania e, trala vitoria romana no 202 a.C., todo o litoral mediterráneo acabou sometido á autoridade militar de Roma.

Baixo ou dominio romano, os iberos fóronse integrando paulatinamente na nova organización política, económica e social e adquirindo o latín como lingua; non existe constancia de revoltas indíxenas como as que houbo noutras zonas iberas. A fundación, no ano 138 a.C. de Colonia Valentia Edetanorum, sendo cónsul romano Décimo Xunio Bruto, deu orixe á cidade de Valencia, mentres que a colonia ibera de Hélike foi ocupada e rebautizada como Colonia Julia Illici Augusta no 27 a.C; estas dúas foron as únicas colonias romanas na comunidade.

As ansias da poboación autóctona de conseguir títulos romanos, tanto para as persoas como para as cidades, levou á división da sociedade en clases. As primeiras cidades en conseguir status xurídicos importantes foron Valentia (Valencia), Illici Augusta (Elx), Saguntum (Sagunt), Bisgargis (¿Forcall?), Edeta (Llíria), Lucentum (anteriormente Leucant, Alacant), Saetabis Augusta (anteriormente Sitib, Xàtiva) e Dianium (Dénia). Malia iso, as subdivisións administrativas romanas da Tarraconense respectaron, en certa medida, a anterior presenza territorial ibera de cada respectiva tribo, coas gobernacións de Edetania, Contestania, e Ilercavonia.

Época medieval[editar | editar a fonte]

Este período abrangue tres períodos ben diferenciados: a época musulmá, a colonización e formación do Reino de Valencia, e a época de esplendor.

Entre a caída do Imperio Romano e a dominación musulmá pasaron os visigodos. Entre o século VII até os comezos do VIII, o actual territorio do País Valenciano estibo suxeito ao Reino Visigodo de Toledo. Mais practicamente non deixaron pegada.

A idade media desembocou no Renacemento, mais aínda que na maior parte de Europa, o renacemento foi unha época de esplendor cultural, económico e social, no Reino de Valencia todo o contrario. A época de esplendor tivo lugar cara finais da idade media. Probablemente, os tres feitos que condicionaron a decadencia do Renacemento foron, a hexemonía de Castela, a expulsión dos mouriscos e a guerra de sucesión.

Época musulmá[editar | editar a fonte]

Despois da conquista musulmá do ano 711, e seguindo a tónica anterior, a primeira etapa de dominio musulmá constituíu un período escuro para o País Valenciano. É preciso dicir que esta etapa musulmá, a pesar da súa transcendencia, non está suficientemente estudada. A entrada dos árabes comezou polo sur propiciada polo pacto de Abd al-Aziz ibn Musa con Teodomiro, unha especie de delegado do goberno do rei visigodo de Toledo que trocaba terra por privilexios. Dese xeito non houbo invasión como tal, sinxelamente os árabes instaláronse e non houbo maiores problemas. Máis aló dos feitos políticos, a cuestión verdadeiramente transcendente é a entrada da rexión dentro da órbita do islam, que nun tempo relativamente curto cambiou a lingua, a relixión e as costumes dos seus habitantes.

Mais o verdadeiro auxe cultural da rexión comezou despois da caída do Califato de Córdoba, en 1010, que deu comezo á aparición de toda unha serie de reinos autónomos ou de taifas. Estes pequenos reinos deixaron de banda os esforzos militares que o califato de Córdoba estaba levando a termo, que para non ser atacados polos condados cristiáns do norte, pagaban uns altos tributos monetarios nomeados parias. Deste xeito os taifas dedicaron os seus esforzos ao florecemento intelectual. No Reino de Valencia apareceron dúas taifas, o de Dénia e o de Valencia:

  • Dénia:
Creada en 1010 por Muyahid (escravo ceibe, de orixe europeo) que, anexionándose as Baleares, converteu o reino nun importante centro marítimo e comercial, incluso encuñaba a súa propia moeda até a invasión almohade. A taifa perdeu a súa independencia en 1076, ao ser destronado Alí Ibn Muyahid polos Banu Hud de Zaragoza, dos cales dependeu até a invasión almorábide (1091).
  • Valencia:
Mubarak e Muzzafar gobernaron a taifa até a súa morte. Entón proclamouse rei o neto de Almanzor, instalando unha noa dinastía entre 1065-1075. En 1075-1086, al-Qadir de Toledo, coa axuda castelá recuperou a cidade de Valencia (e por tanto a taifa) e gobernouna até o seu asasinato en 1092.
En 1094, o Cid, loitador mercenario castelán, entrou na cidade de Valencia levando a termo un duro acoso. Así a taifa de Valencia estibo durante un tempo baixo dominio Castelán, onde se impuxeron abusivos impostos aos musulmáns valencianos.
Ver a lista de reis da taifa de Valencia, para a máis información sobre esta taifa.

Finalmente os almorábides conquistaron a taifa de Dénia (1091) e a de València (1102-1103) e restauraron o culto musulmán e un gobernador. A decadencia do poder almorábide e o ascenso dunha nova dinastía norte-africana, os almohades, que controlaron a península a partir de 1145, foron coincidentes. Porén, a súa entrada a Valencia foi freada por Ibn Mardanis, o rei Lobo, monarca de Valencia e Murcia, mais finalmente a cidade caeu en mans dos norte-africanos en 1171.

Non queden moitos restos arquitectónicos da época, xa que os cristiáns construíron sistematicamente sobre eles, pero abundan as pezas de ourivaría, cerámica etc. O que si permanece é a influencia da súa cultura e a súa lingua que fixeron do Reino de Valencia un dos lares máis cultos do mundo naquel momento.

Nacemento do Reino de Valencia[editar | editar a fonte]

Penó de la Conquesta.

A conquista feudal, por parte de Xaime I de Aragón (1208-1276), culminou no ano 1245, que chegou até a fronteira de Biar e Busot (hoxe na provincia de Alacant). O territorio foi convertido nun novo reino independente, dentro da Coroa de Aragón, e a súa capital, Valencia, foi dotada de leis propias (Foros de Valencia) que despois se aplicaron en todo o Reino. Dende ese intre até o século XV produciuse a colonización, a partir dunha lenta repoboación con aragoneses e cataláns que abarcaron grande parte do reino. Durante todo este tempo conviviron cun bo número de andalusís que permaneceron, recluídos nas mourerías das principais vilas, e en alquerías na zona interior do país.

O Rei Xaime II de Aragón estendeu o Reino de Valencia anexionando o territorio enteiro do Reino de Murcia, dependente de Castela. Coa Sentenza Arbitral de Torrelles (1304), e de Elx (1305) retornou a Castela a meirande parte de Murcia, e retivo baixo xurisdición valenciana as zonas de Novelda, Alacant, Elda e Orihuela, repoboadas tamén por cataláns. Máis tarde, baixo o reinado de Pedro IV de Aragón, incorporou a Vall d'Aiora, de poboación e lingua castelás.

A finais do século XIV institúese a Generalitat coma organización política suprema. As Cortes do Reino estaban formadas por tres brazos: nobiliario, eclesiástico e real ou popular. O rei non residía en Valencia e por tanto era necesario procurarlle representación aos diferentes niveis: o vicerrei, o gobernador do reino, o mestre racional, o alcalde xeral etc.

O compromiso de Casp (1312) reunir representantes de tódolos reinos da Coroa de Aragón á morte de Martí I l'Humà (1395-1410), último rei do Casal de Barcelona, e coa decidida influencia de Sant Vicent Ferrer, decidiron outorgarlle o reinado na castelá casa de Trastámara, na persoa de Ferran I d'Antequera (1412-1416).

Idade de Ouro[editar | editar a fonte]

O reino pasou por graves compromisos a mediados do século XIV. Dunha banda, a peste negra de 1348 e as sucesivas epidemias de anos seguintes, que minguaron a poboación. Así mesmo, a guerra da Unión, unha revolta cidadá, encabezada por Valencia como capital do Reino, contra os excesos da monarquía. E por se fora pouco, a guerra contra Castela (1363-1364). Ademais, a convivencia entre as tres comunidades, cristiáns, xudeus e musulmáns foi conflitiva ao longo de todo o século.

A pesar diso, no século XV a cidade de Valencia viviu unha etapa de grande desenvolvemento económico, e esplendor cultural e artístico. Nesta época, Valencia era considerada como a cidade máis importante da confederación da Coroa de Aragón, a cal converterase nun dos centros comerciais máis importantes do Mediterráneo. Dende onde se explotaba grande parte do comercio dos territorios conquistados pola Coroa durante os pasados séculos.

Esplendor comercial[editar | editar a fonte]

Lonxa da Seda.

Na cidade de Valencia creouse a Taula de Canvis (Mesa de Trocos), unha banca municipal en soporte das operacións comerciais. A industria local, que tiña os téxtiles á fronte, conseguiu un grande desenvolvemento, e a cidade converteuse nun emporio comercial ao cal acoden mercadores de tódalas partes de Europa. A finais de século construíuse a Llotja de la Seda (1482-1533), probablemente o centro de transaccións máis importante do Mediterráneo, e un verdadeiro templo do comercio, tanto a nivel, local, nacional, coma internacional.

Esplendor artístico e literario[editar | editar a fonte]

Este auxe económico tivo o seu reflexo no plano artístico e cultural. Nesta época, arquitectonicamente falando, álzanse algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade de Valencia, como as Torres de Serrans (1392), a Llotja (1482), o Micalet ou a capela dos Reis do convento de Sant Doménec. En pintura e escultura deixáronse oír as tendencias flamengas e italianas en artistas como Lluís Dalmau, Gonçal Peris ou Damià Forment. En literatura, baixo a protección da corte de Afonso o Magnánimo floreceu a produción escrita, sucedéndose o século de ouro valenciano, da man de autores como Ausiàs March, Roïç de Corella ou Isabel de Villena. Cara 1460 Joanot Martorell escribiu o Tirant lo Blanch, unha innovadora novela de cabalería que influíu en numerosos autores posteriores, dende Cervantes a Shakespeare.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Decadencia do Reino de Valencia[editar | editar a fonte]

Entre 1519 e 1521 os gremios armados xunto coa burguesía, os artesáns e os campesiños libres inician unha guerra civil contra a nobreza e a aristocracia chamada revolta das Germanies (ao xeito das revoltas Irmandiñas na Galiza). Os nobres, axudados pola aristocracia castelá, venceron e a vicerraíña Xermana de Foix, viúva de Fernando II o Católico, aproveitou para exercer unha dura represión: a cultura reduciuse á corte que esta señora implantou e onde comezou xa a predominar o castelán. As figuras máis senlleiras na cultura son o filósofo Lluís Vives e o pintor Joan de Joanes.

En 1609 Filipe III (1598-1621) decretou a expulsión dos 170.000 mouriscos que conformaban a terceira parte da poboación, o que supuxo unha importante decadencia económica, porque os mouriscos traballaban fundamentalmente no campo, que permaneceu sen man de obra durante longos anos. A poboación non volverá a recuperarse até un século e medio despois.

Co vicerrei, arcebispo e capitán xeral Juan de Ribera, a coroa atopou un instrumento magnífico para por en práctica o centralismo e os ideais da contrarreforma.

A crise económica incidiu na cultura e a arte, que é mediocre. Destacan os pintores Francesc Ribalta e Josep Ribera; en escultura, os irmáns Vergara e na música Joan Baptista Cabanilles.

Baixo reinado borbónico[editar | editar a fonte]

Batalla de Almansa, 25 de abril de 1707.

En 1693 estoura a segunda Germania. Os campesiños rebeláronse contra os señores feudais de Gandia e desencadeouse unha loita por todo o sur do país que enlazou coa Guerra de Sucesión provocada pola morte de Carlos II (1665-1700) sen descendencia. O arquiduque Carlos de Austria é apoiado polo pobo cha (os nomeados maulets) e dispútase o trono contra o francés Filipe de Borbón, apoiado polos señores (nomeados botiflers). O 25 de abril de 1707 as tropas centralistas de Filipe V (1700-1707) vencen na batalla de Almansa os feudais do arquiduque, o cal supón, na práctica, a desaparición do Reino de Valencia: abólense os Furs e pérdese a independencia, que pasa a depender das leis castelás, e desaparece a figura do vicerrei, que é substituída pola de Capitán Xeral. A represión foi moi dura contra as persoas e contra as cidades. O forte centralismo dos Borbón levou a difusión dunha real cédula (1768) que prohibía o uso do valenciano.

No século XVIII comezaron as transaccións comerciais con América coa exportación da seda de Valencia, o papel de Alcoi ou a la de Bocairent e Alcoi entre outros produtos; importantísima a industria cerámica que acada a súa mellor expresión na fabrica da Alcora, estabelecida en 1727 polo Conde de Aranda. Todo iso provocou un medro económico importante que coincidiu, no referente á cultura, coa Ilustración. Créanse a Academia de Belas Artes de San Carlos ou o Xardín Botánico por citar dous exemplos. Proliferan os grandes persoeiros ilustrados, como Maians ou Ciscar; a arquitectura viviu o esplendor do barroco e a imposición, a metade de século, do neoclásico. En pintura destaca Vicent López.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

Século XIX[editar | editar a fonte]

A historia do País Valenciano, como en boa parte do resto de Europa, entre finais do século XVIII e o comezo do XIX estivo marcada poles repercusións da revolución francesa.

Despois da noticia das abdicacións de Carlos IV e Fernando VII e do alzamento de Madrid o 2 de maio diante das tropas napoleónicas, o pobo da cidade de Valencia e doutras poboacións valencianas alzouse en armas o 23 de maio de 1808 alporizados polas arengas de personaxes como Vicent Doménech el Palleter. Os amotinados tomaron a Ciutadella e constituíron unha Xunta Suprema de Goberno do Reino de Valencia, que se fixo cargo da cidade e se preparou para a defensa.

Pouco máis tarde, o 28 de xuño producise un primeiro ataque do exército napoleónico ás ordes do xeral Moncey, que foi heroicamente rexeitado. Posteriormente, o mariscal Suchet, despois de someter Cataluña, atacou o País Valenciano. Pouco a pouco foron caendo poboacións. A cidade de Valencia resistiu o asedio de Suchet até dúas veces, mais finalmente os franceses conseguiron o seu obxectivo o 9 de xaneiro de 1812, despois de diversos días de incesantes bombardeos. O seu control sobre a cidade foi breve, porque en xullo de 1813 abandonouna diante da retirada do exército francés.

Durante os anos de invasión napoleónica os valencianos fixeron eleccións a deputados e enviaron os seus representantes ás Cortes de Cádiz, onde se redactou unha constitución de carácter liberal e antiseñorial. Durante a época liberal, porén, o centralismo do estado-nacional español que nacía non só non se detivo, senón que aumentou. Prohibiuse, de feito, o uso do valenciano en ámbitos nos que fora respectado até entón.

O século XIX marcou unha revolución agraria favorecida pola exportación, que minguou as posibilidades de industrialización, tamén minguada pola actitude sucursalista da burguesía valenciana que non ousa enfrontarse a Madrid, é castelanizada relegando a lingua a manifestacións histórico-patrióticas da Renaixença. A finais de século os movementos internacionais chegan ao territorio valenciano. A sociedade divides, por un costado, na oligarquía financeira e terratenente que, ao contrario da catalá e a vasca, presta apoio á castelá e acepta o sistema económico da Restauración; e da outra beira a burguesía comercial, encarnada na persoa de Vicente Blasco Ibáñez, adoptou posturas máis liberais e republicanas. A perda da identidade valenciana evidenciase na difusión do castelán entre a pequena burguesía coma símbolo externo de ascensión social. Dende o punto de vista arquitectónico, o modernismo é o estilo imperante. Barriadas de moitas cidades planifícanse e amplíanse neste período. Este estilo culmina e acaba coa Exposición Rexional de Valencia de 1909. En escultura destaca Mariano Benlliure e en pintura, Joaquín Sorolla. En música, o mestre Serrano tivo unha grande popularidade.

Século XX[editar | editar a fonte]

Até a Primeira Guerra Mundial a agricultura, baseada na exportación, especialmente do arroz e da laranxa, continuou sendo a protagonista da economía valenciana. Durante a ditadura de Primo de Rivera fixéronse algúns importantes investimentos en obras públicas favorecidas pola boa situación económica e o aproveitamento das posibilidades que ofrecía a electricidade. Pese a todo, a agricultura continuou mandando até a chegada da guerra civil, na que o País Valenciano permaneceu no bando republicano, Valencia despois de todo foi a última capital da República.

Durante o franquismo o país perdeu toda a súa identidade subxugado pola ditadura e gobernado por gobernadores civís designados e dirixidos dende Madrid. Despois da morte de Francisco Franco (1975) abriuse unha nova etapa que culmina coa aprobación, en 1982, do Estatuto de Autonomía.