MPlayer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
MPlayer
Captura de pantalla do MPlayer en GNOME reproducindo a curtametraxe de animación libre Elephant's Dream.
Desenvolvedor(es)Equipo do MPlayer
Última versión1.0rc2
(7 de outubro do 2007)
Repositoriosvn://svn.mplayerhq.hu/mplayer/trunk, git://git.videolan.org/ffmpeg.git
Sistema operativoMultiplataforma
TipoReprodutor de medios
LicenzaGPL
Sitio webwww.mplayerhq.hu

MPlayer é un reprodutor de medios libre e de código aberto que destaca pola súa capacidade para reproducir unha enorme variedade de formatos de vídeo. A súa versión máis recente é a 1.0rc2. Está dispoñible para os sistemas operativos máis importantes, entre os cales están GNU/Linux e outros sistemas baseados en Unix, FreeBSD, Mac OS X e Windows. Tamén conta con versión para OS/2, Syllable, AmigaOS e MorphOS, e pódese utilizarse a versión de Windows en DOS con HX DOS Extender, aínda que con algúns erros pouco importantes. Existe tamén un porte a DOS con DJGPP. Apareceu tamén unha versión para a canle Homebrew da Wii.

Un programa asociado, o MEncoder, pode converter un ficheiro ou fluxo entrante a diversos formatos de saída, aplicando de paso algunhas transformacións opcionais.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento do MPlayer comezou no ano 2000. Ao autor orixinal, Árpád Gereöffy, non se lle tardaron en unir moitos outros programadores. O que motivou a Gereöffy a iniciar o proxecto foi que non daba atopado ningún reprodutor para Linux que o convencese. A primeira versión chamouse mpg12play v0.1, e foi programada en media hora utilizando libmpeg3. Tras mpg12play v0.95pre5, o código mesturouse cun reprodutor de AVI baseado no cargador do avifile dos DLL de Win32, acadándose así a versión 0.3 do MPlayer en novembro do ano 2000.

Nos seus comezos, a meirande parte dos programadores eran húngaros, pero agora os seus desenvolvedores colaboran desde calquera parte do planeta. Alex Beregszászi leva mantendo o MPlayer dende o ano 2003, no que Árpád Gereöffy deixou o desenvolvemento do Mplayer para comezar traballar na segunda xeración do reprodutor. O proxecto MPlayer G2 está detido nestes momentos, de xeito temporal pero por tempo indefinido.

Nos seus comezos, o eslogan do MPlayer fora O reprodutor de filmes para Linux, pero viuse reducido a O reprodutor de filmes cando o programa se levou a outras plataformas.

Características[editar | editar a fonte]

O MPlayer ten soporte para unha morea de formatos de medios. Pode ademais gardar o contido de fluxos en ficheiros. Tamén soporta moitos controladores de saída (OpenGL, X11...). Conta tamén cunha OSD para información acerca do estado, soporte para 12 formatos de subtítulos, e tamén para subtítulos de DVD.

O MPlayer é unha aplicación por liña de comandos, aínda que trae unha interface gráfica, sen compilar por defecto. Esta interface chámase GMPlayer, e está feita en GTK+. A parte de GMplayer, existen ducias de interfaces alternativas para MPlayer, como poden ser SMPlayer ou KMPlayer (ambas as dúas escritas en Qt). As interfaces non teñen por que estar dispoñibles para múltiples sistemas operativos coma o está propio programa.

Existe tamén un engadido de MPlayer para os navegadores web baseados no software da Mozilla Foundation que permite a reprodución de vídeos dentro do propio navegador.

Formatos soportados[editar | editar a fonte]

  • Medios físicos: CDs, DVDs, CDs de vídeo.
  • Formatos contedores: 3GP, AVI, ASF, FLV, Matroska, MOV, MP4, NUT, OGG, OGM, RealMedia.
  • Formatos de vídeo: Cinepak, DV, H.263, H.264/MPEG-4 AVC, HuffYUV, Indeo, MJPEG, MPEG-1, MPEG-2, MPEG-4 Part 2, RealVideo, Sorenson, Theora, WMV.
  • Formatos de son: AAC, AC3, ALAC, AMR, FLAC, Intel Music Coder, Monkey's Audio, MP3, Musepack, RealAudio, Shorten, Speex, Vorbis, WMA.
  • Formatos de subtítulos: AQTitle, ASS/SSA, CC, JACOsub, MicroDVD, MPsub, OGM, PJS, RT, Sami, SRT, SubViewer, VOBsub, VPlayer.
  • Formatos de imaxe: BMP, JPEG, PCX, PTX, TGA, TIFF, SGI, Sun Raster.
  • Protocolos: RTP, RTSP, HTTP, FTP, MMS, Netstream (mpst://), SMB.

MPlayer soporta ademais unha gran variedade de distintos controladores de saída para a reprodución de vídeo, entre eles X11, OpenGL, DirectX, Quartz Compositor, VESA, Framebuffer, SDL e outros menos comúns coma ASCII art e Blinkenlights. Tamén se pode utilizar para a reprodución de televisión desde unha tarxeta sintonizadora utilizando o dispositivo tv://canle, ou reproducir e gravar canles de radio a través de radio://canle|frecuencia.

Desde a versión 1.0RC1, hai un soporte decente para o formato de subtítulos ASS/SSA grazas ao uso de libass, aínda que aínda con complicacións no renderizado dalgunhas linguas (especialmente aquelas con caracteres complexos).

Engadidos soportados[editar | editar a fonte]

  • XMMS
  • Avisynth

Documentación[editar | editar a fonte]

No que respecta á documentación, o programa inclúe explicacións extensas con todo detalle relativas ao uso e aos problemas máis habituais. Así mesmo, axuda para configurar o programa do modo máis axeitado para sacarlle o mellor rendemento posible. As preguntas máis frecuentes están agrupadas nun FAQ. Esta documentación está traducida a moitas linguas, mais o galego non está entre elas.

Cuestións legais[editar | editar a fonte]

O programa soporta de xeito nativo a maioría dos formatos de son e vídeo a través da biblioteca libavcodec do proxecto FFmpeg. Para os formatos dos que non hai decodificador de código aberto no MPlayer, a aplicación fai uso de códecs binarios. Pode utilizar directamente os DLLs de Windows coa axuda dur cargador de DLLs derivado de avifile, o cargador do cal deriva en si mesmo do proxecto Wine.

A combinación de software de desencriptación CSS e os formatos incluídos protexidos por patentes de software sitúa a un MPlayer completamente funcional no límite legal que comparte coa maioría dos reprodutores de medios de código aberto. Anteriormente Mplayer adoitaba incluír OpenDivX, unha biblioteca de decodificación incompatible coa licenza GPL. Por iso mesmo borrouse, de xeito que MPlayer pasou a ser completamente software libre. Aínda así o uso de códecs con patentes en software libre aínda é un problema en potencia pendente que afecta a FFmpeg, Mplayer e software semellante ao utilizarse en estados onde se aplican leis respecto das patentes de software.

En xaneiro de 2004 o sitio web do MPlayer actualizouse cunha acusación segundo a cal a fabricante de reprodutores de DVD dinamarquesa, KISS Technology, estaba a vender reprodutores de DVD con firmware que incluía partes do código do MPlayer baixo licenza GPL. Isto significaría que KISS estaría a violar a licenza GPL, xa que non lanzou o seu firmware baixo licenza GPL. A resposta por parte do director xeral de KISS, Peter Wilmar Christensen, foi que o equipo de MPlayer estaba mentindo e como explicación das similitudes dixo que o equipo da aplicación libre usara código "roubado" do firmware de KISS.

Licenza[editar | editar a fonte]

MPlayer está dispoñible baixo a licenza GNU GPL, segunda versión. Non o protexe ningún outro termo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]