Éibar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaÉibar
Eibar (eu) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

Alcumeherrikuak, txaputxeruak e armaginak Editar o valor em Wikidata
Localización
Mapa
 43°11′03″N 2°28′24″O / 43.1843, -2.4733Coordenadas: 43°11′03″N 2°28′24″O / 43.1843, -2.4733
EstadoEspaña
Comunidade autónomaPaís Vasco
ProvinciaGuipúscoa
ComarcasDebabarrena Editar o valor em Wikidata
CapitalEibar (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación27.234 (2023) Editar o valor em Wikidata (1.099,03 hab./km²)
Lingua oficiallingua éuscara (lingua predominante) Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie24,78 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude121 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Creación5 de febreiro de 1346 Editar o valor em Wikidata
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataJon Iraola Iriondo (en) Traducir (2021–) Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal20600 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE20030 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webeibar.eus Editar o valor em Wikidata
Éibar, vista parcial.

Éibar[1][2][3] ou Eibar[4][5][6] (en éuscaro e oficialmente: Eibar[ˈejβaɾ] (AFI)), é un municipio de Guipúscoa, pertencente á comarca de Debabarrena no País Vasco. Ten unha extensión de 22 km² e, segundo o INE, o 1 de xaneiro de 2006 tiña 27.530 habitantes, cunha densidade de poboación de 1.121 hab/km².

O seu escudo de armas é unha cruz de Santo André en goles sobre un campo de ouro. Na bordura a lenda Eibar'ko hiri guziz eredugarria. Rodeándoo, unha rama de carballo e outra de loureiro.

A bandeira é o escudo sobre fondo branco.

Toponimia[editar | editar a fonte]

En 1346 Afonso XI de Castela fundou a vila co nome de Villanueva de San Andrés ao que enseguida se engadiu de Heybar. Xa en documentos de 1493 e 1494 figuran os nomes de Ehibar e Heybar. Como Gregorio de Mújica indica nas súas obras, o topónimo coñeceu diferentes formas e ningunha excluíu as demais. Así pois á Cidade Armeira coñecéuselle como Villanueva de San Andrés de Heybar, Heibar, Eybar e Heivar. Hoxe en día utilízanse a forma Eibar (oficial).

Sobre o significado do nome Eibar, parece claramente composto da palabra vasca ibar que significa val; non estando abofé o primeiro termo que acompaña a ibar. Unha versión moi estendida e bastante plausible é a que considera o nome do pobo unha contracción de Ego ibar, significando Val do Ego. Pero non está documentado nin que a forma Egoibar ou o termo Eguibar, que sería a forma intermedia entre Egoibar e Eibar, faga nunca referencia a esta localidade, malia tratarse Eguibar dun apelido vasco bastante estendido. Ao non estar demostrada esta hipótese pódese pensar que quizais outro termo estea na orixe do nome desta cidade; algúns falan de hegi, palabra que significa costa nos actuais dialectos vascofranceses e que no pasado puido ter o mesmo significado no éuscaro local.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Situada na cunca do río Deba e á beira do río Ego, limita coa provincia de Biscaia. Foi fundada co nome de Villanueva de San Andrés, pero sempre foi coñecida co nome actual de Eibar. O foro de constitución da vila outorgouse no ano 1346, pero o asentamento xa era anterior. Éibar sempre foi unha cidade destacada na historia, na economía e na cultura da comarca e a provincia. Está rodeada polos montes Arrate, Akondia e Urko ao norte; e Galdaramiño e Illordo ao sur.

Limita ao norte con Markina-Xemein (Biscaia), ao sur con Elgeta e Bergara, ao leste con Elgoibar e Soraluze e ao oeste con Mallabia, Ermua e Zaldibar que pertencen a Biscaia.

Composición[editar | editar a fonte]

Éibar ten, ademais do núcleo urbano, cinco barrios rurais: Otaola, Aginaga, Arrate, Mandiola e Gorosta; barrios nos que se achan casaríos, basílicas e ermidas de grande interese nunha bonita contorna natural.

Transportes[editar | editar a fonte]

Como toda a comarca do Debabarrena, Éibar esta excelentemente comunicada. A estrada nacional N-634 atravesa a cidade uníndoa con Donostia e Bilbao. En paralelo á nacional esta a autoestrada AP-8 con dúas saídas en cadanseu extremo do núcleo urbano (unha delas xa en Biscaia) e no barrio de Malzaga a AP-8 únese coa AP-1 que enlaza con Vitoria. Unha rede de estradas provinciais e locais unen Éibar cos diferentes aldeas e comarcas que a rodean.

A liña de ferrocarril de vía estreita pertencente á rede de Euskotren une a comarca coas capitais provinciais (no tramo urbano Ermua - Éibar fai as veces de ferrocarril metropolitano), e de alí pódese enlazar con Renfe co resto de España e Europa. As empresas de autobuses que operan na zona son transportes PESA e Turitrans-Alsa.

Éibar carece de aeroportos, pero os de Bilbao, Donostia e Vitoria áchanse a aproximadamente unha hora. Tampouco ten porto, pero o próximo porto de Bilbao ten conexións con Portsmouth en Inglaterra.

Demografía[editar | editar a fonte]

A comezos do século XX Éibar tiña 6.583 habitantes. Nos primeiros anos dese século tivo un incremento relevante chegando á República con 15.000 habitantes. A incidencia da guerra civil fixo que minguase o número de persoas empadroadas na aldea pero o posterior desenvolvemento industrial deu un impulso moi importante á poboación. Durante as décadas de 1960 e 1970 chegouse a alcanzar a cifra de 40.000 habitantes. A grave crise industrial que se iniciou en 1973 fixo que moitas fábricas pechasen as súas portas e outras se trasladaran a outros municipios bucando mellores solos para a construción das instalcións. Isto deu orixe a un declive de poboación, que apoiado en políticas de redución da densidade de poboación da continuidade urbana Éibar Ermua deu lugar a unha perdida progresiva de habitantes establecéndose a inicios do século XXI por baixo dos 30.000.

Éibar social[editar | editar a fonte]

A industria e o traballo sempre foron conceptos que encheron de orgullo aos habitantes de Éibar, e esa industria foi, historicamente, a da fabricación de armas. É por iso polo que se lle coñece como a "Cidade Armeira".

O primeiro documento escrito que fai referencia á industria armeira eibarresa é unha petición de tres lombardas fechada en 1481. O museo da industria armera, que se estenderá ao resto das producións eibarresas, mostra a historia industrial de Éibar e da súa comarca. Desde a produción gremial ás instalacións das Reais Fábricas de Armas na veciña localidade de Placencia das Armas ata a revolución industrial de principios do século XX co seu auxe e declive que conformaron o sentir e a idiosincrasia das xentes da hoxe cidade.

O traballo industrial, primeiro nas ferrarías e posteriormente nos talleres gremiais foi, desde sempre, a base económica de Éibar. O traballo, co seu compoñente social, conformou un carácter singular nos seus habitantes. Unha copla canta:

En éuskaro recuncho escondido
Hai un pobo, esquecido talvez,
onde impera por lei o traballo
que é orgullo sen ser altivez

A convivencia dos talleres coas vivendas, ata instalados nelas, permitiu a socialización das diferentes tarefas que compoñían un produto e a relación igualitaria entre quen as realizaban. Esta forma de ver o traballo, ligada á artesanía e polo tanto ao coidado posto na fabricación realizada, foi a que determinou, xa antes da aparición dos movementos obreiros e o pensamento marxista un espírito liberal, libertario, que quedou patente nas guerras Carlistas nas que Éibar sempre estivo no bando liberal e máis tarde no arraigo das ideas socialista que chegaron a tal extremo que permitiron, logo dunha dura folga, a creación da primeira cooperativa industrial do país, a cooperativa Alfa.

A industria armeira, desde as lombardas fabricadas nas ferrerías pasando polas armas de abancarga e chave de faísca ata a que utilizan a cartuchería de retropropulsión pasaron por épocas de esplendor e de declive. Armeiros eibarreses foron trasladados ás fábricas de armas de Oviedo e Trubia, levando alí o facer eibarrés, cando quedo patente os aspectos negativos de manter a produción armera preto das fronteiras, á vez que se lanzaron, cos escasos recursos que dispoñían, á produción da últimas tecnoloxías estranxeiras mediante o método de copia e mellora que lograron servir de base para unha produción moderna e competitiva. As crises do sector armeiro serviron para impulsar as aventuras noutros ramos da industria, delas, e do espírito emprendedor, naceu a diversificación industrial que logrou que dos talleres eibarreses saísen desde un tiracroios ata un subfusil, ou desde unha máquina de coser a unha motocicleta.

É moi famosa porque tivo a fábrica de motos Lambretta e as de bicicletas Orbea, BH e G.A.C.. Tamén foi importante a fabricación de máquinas de coser (Alfa, empresa pioneira no movemento cooperativista. Aínda que xa pecharon as fábricas de armas curtas (non esquezamos a STAR, Bonifacio Echeverría S.A. onde se fabricaban armas que se exportaban a todo o mundo), que é o que lle dá o seu alcuño, mantéñense numerosos pequenos talleres de escopetas. Existe un Probadero de Armas único en España e un dos 3 que existen en Europa.

Destaca polas súas producións de máquina-ferramenta, efecto da revolución industrial dos séculos XIX e XX, sobre todo, a partir da Guerra Civil española (1936-1939). Foi pioneira no País Vasco na instalación de escaleiras mecánicas á intemperie, na rúa, para facilitar os accesos aos barrios altos.

A infraestrutura educativa, ampla a todos os niveis, destaca pola unha escola de enxeñería pertencente á Universidade do País Vasco e a escola de formación profesional, pioneira en España, coñecida como "Escola de Armería".

O urbanismo eibarrés, moi atípico, onde se mesturaban as industrias e as vivendas, dicíase Eibar é un taller, está dando paso a un cambio arquitectónico nos últimos anos; pasando dun centro urbano repleto de pequenos "talleres" (empresas) nos soportais a un novo Éibar cun centro aberto a todas as esquinas do pobo. Accesible coa vista e cun curto paseo. A cidade humanízase e pon no seu epicentro ao eibarrés: para goce do seu centro urbano, que se converte en peonil os fins de semana. A cidade mostra unha colección de estatuas conmemorativas de actividades e costumes típicos; a saber: a recepción dos dulzaineros na estación do tren, uns nenos indo bendicir as tortas de San Brais fronte á igrexa parroquial de Santo André e un traballador recollendo auga na clásica fonte de Urquizu.

Praza de Untzaga e concello.

Socialmente Éibar sempre foi un pobo progresista, xa na primeira Guerra Carlista moi poucos veciños de Éibar sumáronse ao bando carlista participando a inmensa maioría, de parte liberal, tanto é así que en 1834 constituíuse, con permiso especial do xeneral Espartero, un batallón de combate integrado por mulleres, que xa demostraran a súa eficacia na loita na defensa da vila do 26 de xullo de 1834 como o mesmo Espartero di na súa misiva que remite ao Concello de Éibar:

Como a presente solicitude das eibarresas recae sobre a demostración práctica que fixeron xa de que saben coas armas na man desmentir a debilidade do seu sexo habéndoas manexado xa bizarramente á defensa desa vila do 26 de xullo, teño o maior gusto en dar a miña aprobación para formar o batallón que desexan e vostedes serviranse pasarme as listas das individuas que desexan formalo

Así o recolle textualmente o libro da Monografía histórica de Eibar escrita por Gregorio Mújica a principios do século XX. O sentir progresista dos eibarreses propiciou que as ideas socialistas arraigaran nas súas xentes, xa desde principios do século XX, a presenza do PSOE foi moi importante polo que se pode considerar a Éibar como a capital histórica do socialismo vasco.

Hidrografía e orografía[editar | editar a fonte]

Hidrografía[editar | editar a fonte]

O río Ego é o principal río do municipio, aínda que é certo que polos seus terreos pasa o río Deva pero é tan escasa a súa presenza que carece de importancia para o municipio. O Ego desemboca no Deva en Maltzaga, xa no límite municipal. Os afluentes o Ego, que baixan dos montes que rodean a cidade, son pequenos regatos que forman estreitos vales ascendentes polas ladeiras. Os afluentes o Ego máis importantes son o Txonta, o Matxaria, o Unbe, o Abontxa etc.

Todos os ríos están moi afectados polo desenvolvemento da cidade que modificou as súas canles e as súas augas. Unicamente nas súas concas altas pódese atopar algún resto da súa primitiva riqueza biolóxica. As canles foron cubertas polas edificacións, tanto industriais como urbanas e as súas augas víronse moi afectadas pola contaminación fecal e industrial. Estase procedendo á implantación de colectores de recolleita de augas negras e industriais para o seu posterior tratamento así como a descubrir as canles na medida do posible.

Orografía[editar | editar a fonte]

Éibar está rodeada de montes de escasa altura que a encerran nun val profundo. Destacan cumes como Urko(791 m) e Kalamua (768 m), polo norte, e Galdaramiño e Egoarbitza (730 m) polo sur. Ao leste, sobre a desembocadura do Ego no Deva levántase o Karakate (749 m) enfrontado a Arrate.

Os montes están cubertos de bosque, na súa maioría dedicados á explotación forestal de piñeiro insignis pero aínda quedan algunhas manchas da vexetación autóctona de carballos, faias, bidueiro, combinados con campas dedicadas ao pasto.

A natureza dos terreos é de calcaria e margas areniscas cun clima moi chuvioso e de temperaturas agradables.

Economía[editar | editar a fonte]

Estatua dun botijero, pinche ou peón que tiña, entre as súas funcións, que levar auga aos talleres.

A economía do municipio esta baseada na industria de transformación metálica con toda clase de produtos, destacando os destinados á industria auxiliar do automóbil pero tamén se fabrican electrodomésticos, máquina ferramenta, microfusión, microfusión de aluminio e armas, agora xa soamente de caza.

O sector primario, centrado nos barrios rurais, está representado por explotacións familiares nas típicas casas rurais vascas, os casaríos ou baserris. Estas explotacións agrícolas e gandeiras combínanse co traballo nas fábricas polo que teñen un carácter secundario na economía. Os seus produtos destínanse ao consumo propio e ao comercio nos mercados da comarca. É relevante a explotación forestal centrada no piñeiro que colonizou as antigas campas de pasto e hortas ao ter máis peso o traballo industrial que o agrícola.

O sector secundario (que a fixo coñecida como a cidade armeira pola súa importante industria de armas) desenvolveu sempre unha grande actividade industrial centrada na manufactura metálica. Os seus polígonos industriais, onde agora se recollen os talleres que noutro tempo estaban esparexidos por todo o municipio, albergan industrias de todo tipo. Destacan a máquina ferramenta, a fabricación de escopetas, a auxiliar do automóbil, máquinas de coser, bicicletas, microfusión de precisión e un longo etcétera consecuencia do dinamismo eibarrés cristalizado en empresas como Orbea, Lambretta, Alfa, BH, STAR. Entre as actividades industriais é de destacar a artesanía do damasquinado que se produciu tradicionalmente na cidade. Esta actividade artesá foi combinada coa armera convertendo algunhas armas en verdadeiras xoias ricamente decoradas con fío de ouro. Moitas empresas eibarresas instaláronse logo noutros municipios tanto das comarcas próximas como máis afastadas.

Canto ao sector de servizos, Éibar é a cabeza de comarca de Debabarrena e principal cidade entre as dúas capitais vascas estando equidistante de ambas. Isto fai que o sector servizos estea moi desenvolvido. Nela céntranse os servizos comarcais de todo tipo, educación, sanidade, bancarios, comercio etc. A actividade industrial tamén conta cos seus servizos na cidade. O centro de investigación ou a corporación comarcal teñen a súa sede nela. O comercio destaca pola presenza de grandes almacéns e de moitas tendas de calidade do mesmo xeito que a restauración. En Éibar localízase a única tenda de El Corte Inglés da provincia de Guipúscoa; anteriormente era Galerías Preciados. Os pequenos comerciantes, para mellorar a súa posición, crearon a asociación Centro Comercial Abierto[Ligazón morta].

O 18 de xaneiro de 2007 inaugurouse o Museo dedicado á industria armeira no último piso de Portalea.

Historia[editar | editar a fonte]

Os xacementos prehistóricos achados na zonas de Kalamua e Akondia xunto coa estación megalítica de Placencia-Elosua que cobre o cordal entre Karakate e Irukurutzeta, que antigamente se chamaba Mazelaegi, testemuñan a presenza humana na zona onde se atopa Éibar en tempos Enolíticos, sobre o III milenio antes de Cristo.

O val do Deva foi territorio caristio á chegada dos romanos á península (o éuscaro falado neste lugar é a variante biscaíña que coincide, aproximadamente, coa ocupación territorial dos Caristios). Os romanos englobaron o baixo Deva no conventus de Clunia. Esta estrutura política perdurou a través da historia ata as modificacións introducidas no tempo dos visigodos, no que toda a área recibiu o nome de Cantabria; a industria armeira recibía o nome de Reais Fábricas de Armas de Cantabria.

A situación das comarcas do Deva como límite territorial co Señorío de Biscaia deu o nome á zona de Marquina facendo referencia á característica de marca que exercía a zona. O territorio que comprendía os actuais municipios de Placencia das Armas e Elgóibar era coñecido como Marquina de Yuso mentres que o val do Ego como Marquina de Suso tal como en 1335 o Dicionario Histórico Xeográfico de Guipúscoa sinala cando indicaba que Éibar era na súa orixe un elizate sito no val de Marquina de suso e que tiña o concepto de mosteiro; e por isto chamábaselle "mosteiro de Santo André.

Este territorio estivo adscrito durante algún tempo á comarca de Durangaldea que pertencía ao reino de Pamplona Nájera (o que posteriormente sería o reino de Navarra), tal como testemuña un documento de 1053:

omite Munio Sançis in Turanko regnante rege Garsea in Pampilona et in Najera et in Alaba et in Castella Vetula...

Nas diversas disputas territoriais entre os reinos de Navarra e Castela en 1179 realízase un tratado de paz no cal queda incluída a zona de Marquina do val do baixo Deva en Durangaldea, así di:

Insuper ego idem Adefonsus, rex Castelle, quitavi vobis Sancio, regi Navarre, o successoribus vestris, Alavam in perpetuum prol vestro regno, scilicet de Ichiar et de Durango, intus existentibus...

No ano 1200 o rei castelán Afonso VIII adquire o control de Durangaldea e integra esta parte en Guipúscoa, mentres que o resto o cede ao Señor de Biscaia Diego López de Haro. O val do Deva queda dominado polos señores locais como os Unzueta de Éibar, Olaso de Elgóibar ou Guebara de Oñate.

As primeiras noticias que hai sobre Éibar datan do ano 1193 e fan referencia á casa dos señores de Unzueta relacionada co bando oñacino na contenda de bandos. En 1267 faise referencia á cesión do padroado da parroquia aos señores de Olaso da veciña localidade de Elgóibar por parte do rei Afonso X o Sabio.

Idade Media e Moderna[editar | editar a fonte]

O rei Afonso XI de Castela outorgou á vila de Éibar foro de constitución o 5 de febreiro de 1346 co nome de Villanueva de San Andrés de Heybar, no entanto, para entón xa existía unha realidade social asentada en torno á igrexa de Santo André. A concesión da carta puebla viría modificar este núcleo de poboación que en diante se sometería a unha planificación individualizándoa da súa contorna e organizándoa en casas e rúas (Barrenkale, Elgetakale e Somera ou de Txurio). Con este proceso de urbanización vaise creando un novo modelo xurídico autónomo no que os seus poboadores podían exercer libremente as súas actividades e organizar o seu concello á marxe do poder feudal.

Á vez que a guerra de bandos e que as distintas invasións dos franceses deixaban a súa impronta foise desenvolvendo a auxe dunha industria que condicionará o devir histórico de Éibar durante catro séculos. A industria armeira asentábase sobre unha base gremial (canonistas, caixeiros, chaveiros e aparalleiros) que facilitaba a capacidade de produción e a especialización da mesma. Deste xeito, a monarquía castelá apoiouse na infraestrutura creada no val do Deva para obter unha gran cantidade de armas e facer fronte ás súas necesidades. Así se formou unha rede de pequenos talleres familiares dedicados á fabricación de escopetas, arcabuces, mosquetes e fusís e unido a eles unha actividade comercial con numerosos mercados non só coa Península senón tamén coas colonias do Novo Mundo.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

As algaradas populares de 1766, coñecidas como Matxinada, debidas á carestía dos cereais e doutros artigos de primeira necesidade, afectaron a Éibar e a súa contorna. Uns anos máis tarde, en 1794, as tropas francesas arrasaron a cidade. Foi incendiada a Casa Consistorial, as escolas e parte da Igrexa, ademais do derrube de 116 casas de distintos barrios e do arrabalde.

As guerras carlistas deixaron tamén a súa pegada nunha poboación fundamentalmente liberal que a finais do século XIX, o 6 de agosto de 1897, vive a súa primeira folga por motivos laborais na fábrica que fornecía revólveres e escopetas á Casa Quintana e Irmáns en México. Esta folga serviu de xerme para que o socialismo arraigase en Éibar.

Paralelamente, foise estendendo un sentimento cooperativo, herdeiro do espírito gremial e de sociedade de épocas pasadas. Malia existir a finais do século XIX algúns intentos bastante serios, é a raíz dunha das folgas máis longas e duras de 1920 cando se funda Alfa como cooperativa obreira, impulsada pola UGT, materializándose así gran parte dos obxectivos suscitados en devandita folga. Esta primeira época do século XX foi de grandes dificultades debido ás flutuacións dos mercados internacionais e ao control no comercio de armas, principal industria do momento. No entanto, os logros sociais son importantes: o Sanatorio Antituberculoso, o Pavillón de Convalecentes, a Colonia de Arrate, os Centros Obreiros, as Bibliotecas e a Escola de Armería onde se formaron os alumnos que farán posible a transformación da industria de Éibar, apartándoa da súa dedicación exclusiva á produción de armas e converténdoa nunha industria aberta aos produtos manufacturados da industria lixeira metalúrxica.

Fonte de Ibarrecruz.

A madrugada do martes 14 de abril de 1931, ás seis e media da mañá, a corporación municipal recentemente elixida nas eleccións do domingo (10 concelleiros socialistas, 8 republicanos e 1 do PNV) proclamou en Éibar a Segunda República. A bandeira tricolor foi izada polo concelleiro máis novo da recentemente elixida corporación, Mateo Careaga, que era militante de Acción Republicana. Non foi ata as cinco daquela tarde cando outras cidades españolas seguiron o exemplo de Éibar. Este feito supoñía unha profunda transformación da distribución do poder xa que por primeira vez accederon a el as clases medias e os traballadores. Cando se confirmou a proclamación da República en Barcelona, o pobo concentrouse fronte ao Concello para retirar a placa co nome de Praza de Afonso XIII e colocar a nova placa de Praza da República, improvisada en cartón.

O escritor Toribio Echeverría describe a proclamación da Segunda República en Éibar desta forma:

...e antes das seis da mañá congregárase o pobo na praza que se ía chamar da República, e os concelleiros electos do domingo, pola súa banda, téndose presentados na Casa Consistorial coa intención de facer valer a súa investidura desde aquel instante, constituíronse en sesión solemne, acordando por unanimidade proclamar a República. A seguir foi izada a bandeira tricolor no balcón central do concello, e Juan dos Toyos deu conta desde el ao pobo congregado, que a partir daquela hora os españois estabamos vivindo en República. (Toribio Echeverría, Viaxe polo país dos recordos)

O 3 de maio a acción da proclamación republicana que convertera a Éibar no punto de partida para o resto do Estado serviu para que se oficializase, coa asistencia de importantes personalidades políticas, sociais e culturais, o cambio do título de vila polo de Moi Exemplar Cidade.

Eibar recibe título de Moi Exemplar Cidade pola valentía e afouteza mostrados polos seus cidadáns ao ser a primeira cidade en proclamar a II república. Ao acto institucional, celebrado onte, día 3 de maio de 1931, na maxestosa casa consistorial eibarresa, acudiron ilustres personalidades da vida política e cultural, destacando os señores D. Indalecio Prieto, Ministro de Facenda, D. Miguel de Unamuno, presidente do Consello de Instrución Pública, e o capitán xeral da primeira rexión militar Queipo de Llano. Presidiu a entrega do título o excelentísimo alcalde D. Alejandro Tellería.

A revolución de outubro de 1934 tivo grande incidencia na cidade. A traxectoria progresista dos seus habitantes, reflectida nos resultados das urnas, levaron a que o día 5 de outubro saísen ás rúas eibarresas máis de 400 cidadáns co obxectivo de facerse co control da cidade. Nos disturbios houbo 7 mortos (4 insurrectos, 1 paisano, 1 garda de asalto e o industrial carlista Carlos Larrañaga). Foron detidas máis de 300 persoas das rúas, das que 172 se enfrontaron a un consello de guerra en 1936.

A etapa republicana finalizou o 26 de abril de 1937 cando as tropas alzadas ao mando do xeneral Mola entraron na cidade logo de numerosos bombardeos que arrasaron gran parte do casco urbano e deixaron varios centenares de mortos.

Coa destrución da guerra e o incendio cambiou a fisonomía de Éibar. O 8 de outubro de 1940, a Dirección Xeral de Rexións Devastadas aprobou o proxecto de urbanización, onde se incluía a cobertura do río Ego para aproveitar en maior medida o chan e a construción da Praza do Mercado.

Malia as dificultades, Éibar adáptase aos novos tempos e diversifica a súa industria (bicicletas, ciclomotores, pezas para automóbiles, aparellos de uso doméstico...), ao que hai que engadir un potente fenómeno de inmigración, atraído por esta puxante actividade industrial, que fai medrar a súa poboación ata un 100% nos anos 60. A situación de desenvolvemento industrial toca fondo nos anos 1982-1983. A crise do petróleo, o cambio de sistema político, o proteccionismo industrial co que contaban algunhas empresas e a falta de novas tecnoloxías provocan unha crise da que hoxe se aprecia unha notable recuperación en diversos sectores como a automoción, máquina ferramenta e as industrias de transformación, pervivindo xunto a elas outras artesanais que entroncan co pasado máis afastado da historia da cidade, como a elaboración de escopetas finas de caza e o damasquiñado.

Irmandamentos[editar | editar a fonte]

A vila de Éibar está irmandada coas seguintes poboacións:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para eibarrés.
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). ISBN 84-8158-266-2. 
  3. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419. 
  4. Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Lingüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua (PDF). ISBN 84-9749-199-8. 
  5. Diciopedia do século 21. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. ISBN 9788482893600. 
  6. Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo Edicións. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9. 
  7. "O pobo ourensán de Vilariño de Lama Má celebrou unha festa de irmandamento con Éibar" Arquivado 08 de agosto de 2014 en Wayback Machine., artigo en La Voz de Galicia, 21 de agosto de 2006.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]