Wikipedia:Como crear unha páxina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atallo:
WP:CCP

A Wikipedia está constituída polos artigos que os seus colaboradores redactan. Actualmente, na Galipedia existen 204.903 artigos; non obstante, aínda quedan outros moitos cos que se pode mellorar, completar e aumentar a información que está aquí. Para facelo, podes crear unha nova páxina sobre un tema que non teña artigo. Antes disto, cómpre asegurarse de que non existe outra páxina co mesmo contido que vas editar. Lembra sempre respectar o formato habitualmente empregado para contribuír á cohesión xeral nos artigos.

Diferentes xeitos de comezar[editar a fonte]

Comezar un artigo é moi sinxelo se sabes o que vas poñer nel: simplemente basta con escribir o texto e gardalo! Para facelo, podes seguir, indistintamente, calquera destas maneiras expostas a continuación.

Desde unha ligazón vermella[editar a fonte]

Ao leres un artigo, atoparás diversas ligazóns internas cara a outros artigos do wiki. As ligazóns azuis correspóndense con artigos que xa existen e que podes mellorar. As vermellas, pola contra, son artigos que non existen e que quizais ti queiras comezar. Preme sobre a ligazón e poderás comezar a editar a páxina para redactar os seus contidos.

Artigos solicitados[editar a fonte]

Dentro do grupo das ligazóns vermellas, hai un conxunto de artigos que se buscan especialmente por parte da comunidade. Estes artigos máis pedidos poden atoparse en listas concretas e actualizables manualmente. Entre elas pódense destacar:

Facendo unha procura[editar a fonte]

Podes empregar o cadro de buscas que hai na barra lateral esquerda para realizar unha procura nos contidos de toda a Galipedia. Deste xeito estarás seguro de que aínda non existe a páxina que tes pensado crear. Ao buscar un título, atoparás unha ligazón vermella que te levará ata o formulario de edición dese artigo.

Como alternativa, podes usar este cadro de procuras semellante ao da marxe.

A Galipedia, a enciclopedia que calquera pode editar!
Introduce aquí o título
e preme en "Crear o artigo".

Asistente para a creación de artigos[editar a fonte]

Podes usar o asistente para a creación de artigos, que che axudará durante o proceso de creación dun artigo na Wikipedia.

Cousas para ter en conta[editar a fonte]

  1. Se un mesmo tema pode ter diversos títulos, non crees varias páxinas cos mesmos contidos. No canto diso, escolle o nome máis habitual e crea redireccións dunhas páxinas cara ás outras. Así conseguirás que alguén que faga unha procura cun dos outros nomes vaia parar ata o nome elixido polo editor da páxina.
  2. Outro asunto é que a páxina non quede illada, iso quere dicir que cómpre atopar relacións con outras páxinas e establecer ligazóns entre elas para que máis persoas cheguen ata ela, facilitando a chegada ata a información que se busca nesta enciclopedia.
  3. E por suposto, o título debe ser claro, que inequivocamente indique o contido, e o máis sinxelo posible, gardando as normas sobre maiúsculas e minúsculas, separacións entre palabras e outros aspectos.
  4. Ten en conta que non está permitido crear páxinas sobre un mesmo ou sobre un amigo, páxinas promocionais, ensaios persoais ou calquera outro tipo de artigo que non atoparías nunha enciclopedia. Tampouco se poden copiar materiais con dereitos de autor ou con textos conflitivos.
  5. Lembra tamén que todo o contido debe ser verificable, é dicir, debes achegar referencias que constaten que o que escribes é realmente certo, de xeito que os demais o poidan comprobar.

Durante a construción do artigo[editar a fonte]

Se sabes que o teu artigo vai necesitar moitas edición e/ou moito tempo para o seu desenvolvemento, recoméndase a inclusión do modelo {{Enuso}} ao comezo da páxina para advertir aos demais editores de que se trata dun traballo en progreso. Non obstante, ten en conta que, aínda con este marcador, a páxina podería pasar a formar parte dos artigos marcados para eliminación rápida se tomas demasiado tempo con el.

Outra opción é construír a páxina nunha subpáxina da túa páxina de usuario. Isto permite completar o artigo nun prazo de tempo indefinido. Cando creas que xa está, podes movela ata o título correcto que lle corresponde ao artigo.

E logo que?[editar a fonte]

En canto a páxina estea creada, aínda hai moitas cousas que podes facer.

Continúa a facer melloras[editar a fonte]

A Wikipedia non está rematada. Polo xeral, un artigo está lonxe de ser completado unha vez se crea. Existe un longo camiño por percorrer. De feito, poida que te leve varias edicións o seu comezo.

Se tes un especial interese no artigo que creaches, sempre podes aprender moito máis sobre o tema que trata no futuro e, entón, engadir máis cousas hoxe, mañá, pasadomañá ou o mes que vén. Faino cando queiras.

E ten en mente unha cousa: aínda que falemos do teu artigo, os artigos non pertencen a ninguén, e polo tanto os demais poden contribuír con achegas propias unha vez que o gardes. O creador non ten maiores dereitos ao resto no control do contido posterior. Non te amoles, frustres nin ofendas se modifican ou eliminan as túas contribucións.

Dálle un pulo ao formato[editar a fonte]

Un aspecto importante, despois dos contidos, é que o artigo teña un formato correcto. Todo isto é o vieiro para conseguir que o teu artigo se converta nun artigo de calidade! Estas páxinas hanche axudar:


Frecha. Volver á páxina de axuda.