Sorbeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sorba»)
Sorbeira
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Maloideae
Xénero: Sorbus
Especie: S. doméstica
Nome binomial
Sorbus domestica
L.
Sinonimia[1]

A sorbeira[2] (Sorbus domestica), é unha árbore froiteira da familia das rosáceas, nativa do oeste de Europa, noroeste de África (Montes Atlas) e o suroeste de Asia (no leste até o Cáucaso). Posúe follas compostas caedizas e un froito comestíbel denominado sorba.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego sorbeira (en portugués: sorveira), ao igual que nas linguas achegadas: catalán: servera, castelán: serbal, inglés: service ou sorb; derivaría do latín: sŏrba. Pertence, ao igual que o capudre, ao xénero Sorbus.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Medra en altitudes medias e altas. O solo preferibelmente calcario cunha orientación asollada ou en semisombra. Necesita de humidade moderada. A temperatura óptima de crecemento está arredor dos 6 e 10 °C.

Nos solos silíceos, caso de Galicia, necesita da relación con outras especies vexetais para poder asentarse, así na nosa zona asóciase a bosques maduros de cerquiños, pola capacidade creadora e melloradora de solos que ten esta especie[3].

Na Península ibérica atópase, sobre todo no leste: Aragón, Cataluña e levante e leste de Andalucía[3]. En Galicia, atopámolo nas serras orientais, facendo parte dun hábitat que se estende polo oeste de León e Asturias e o norte de Tras os Montes, en Portugal.

Descrición botánica[editar | editar a fonte]

Arboriña rexa e resistente que pode acadar os 20 metros de altura, aínda que adoita chegar só até os 12. Bastante lonxevo, hai censado individuos de máis de 400 anos. A copa é follosa, cunha ramificación regular e forma alongada, arredondada. O toro é de casca fendida e de cor cinsenta, mentres que as pólas novas son verdosas ou alaranxadas e con lanuxe (tomentosas).

As follas son alternas, caedizas, imparipinnadas, con 11-21 folíolos oblongo-lanceolados, aveludados pola face superior e un chisco amarelentos polo anverso. As flores son de cor branca ou do leite, con cinco pétalos e cinco sépalos, reunidas en corimbo duns 1,5 centímetros de diámetro.

O froito, chamado sorba, é unha drupa carnosa, piriforme arrondeada de 2,5 cm, semellante á pera. Rosea na primavera e os froitos apáñanse a finais do verán. A súa cor ao primeiro é verde pero ao madurecer adquiren unha cor acastañada; esta maduración prodúcese ao comezo do outono. Na natureza, a dispersión natural dos froitos e das súas sementes é levada a cabo fundamentalmente polos mamíferos, especialmente teixugos, garduñas, raposos e xabarís, que os comen maduros do chan, e máis raramente pola inxestión das aves.

Sorbas verdes

Os froitos apañados cómpre sobremaduralos en palla para seren comestíbeis. Empréganse para facer marmeladas e algunhas bebidas alcohólicas fermentadas. Nalgunhas partes de Centroeuropa déixanas secar, a xeito de uvas pasas. Tamén se elabora con eles unha fariña que se mestura coa dos cereais para darlle sabor.

A madeira, densa e dura, é de gran calidade, das máis prezadas de Europa, aínda que, debido á forma e tamaño do seu tronco, só se poden obter pezas de tamaño medio e pequeno. A súa cor natural é o branco, que se volve avermellado cun proceso de vaporización[3]. É resistente, en comparación con outras froiteiras, a pestes e doenzas.

Os seus principais usos son: tornería, talla e escultura, instrumentos musicais (violíns, guitarras, teclados), instrumentos de medida, útiles de debuxo, ebanistería, mangos de paraugas, artigos de regalo e de fantasía, cuncas. Tamén se emprega para imitar a madeira de ébano[4].

A sorbeira na cultura[editar | editar a fonte]

José Antonio Labordeta, poeta, cantante, e político aragonés, compuxo unha canción chamada No cojas las acerollas, o nome en aragonés da sorba[5]. A canción, publicada no seu LP de 1975 Tiempo de espera, é unha invitación á utopía.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]