Retrete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe dun retrete coa tapa aberta.

Denomínase retrete, inodoro ou váter o elemento sanitario empregado para recoller e evacuar os excrementos humanos a fin de dirixilos cara a unha instalación de saneamento (mediante un peche de sifón de auga limpa); así mesmo impide a saída dos cheiros da cloaca cara aos espazos habilitados para a micción e defecación. Xeralmente os inodoros fabrícanse de porcelana, aínda que tamén poden atoparse de louza ou de aceiro inoxidábel. Por outra banda, o termo retrete, por extensión, tamén pode facer referencia xa non só ao elemento sanitario en si mesmo, senón ao cuarto enteiro onde están dispostas as instalacións sanitarias e que polo tanto é o recuncho destinado á evacuación das necesidades.

Retretes dos antigos romanos.

Historia[editar | editar a fonte]

Vestixios dun sistema de saneamento na cidade de Lothal.

Antigüidade[editar | editar a fonte]

O tubo dunha cloaca.

A historia dos baños, e xa que logo do retrete (que os romanos nomearon orixinariamente matulla), transcorre paralela á orixe da civilización. Tan pronto como aparece un grupo de persoas reunidos e cohabitando nun mesmo lugar, aparece tamén a necesidade dun sistema para evacuar os lixos e os excrementos. Cidades como Harappa e Lothal foron as primeiras en contar cun sistema de baños independente en cada casa e unidos por drenaxes cubertos de ladrillos de arxila cocida previamente. Atopáronse así mesmo sumidoiros en ladrillos similares en Mesopotamia, así como tubos en terra cocida nos pazos minioanos, que transportaban a auga baixo presión. As augas utilizadas transportábanse en gabias. Sistemas similares existiron en Exipto e mais na China. Nos primeiros baños públicos as persoas poñíanse en crequenas enriba do burato, no cal caían os excrementos rapidamente evacuados pola auga dos sumidoiros. Os ouriños fluían nun regueiro disposto no chan.

De calquera maneira, foi na Antiga Roma onde foron descubertas as disposicións sanitarias máis coñecidas. Estes, os romanos, tiñan deuses para o que hoxe chamamos saneamento. Así, o deus Stercutius estaba consagrado ao esterco, Crepitus ás flatulencias, e unha deusa, Cloacina, encargábase de velar polo sumidoiro principal. Porén este sistema de cloacas, coñecido co nome de Cloaca Máxima, recolectaba só mediante o emprego da auga caída coa choiva. O funcionamento era abondo sinxelo: os excrementos eran vertidos nas rúas, onde se acumulaban nunha canle central até que a choiva os arrastraba. Non obstante, o destino das augas fecais eran os barrios periféricos, polo que non acababa de ser un sistema de saneamento de todo eficaz.

En Roma, polo xeral, os patricios facían uso dos penicos, que eran baleirados polos seus escravos. O emperador Heliogábalo era coñecido por posuír penicos feitos cos mellores materiais. Por outra banda, a plebe tiña acceso aos baños públicos, concibidos para evacuar os excrementos (a auga circulaba transportándoos por baixo do burato) e os ouriños (polo regueiro no chan). Nalgúns casos, os ouriños eran recuperados por tintureiros e lavandeiros co gallo do desengraxe da roupa.

Tamén noutros lugares comunitarios como os mosteiros se atopan exemplos de saneamento. Os budistas da actual Sri Lanka empregaban daquela botes porosos para filtrar os ouriños, mentres que os excrementos eran reutilizados como fertilizante. Esta reutilización dos excrementos repítese en numerosas civilizacións onde a agricultura era preponderante: arredor do 90% dos excrementos son reutilizados aínda na China actual, e o mesmo sucedía en Londres até a revolución sanitaria do século XIX, onde as foxas das instalacións eran baleiradas manualmente pola noite, e os excrementos eran secados e, unha vez enxoitos, transportados sobre carretas e pontóns cara aos campos de Hertfordshire e de Hampshire.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Cloacas en París.
Réplica dun retrete medieval en Estonia.

A Idade Media marca unha separación entre Europa e Asia. En Asia, os excrementos son reutilizados a miúdo como fertilizante, a través dun sistema organizado. Tal foi o caso do Iemen onde nalgunhas cidades os baños eran pequenos cuartos enriba dos edificios, de onde os excrementos caían cara ás foxas de abaixo, ao nivel da rúa. Os excrementos eran baleirados a continuación regularmente por unha trampa, despois secados á raxeira e destinados a convertérense en carburantes [1]. Este sistema de recuperación existía tamén noutras cidades asiáticas como Cabul, en Afganistán, onde as foxas eran baleiradas, e os excrementos traídos cara aos campos nunha carroza da época. Estes sistemas permitían deixar os excrementos secar e volvérense máis manipulábeis. Na India, en troques, a defecación era practicada na natureza, ao bordo dun río ou do mar, mentres que os baños dos castelos desembocaban nos ríos ou un lugar sen vida social.

En Europa é máis raro que os excrementos estean disecados. Aínda que os castelos funcionaban como os mosteiros de Bután e mais os fortes indios, onde os excrementos caían ao baleiro, no caso das cidades existían máis problemas, posto que era pouco habitual que existise un sistema organizado de colleita e evacuación dos excrementos. Os habitantes utilizaban a miúdo botes de cuartos que eran baleirados nas rúas xunto co lixo. Así, en 1671 en Berlín, os excrementos acumuláronse até tal punto diante dunha igrexa que unha lei foi aprobada para obrigar os campesiños de visita na cidade a embarcar unha parte con eles ao seu regreso[2]. O caso de París pouco mellor era, pois os habitantes defecaban directamente nas rúas, namentres que en Versalles os cortesáns facían as súas necesidades detrás das portas, sobre os balcóns ou nos xardíns, sen agochárense. As prácticas variaban entre os países: Inglaterra tampouco non era mellor que Francia: as cabanas enriba dos ríos existiron, pero de maneira escasa. Os contidos fecais eran revendidos aos granxeiros veciños da cidade e, durante as guerras anglo-españolas, eran empregados para fabricar o salitre para o po do canon [3]. As foxas instaladas nas adegas, corrían o risco continuo de desbordamento.

Os problemas co saneamento eran máis marcados nas cidades europeas emerxentes; no medio rural, as latrinas eran utilizadas comunmente, consistindo a miúdo nun banco perforado de buratos, enriba dunha foxa larga, todo isto nunha cabana separada da casa. Nas cidades, as clases acomodadas utilizaban penicos, ás veces pechados e rematados cun asento perforado máis cómodo, baleirados polo servizo doméstico. As clases máis pobres destinaban como retrete un recanto da súa adega ou baleiraban o penico directamente na rúa. Esta última práctica sería prohibida nas grandes cidades: tanto en Londres como en París estivo prohibido descargar auga nas canles das rúas até mediados do século XIX.

Adopción progresiva da cisterna en Europa[editar | editar a fonte]

Sanitario comercializado polo empresario Thomas Crapper.

En 1592, John Harington, poeta e afillado da raíña Isabel I de Inglaterra, crea a primeira cisterna na súa casa en Kelston, preto de Bath. Despois de que a raíña visite a súa casa, fixo instalar unha segunda cisterna nun hotel de luxo, o Richmond Hotel. Respecto aos sistemas da antigüidade, que evacuaban xa os excrementos con auga, a cisterna de Harington podíase soster sen problemas nun pequeno cuarto e desembocar nunha pequena foxa instalada no xardín, namentres que cos sistemas antigos, sendo a maioría deles comunitarios, deixaban as feces ao aire libre. O logro de Harington non coñeceu gran notoriedade até despois de morto este. Algúns viaxeiros vidos a Inglaterra mencionan as «máquinas do pequeno recanto» no século XVII.

A primeira patente depositouna o reloxeiro Alexander Cummings en 1775. A súa innovación maior é o engadido dun tubo dobrado en forma de U, que actúa como sifón e que impide a subida dos cheiros. A auga contida no sifón era substituída completamente en cada cisterna, permitindo unha limpeza automática. Estes baños eran moito máis complexos ca os de hoxe, con numerosas comportas de entrada e saída, así como tamén con numerosos canos. A cisterna «moderna» coa cubeta asociada estaba destinada ao principio aos máis pobres, e non se expandiu o seu uso até chegado 1840.

A finais do século XVIII e sobre todo a comezos do século XIX, sobe o nivel de vida e numerosos habitantes das clases medias europeas acceden á propiedade, e por conseguinte tamén ao mercado dos accesorios domésticos, e sobre todo o dos baños. Empresarios como Thomas Crapper gañan sona grazas ao retrete. Porén, os sistemas de saneamento non seguen evolucionando: os baños vértense en foxas, que son purgadas á noite, e o seu contido serve para fertilizar os campos. O crecemento das grandes vilas fai que aparezan as redes urbanas de cloacas, no entanto o seu custo e as trabas administrativas dificultan a súa construción.

A revolución sanitaria do século XIX[editar | editar a fonte]

Contra mediados do século XIX, o nivel de contaminación de certos ríos chegou a un nivel crítico. Co verán quente e seco de 1858, pódese falar dunha ondada de excrementos no Támese que rebela e irrita a poboación londiniense. O descoñecemento dos mecanismos de transmisión das enfermidades como a cólera aumenta o pánico; a proximidade do Támese ao Parlamento incita os deputados a actuar con celeridade. Dúas semanas despois do pico da crise, unha lei é votada, facilitando a construción de sumidoiros e desbloqueando créditos consecuentes. Este acontecemento, coñecido baixo o nome «Gran Cheirume», marca o comezo da denominada «revolución sanitaria» que coñecen as metrópoles europeas durante a segunda metade do S.XIX[4]. Acontecementos coma o de Londres non son illados; así, por exemplo, París terá o seu «Gran Cheirume» do Sena en agosto e setembro de 1880[5].

Retretes e latrinas[editar | editar a fonte]

Inodoro pendurado dun baño público.

O termo latrina designa principalmente un retrete precario, pouco avanzado, como poden ser as gabias ou os buratos no chan recubertos dunha simple táboa. O termo segue sendo empregado no exército. Segue estando correntemente utilizado nos países en desenvolvemento e ás veces nas zonas rurais dos países desenvolvidos. Decote é empregada a forma en plural latrinas.

A distinción entre retretes e latrinas non sempre queda clara. O termo latrina foi utilizado correntemente polas ONG nos programas de saneamento para designar os sistemas de saneamento subdesenvolvidos. Porén, como este termo é considerado a miúdo pexorativo, a palabra retrete ten gañado terreo e actualmente designa ambos os sistemas, os que se están avanzados e os que non o están.

Un vaso clásico de retrete (aquí si existen diferenzas con respecto á latrina) está composta polo entrador, o redondo e mais unha tapadeira. Nalgúns países fríos, o redondo está calefactado.

Cisterna[editar | editar a fonte]

A cisterna é o depósito de auga que contén un retrete. Accionase de diversos xeitos, que en Galiza son principalmente tres:

  • Premer un botón na parte ulterior de dito depósito, a un lado ou no medio da porcelana.
  • Tirar dunha panca pendurada do teito, onde fica o depósito; este método é o máis común nos inodoros máis vellos.
  • Accionar cara a abaixo unha panca que adoita estar a un lado do depósito cando o retrete é dunha soa peza.

Nos modelos máis comúns, a cantidade de auga dunha cisterna varía entre os 6 e os 8 litros, que son renovados con cada descarga, mediante a cal a auga depositada e mais os excrementos son levados polo cano, até que finalmente esa mesma auga volve ficar estancada no centro de saneamento pertinente.

Ao respecto da súa orixe, débese sinalar que foi un invento de Thomas Crapper, británico, quen en 1886 instalou sobre o inodoro un depósito de auga de arredor de dez litros de capacidade, así como unha panca coa cal liberar a auga ao tirar da cadea. Mellorou máis tarde o seu invento engadíndolle un sifón que permitía que sempre houbese auga no fondo.

En relación ao consumo de auga, existen tamén retretes de descarga dupla, cun consumo de 3 litros para os líquidos e 6 litros para sólidos, e por outra banda están os que funcionan en base a descargas de aire comprimido, que se valen de entre litro e litro e medio por descarga de auga. Estes retretes con sistema de baleiro son utilizados principalmente en avións onde o custo da auga transportada é particularmente elevado, e tamén en instalacións experimentais para o uso eficiente da auga[6].

Tipos, características e aplicacións[editar | editar a fonte]

Debuxo explicativo dun retrete co seu cano.

Clasificación técnica dos retretes[editar | editar a fonte]

Tecnicamente, polo xeral, os retretes ou inodoros son clasificados da seguinte maneira:

  • Inodoro de pedestal: a maioría dos inodoros son deste tipo. Consta dun asento fixado ao chan mediante bulóns ou outra peza removíbel.
  • Inodoro pendurado: o vaso está fixado á parede mediante unha armadura angular metálica encaixada na tanto na parede coma no chan. Ten a vantaxe de deixar o chan completamente libre, o cal facilita a limpeza.
  • Inodoro á turca, inodoro turco ou placa turca: trátase dun inodoro sen vaso. Consiste nun buraco feito no chan, con dous apoios adxacentes para pousar os pés. Ao carecer de asento, ás veces recibe o nome de latrina, mais, a diferenza desta, o inodoro á turca si posúe peche hidráulico. Aínda que este tipo de retrete non goza de boa reputación, sería o inodoro máis axeitado posto que facilita tomar a postura máis natural para defecar.

Clasificación das latrinas segundo aplicación[editar | editar a fonte]

Habitáculos para latrinas en Haití.
Latrina moi simple en Polonia.
  • Latrina de burato seco

Esta latrina é a máis común. Trátase simplemente dun burato no terreo cuberto cunha prancha de cemento ou madeira, que de igual xeito dispón doutro burato, por norma xeral de trazado circular, sobre o que eventualmente pode colocarse un vaso. Este tipo de latrina recoméndase en lugares con pouca densidade de poboación, e é fundamental que estea localizada a polo menos 30 m da vivenda e da fonte de auga potábel. Desaconséllase a súa utilización en áreas inundábeis, en áreas onde a capa freática é pouco profunda, en zonas veciñas aos mananciais, terreos moi impermeábeis, pois axiña quedaran asolagados.

  • Latrina xeradora de fertilizante

A latrina xeradora de fertilizante transforma os excrementos sólidos en fertilizante ou terra mellorada que pode ser utilizada na quinta familiar sen perigo ningún para a saúde. Consta de dúas cámaras independentes situadas por enriba do nivel do terreo. As cámaras constrúense sobre unha base de cemento de 5 cm de espesura, cunha malla de ferro, quedando illada totalmente do terreo. Internamente as cámaras están impermeabilizadas con morteiro de cemento e seladas na parte superior cunha lousa de cemento reforzada con ferro. Esta lousa superior ten un orificio que comunica con cada unha das cámaras, onde se colocan os vasos especiais. Utilízase alternativamente cada unha das cámaras por un tempo aproximado de medio ano, que é o tempo que cómpre para que a cámara chea, que foi selada cun plástico, procese naturalmente o material defecado mesturado con papel e cinza ou cal. Unha vez transcorrido este tempo pódese retirar o contido da cámara, quitando algúns ladrillos que foron dispostos para este fin. O material -que presenta unha aparencia terrosa, enxoita e sen cheiros- pode ser empregado a modo de fertilizante.

A concepción do vaso da latrina xeradora de fertilizante é tal que permite a separación de compostos sólidos e líquidos. Os sólidos caen na cámara impermeabilizada en uso. Ao final da deposición engádese aproximadamente medio quilo de cinza, ou ben de cal. Os líquidos, por medio dun tubo, xeralmente unha mangueiriña de ½ polgada, condúcense ao exterior da latrina por medio dunha pequena poza filtrante. Este tipo de latrina pode ser utilizada en calquera sitio; non obstante, é especialmente axeitada cando o nivel freático é elevado, cando se trata de zonas rochosas e cando os terreos son moi impermeábeis.

  • Latrina xeradora de fertilizante de secado solar

Trátase dunha modificación da latrina xeradora de fertilizante descrita no punto anterior. Consta dunha única cámara que foi prolongada uns 60 cm por fóra da caseta. A tapa desta prolongacón cóbrese cunha lámina metálica pintada de negro que quenta o material na cámara e acelera o seu secado. Cada quince días levántase a tapa metálica, e cun legón arrástrase o excremento sólido mesturado con papel e cinza ou cal, para situalo debaixo da prancha metálica. É aconsellábel colocar unha cheminea de aireación que remate por enriba do teito da caseta. O tubo de aireación non debe permitir a entrada de auga de chuvia e debe estar provisto dunha reixa para non permitir a saída das moscas, que naturalmente andan na busca de luz.

  • Latrina de peche hidráulico

Isto vén sendo o inodoro (sanitario), é o seu uso só se recomenda en lugares onde a dispoñibilidade de auga non é un problema, o nivel freático é profundo e a filtración do terreo é media. O ideal é que estas latrinas dispoñan dunha foxa séptica dividida en dúas partes, unha impermeábel onde permanezan os sólidos -que periodicamente deben ser retirados por medio de bombas especiais denominadas barométricas- e mais unha cámara filtrante onde os líquidos fiquen no terreo sen causar contaminación.

Usos erróneos[editar | editar a fonte]

Unha latrina.
  • Gasas, compresas e outros plásticos: o feito de tirar na auga do inodoro as gasas, compresas ou mesmo outros plásticos como é o caso dos profilácticos, pode chegar a obstruír os canos, afectando negativamente ao sistema de cloacas xa que poden orixinar a obstrución do enreixado de entrada, ocasionando de tal xeito diversos problemas tanto hixiénicos como mecánicos. Os residuos deben de ir sempre ao cubo do lixo.
  • Cigarros: tamén as pavas dos cigarros deben de ser tiradas no cubo do lixo e non polo retrete, pois a nicotina e mais o alcatrán disólvense rapidamente na auga e mesmo nunha concentración baixa resultan altamente contaminantes.
  • Medicamentos: as menciñas conteñen compostos que de se liberar na auga de forma descontrolada poden comportarse de xeito imprevisto e acabar por danar a saúde. O método axeitado para se desprender delas pasa por acudir á farmacia máis próxima, onde se encargarán da súa eliminación.
  • Papel hixiénico: cómpre evitar o papel coloreado ou con debuxos pois está tinguido con produtos tóxicos. A substitución por papeis non hixiénicos, é dicir, non aptos para a limpeza do usuario, pode tamén chegar a obstruír o cano do retrete.
  • Aceites: aceites e hidrocarburos son indisolúbeis en auga polo que endexamais deben verterse no retrete. Ademais, son difíciles de eliminar e poden chegar a propagar infeccións. O método de eliminación pasa por achegarse aos talleres especializados, onde se encargarán de levalos a plantas de tratamento especiais. Os mesmos problemas presentan as pinturas sobrantes, que tamén son altamente contaminantes.
  • Produtos de limpeza: cómpre evitar o emprego de produtos de limpeza agresivos, xa que danan as canalizacións e provocan danos en redes de sumidoiros e plantas de tratamento. As cantidades deben ser as mínimas posíbeis.

Datos relacionados[editar | editar a fonte]

O día 19 de novembro celébrase o Día Mundial do Retrete, instaurado en 2013. O obxectivo da celebración é destacar a importancia dos inodoros na hixiene pública, e crear conciencia sobre os millóns de persoas que viven sen ter acceso a un saneamento xestionado de forma segura [7].

Acto da defecación.
  • O nome retrete procede do catalán ou do provenzal retret, que literalmente significa "retirado"[8].
  • Máis de 2.600 millóns de persoas en todo o mundo non dispoñen de acceso a ningún tipo de retrete e por extensión a ningún sistema de saneamento dos excrementos e ouriños[9].
  • En 2008 foi comercializado por vez primeira un retrete portátil que se pode transportar até os 8.000 metros de altura e que está pensado para cubrir as necesidades dos alpinistas[10].
  • Tamén no 2008 unha moza australiana discorreu un retrete que funciona por medio da reciclaxe das augas grises da ducha. Coñécese como retrete ecolóxico ou eco-friendly[11].
  • Existe a Organización Mundial do Retrete, unha organización non gobernamental con sede en Singapur.
  • En 2004, en Pequín, a Conferencia Mundial do Retrete reclamou a creación dun Día Mundial do Inodoro[12].
  • En xuño de 2008, un dos propósitos dunha das misións do transbordador espacial Discovery da NASA foi fornecer unha peza de reposto para bombear a auga do inodoro instalado na Estación Espacial Internacionl, que levaba estragado máis dunha semana, durante a cal os tres ocupantes da estación tiveron que verter auga manualmente varias veces ao día[13].
  • No estado norteamericano de Kansas, unha muller pasou dous anos encaixada no retrete do mozo namentres que este se ocupaba de lle fornecer comida e bebida. Finalmente foi sacada de aló co uso dunha panca grazas aos servizos de urxencias[14].
  • Estímase que ao longo da súa vida un usuario medio dun servizo sanitario pasa case 12.000 horas facendo uso da retrete. Pasamos unha media dun ano, catro meses e cinco días da nosa vida no váter, segundo Paul Abrams, portavoz da compañía Roto-Rooter[15].
  • En 2004 foi achado o retrete sobre o cal Lutero escribiu as súas 95 teses, unha armazón de pedra de 30 cm adherida a unha das paredes da súa casa. Ao parecer, o monxe sufría de estrinximento crónico e víase na obriga de pasar moitas horas no baño, feito que non o detiña á hora da elucubración e da escrita[16].
  • No mes de novembro de 2007 foi aberto en Taipei o duodécimo restaurante temático dunha cadea que basea a súa ornamentación nos accesorios do baño[17].
  • Tamén en Taipei, outro restaurante de xerencia xaponesa senta os comensais enriba duns vasos de retrete[18]. Trátase dunha franquía que naceu en 2004 baixo o nome de «Modern Toilet».
  • O 21 de marzo de 2009 rexistrouse a maior cola de espera para a entrada nun retrete. Sucedeu en Bruxelas, Bélxica, e constitúe, con 756 persoas, unha nova marca de récord Guinness, anteriormente fixado en medio millar de persoas, nos Estados Unidos de América[19].
  • En 2009, en Alacant, un veciño atopou unha pitón instalada dentro do seu retrete, tendo esta probablemente chegado até aló a través do desaugadoiro[20].

Fabricantes de retretes[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Winblad & Simpson-Hébert, capítulo 3 « Eco-San examples », páx. 21-52
  2. Harold Farnsworth Gray, « Sewerage in ancient and medieval times », no Sewage Works Journal, vol. 12, n°5, p. 939-946, 1940.
  3. Stephen Halliday, The Great Stink of London, Sutton Publishing, Stroud, 1999
  4. Black & Fawcett, capítulo 1, « A short story of the unmentionable », páx. 1-32
  5. David Barnes, The great stink of Paris and the nineteenth-century struggle against filth and germs, The Johns Hopkins University Press, Baltimore, USA, 2006 (ISBN 0-8018-8349-0)
  6. "Uso eficiente da auga: o caso do aeroporto internacional de São Paulo" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 05 de xullo de 2009. 
  7. "Día Mundial del Retrete. 19 de noviembre" (en castelán). .
  8. Segundo o dicionario IrIndo Arquivado 08 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.. Consultado o 27 de febreiro de 2010.
  9. The Big Necessity: Adventures in the World of Human Waste, de Rose George Libro publicado no ano 2008
  10. "Retretes portátiles para el Everest" (en castelán)
  11. "Retrete con aguas grises de la ducha" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2009. Consultado o 10 de marzo de 2009. 
  12. Información sobre o reclamo do Día Mundial do Inodoro
  13. "Misión: arranxar un inodoro". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 07 de maio de 2009. 
  14. "Una mujer pasa dos años encajada en el inodoro de su novio" La Voz de Galicia, 13/3/2008 (en castelán)
  15. "Información e datos sobre o retrete". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2008. Consultado o 10 de marzo de 2009. 
  16. Corriere della Sera, 23 de outubro de 2004 Arquivado 09 de decembro de 2008 en Wayback Machine. (en italiano)
  17. "Tampereen yliopiston sähköiset julkaisut". Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2007. 
  18. "Un restaurante de Taipei sienta a sus comensales en retretes" La Voz de Galicia.
  19. "La cola más larga para hacer pis" Público (en castelán).
  20. "Encuentra una serpiente pitón al destapar el váter" El Mundo (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]