Prebiótico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Chámanse prebióticos os elementos non dixeribles achegados cos alimentos, pero que posúen algunha propiedade beneficiosa para a saúde ó estimular selectivamente o crecemento ou a actividade de determinados microorganismos que forman a flora intestinal normal.

Por extensión, os alimentos que achegan estas substancias denomínanse alimentos prebióticos.

A presenza de substancias probióticas e prebióticas nun mesmo alimento dá lugar a un grupo de alimentos denominados simbióticos. Estes alimentos melloran a supervivencia de microorganismos probióticos, axudando á súa implantación no intestino e estimulando o seu crecemento e actividade metabólica (á vez que actúan do mesmo modo sobre os microorganismos beneficiosos presentes naturalmente).

Para ser considerados como prebióticas, as substancias referidas deberían cumprir tres condicións:

  • Resistir os tramos superiores do tracto gastrointestinal, para actuar no intestino groso.
  • Poder ser fermentados no colon pola flora intestinal presente nesta zona.
  • Reduci-los recontos en feces de xermes patóxenos ou a súa actividade metabólica.

Entre as substancias prebióticas máis coñecidas témo-las seguintes:

Propiedades dos alimentos prebióticos[editar | editar a fonte]

As principais propiedades beneficiosas que se atribúen ós prebióticos son as seguintes:

  • Estimulan o crecemento ou a actividade da flora intestinal.
  • Regulan e melloran o tránsito intestinal, polo que se aconsellan tanto en casos de diarrea como de estrinximento
  • Posúen un efecto protector fronte ó cancro do intestino groso (cancro de colon, particularmente).
  • Estimulan o sistema inmunolóxico.
  • Favorecen a absorción de minerais no intestino, especialmente do calcio.
  • Diminúen os niveis de triglicéridos e de colesterol.

A flora intestinal normal está constituída por máis de 500 especies diferentes de microorganismos. Boa parte deles son sacarolíticos (é dicir, utilizan estes hidratos de carbono como fonte de enerxía). Entre eles destacan claramente os lactobacilos e as bifidobacterias, ós que se atribúe a capacidade de estimula-lo sistema inmunolóxico do noso organismo, o que mellora a protección natural fronte ás infeccións e, en consecuencia, axuda a preservar e manter un bo estado de saúde.

Tamén se lles atribúe a capacidade de inactivar determinados compostos tóxicos que se producen ou liberan no intestino, así como certas substancias potencialmente canceríxenas.

Alimentos prebióticos e alimentos probióticos[editar | editar a fonte]

Os alimentos prebióticos diferéncianse dos probióticos en que estes achegan á dieta microorganismos vivos, mentres que aqueles proporcionan certas moléculas que favorecen o crecemento deses microorganismos beneficiosos. Por dicilo dunha forma gráfica, os prebióticos achegan o "alimento" para os microorganismos probióticos xa existentes, en particular no colon.

Ó favorece-lo crecemento destes microorganismos beneficiosos conséguese potencia-las súas propiedades saudables. No caso concreto dos prebióticos engadidos ó iogur, este obxectivo indirecto é o que se vén denominando “efecto bífidus”.

Oligosacáridos[editar | editar a fonte]

Os oligosacáridos (ou fruto-oligosacáridos, FOS), son un tipo especial de fibra soluble que contén frutosa, presentes de forma natural nunha gran variedade de plantas e froitas como a soia, o allo porro, a cebola, o espárrago, o allo, a alcachofa ou o tomate, entre outros.

Esta fibra con frutosa é fermentada polas bacterias intestinais beneficiosas (as bifidobacterias) e, como consecuencia, redúcese a acidez do líquido intestinal, o que mantén controlado o crecemento das bacterias patóxenas (E. coli, Shigella ou Salmonella) e a produción de substancias tóxicas.

Normalmente, a concentración natural de oligosacáridos nos alimentos é reducida. Ademais, o consumo normal deste tipo de alimentos tamén é baixo, polo que a inxesta diaria estimada rolda os 800 mg/día, aproximadamente. É por iso polo que se recomenda aumenta-lo seu consumo, suplementando con fibra outro tipo de alimentos.

A industria alimentaria que desenvolve este tipo de alimentos prebióticos suplementa con estas substancias os alimentos que comercializa con este fin, como bebidas, produtos lácteos ou de repostería, maionesas, queixos etc. Tamén existen alimentos infantís enriquecidos e complementos dietéticos específicos.

Na elección dos alimentos para seren enriquecidos con oligosacáridos interveñen certas propiedades tecnolóxicas que estas substancias posúen, como é a posibilidade de redución das graxas por substitución, por exemplo en produtos coma maionesas e queixos baixos en calorías, ou sucedáneos de chocolate. Tamén posúen unha alta capacidade de retención de auga, o que permite o seu uso na elaboración de produtos de pastelería, panarios ou embutidos; evitan a formación de cristais (nos produtos de xeadería). Tamén posúen propiedades edulcorantes, que dan un sabor máis agradable ós alimentos, e modifican a textura ou cremosidade dalgúns alimentos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Rodríguez Jerez, J.J.: Alimentos funcionales: Los efectos beneficiosos de los oligosacáridos (Consumaseguridad, 5.10.2005) [1].
  • Recio Sánchez, I. (CSIC): Alimentos funcionales [2]