Moucho común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moucho común


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Strigiformes
Familia: Strigidae
Xénero: Athene
Especie: A. noctua
Nome binomial
'Athene noctua'
(Scopoli, 1769)
Distribución do moucho común
Distribución do moucho común

Distribución do moucho común
Sinonimia

Carine noctua

O moucho común (Athene noctua) é unha ave rapaz nocturna da familia das Estrixiformes, de pequeno tamaño, propia de zonas de clima temperado de Eurasia e o norte de África. Forma parte da familia dos "mouchos típicos" (Strigidae), diferenciada da familia Tytonidae, da que forman parte aves coma a curuxa común.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un bufo pequeno duns 23-27,5 cm de lonxitude. As ás abertas miden uns 50 cm. Aínda sendo da orde das aves de rapina nocturnas, é activo tamén de día. Cando voa pode recoñecerse pola súa cola curta. Pousado fai, en momentos de excitación, movementos moi característicos.

Os adultos da subespecie máis característica, Athene noctua noctua, son castaños con pencas brancas na parte superior, e castaños con raias brancas na zona ventral. A cabeza é relativamente grande e os ollos son de cor amarela brillante, con cellas brancas. As patas son longas. Os exemplares novos son de cor máis apagada e menos pencados.

A subespecie Athene nocturna lilith, da zona do Oriente medio, é de cor castaña agrisada pálida. Outras subespecies son A.n. desertae do norte de África, tamén máis pálida cá forma típica; A. n. indigena, do sueste de Europa e Asia Menor; e A. n. bactriana, de Asia Central.

Distribución xeográfica e hábitat[editar | editar a fonte]

Vive en Europa ata o límite da zona de bosque de folla perenne. En Gran Bretaña foi aclimatado no século XIX. Está presente tamén nas zonas temperadas de Asia, onde chega ata a península de Corea. En África habita o norte e o nordeste. Non se considera en perigo de extinción, aínda que é unha das aves protexidas en España onde é sedentario e común (30.000 parellas). En Galiza é común en todo o territorio aínda que sufriu unha notable diminución nos derradeiros 20 anos.

O moucho común prefire vivir en zonas abertas con algunhas zonas arboradas, incluíndo xardíns con árbores vellas e zonas de hortas con árbores froiteiras. Precisa territorios con presas abundantes, ocos para agocharse de día e puntos para espreitar.

En Asia central e do leste vive principalmente no chan e fai os niños en moreas de pedras ou tobos de marmotas, aínda que pode utilizar tamén árbores.

Comportamento e alimentación[editar | editar a fonte]

É unha ave sedentaria, moi fiel ao territorio e mesmo á súa parella. Utilizan repetidamente o mesmo niño. Mesmo en épocas de fortes nevadas ou moi frías non abandona o seu territorio. Pode almacenar unha boa cantidade de graxa no seu corpo, mais, aínda así, se as condicións climáticas son de frío extremo, as súas posibilidades de sobrevivir son pequenas, sobre todo pola falta de presas.

O seu voo diúrno é ondeante, con subidas e baixadas continuas. É doado escoitalo cara á noite, cando fai unha serie de chamadas agudas e fortes.

Caza, preferentemente á noitiña ou de noite, invertebrados grandes (como escaravellos, miñocas e grilos), ratos, paxariños e lagartos e cobras pequenas.

Voz do animal[editar | editar a fonte]

  • Segundo o dicionario de Eladio Rodríguez, os mouchos mouchean (mouchear: "Cantar o graznar el mochuelo o MOUCHO."), e mesmo aparece no refraneiro: "Cando o moucho mouchea nin chove nin xea".
  • Segundo Lamas Carvajal: "os roucos chíos do moucho chegaban á miña alcoba monótonos, estridentes , fatídicos e con forza" (Lamas Carvajal: Saudades gallegas)
  • Hai máis formas xenéricas, como por exemplo asubiar: "O demo do merlo moucho toda a noite asubiou, alá pola mañán cedo abreu as alas e marchou" (Domingo Blanco: A poesía popular en Galicia).
  • Tamén se empregou nalgún caso a forma berrar: "...as niebras de cor sombriso qu ' aló nas montañas rolan , os berros do triste moucho..." (Rosalía de Castro: Cantares gallegos).
  • Ou unha forma poética como é chorar: "Eu ben vin estar o moucho chorando naquel penedo : chora moucho, chora moucho chora , que non teño medo" (Pérez Ballesteros: Cancionero popular gallego); "Ladra o can, o moucho chora, o lobo no monte ouvea, roxen as follas e o vento ..." (Álbum de la caridad, 1862).

Reprodución[editar | editar a fonte]

Athene noctua vidalii

Reprodúcese desde abril a xuño en furados, naturais ou feitos polos petos, de árbores e tamén en ocos nas rochas ou mesmo en construcións humanas. A falla de ocos naturais fai que aproveiten caixas de facer niños. Como xa se comentou, en Asia adoitan facer o niño no chan.

Poñen, en xeral, de 3 a 5 ovos, que choca exclusivamente a femia, ocupándose o macho da súa alimentación.

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Neste tetradracma represéntase a Atenea, simbolizada no moucho, e unha poliña da oliveira que fixo crecer en Atenas (450-400 a.C.)

Na Grecia antiga era a ave consagrada á deusa Atenea, da que recibe o nome científico, e foi a ave símbolo da cidade de Atenas, polo que a súa imaxe aparecía nas moedas.[2]

Ornitoloxía[editar | editar a fonte]

A Sociedad Española de Ornitología (SEO-BirdLife) declarouno Ave do Ano 2011 [1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Athene noctua". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Thompson, D'Arcy Wentworth. A glossary of Greek birds. Oxford, Clarendon Press 1895, p 45-46.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]