Mexilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mexilla nas rochas da costa do Grove.

Mexilla é o nome co que se coñece entre os cultivadores de mexillón, e que aparece en moitas publicacións de mitilicultura, o que tamén se denomina semente do mexillón.[1][2]

O que é a mexilla[editar | editar a fonte]

As mexillas realmente son crías de mexillóns, exemplares de pequeno tamaño (de entre 15 e 25 mm de lonxitude),[2] que proceden habitualmente das rochas costeiras, nas que se fixan as larvas en condicións naturais e que os mitilicultores recollen nestas, ou compran a mariscadoras que as apañan, e, ás veces, tamén nas cordas das bateas onde se cultivan.

Procesos de extracción e cultivo[editar | editar a fonte]

Batea e barco auxiliar na ría de Vigo.

Nos meses de decembro a abril os bateeiros (ou as mariscadoras) despegan con rasquetas,[3] nas rochas máis batidas do litoral, a mexilla, e nos meses de marzo a xuño (época da desova) colgan das bateas as cordas colectoras para a captación das larvas. A semente do mexillón, dun tamaño de 1 a 2 cm, lévase á batea ou ao barco auxiliar e procédese á confección das cordas de mexilla. A mexilla adhírese á corda coa axuda dunha fina rede biodegradábel de raión,[4] dándolle ao mexillón tempo suficiente para que se adhira co biso á corda. Esta operación faise ben manualmente, ben mediante máquinas encordadoras.[5]

Despois de 4 ou 6 meses, cando o mexillón alcanza os 4,5 ou 5,5 cm, procédese ao izado das cordas de semente. Debido ao considerábel aumento de peso do mexillón, é necesario o desdobre das cordas, isto é, a confección de novas cordas de densidade menor. Con este desdobre facilítase o crecemento do mexillón, e ademais evítase o seu desprendemento.[5]

Por cada corda de mexilla obtéñense entre dúas ou tres cordas de desdobre, duns 30 kg cada unha. Tras aproximadamente un ano, o mexillón de desdobre alcanza o seu talle comercial.[5]

Conflitos[editar | editar a fonte]

A causa da recollida da mexilla polas mariscadoras, o problema das verteduras contaminantes ás rías e ás queixas dos percebeiros, ás veces causa conflitos coas autoridades, cos bateeiros ou cos percebeiros.[6][7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ríos Panise, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Con anotaciónes etimológicas por Antonio Santamarina. Verba, Anuario gallego de filología, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X, pp. 132-134.
  2. 2,0 2,1 Labarta, Uxío (03-04-2019). "De la mejilla al mejillón". La Voz de Galicia. Consultado o 21 de xaneiro de 2020. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rasqueta..
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para raión..
  5. 5,0 5,1 5,2 De la mexilla a tu plato Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine. en delmaralplato.es.
  6. Sande, J. M. (02-02-2005). "Las mariscadoras de Muros apoyan la norma de extracción de mejilla. El colectivo es partidario de compartir la recogida de la cría con los bateeiros Las profesionales apuestan porque la Xunta diseñe planes de explotación del bivalvo". La Voz de Galicia. Consultado o 19 de aneiro de 2008. 
  7. Varias confrarías únense para defender o percebe ante a extracción da mexilla en quepasanacosta.gal
  8. A Consellería e o sector bateeiro dispostos a negociar un maior control da extracción da mexilla en quepasanacosta.gal

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]