Lambrusco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lambrusco é o nome tanto dun tipo de uvas como de viño italiano feito principalmente destas uvas. As uvas como o viño son orixinarios de catro zonas da Emilia-Romaña e dunha da Lombardía, principalmente nas provincias de Modena, Parma, Reggio Emilia e Mantua. Posúe unha longa historia, pois hai evidencias arqueolóxicas que testemuñan que os etruscos xa facían este viño.[1] Na Roma Antiga, o lambrusco era ben apreciado pola súa produtividade e o seu alto rendemento. Catón deixou escrito que a produción de dous terzos dun acre podían facer tanto viño como para encher 300 ánforas.[2]

A principal característica deste viño é que é un tinto espumoso (frizzante, case cava), existindo 5 rexións de denominazione di origine controllata (DOC): Lambrusco Grasparossa di Castelvetro, Lambrusco di Sorbara, Lambrusco Salamino di Santa Croce, Lambrusco Reggiano e Lambrusco Mantovano. Durante os 1970 e os 1980, o lambrusco foi o viño máis importado nos Estados Unidos de América.[3] Neses tempo o viño foi tamén producido como branco e rosado controlando a maceración co mosto.[1]

Uva[editar | editar a fonte]

As seis variedades fundamentais de lambrusco son: Lambrusco Grasparossa, Lambrusco Maestri, Lambrusco Marani, Lambrusco Monterrico, Lambrusco Salamino e Lambrusco Sorbara. Todas estas variedades de lambrusco son propias da Emilia ou clons ou subclons. Empárranse a unha certa altitude para evitar a mera. Historicamente as viñas poñíanse para que treparan álamos. A uva non é particularmente doce polo que moitos dos lambruscos doces son feitos ou cunha fermentación parcial ou engadíndolle uvas Ancellottas, máis doces, á mestura. Cando non é unha fermentación doce, estas uvas son capaces de producir un viño seco con tons de amorodo e un sabor lixeiramente amargo.[4]

No final do século XX, os ampelógrafo identificaron sobre 60 variedades de Lambrusco repartidas por toda Italia polo Piemonte, Sicilia e o Véneto.[1] A variedade máis cultivada é o Lambrusco Salamino.[2]

Viño[editar | editar a fonte]

Aínda que o lambrusco tradicional era producido como viño doce, hoxe en día hai varios niveis de dozura / secura, existindo secco, amabile e dolce. O viño lambrusco doce tornouse moi popular nos 1970-1980 nos Estados Unidos. O primeiro lambrusco seco foi introducido nos Estados Unidos en 1995.[5] O viño caracterízase por unha alta acidez e sabor a amorodo. Moitos dos lambruscos agora feitos son unha mestura de uvas que se vende baixo a designación Indicazione Geografica Tipica (IGT) da Emilia.[3]

Este viño é raramente feito en estilo "champaña". É tipicamente feito empregando o proceso de Charmat cunha segunda fermentación feita nun tanque a presión.[6]

Rexións viñateiras[editar | editar a fonte]

  • Lambrusco Grasparossa di Castelvetro- A rexión viñateira máis pequena, localizada ao sur de Módena. Nel cultívase a Grasparossa que é requirida no 85% do viño desta DOC. O viño desta rexión é tipicamente seco e tinto.[3]
  • Lambrusco Mantovano- A única rexión do Lambrusco fóra de Emilia-Romaña, na rexión da Lombardía. Este tipo é tipicamente seco, aínda que tamén son feitos viños semi-secos.[7]
  • Lambrusco Reggiano- A maior rexión produtora de Lambrusco e lugar de onde saen a maioría das exportacións. As catro tipo de uvas lambruco que se poden usar son Maestri, Marani, Montericco e Salamino. Tamén se permite un 15% de uvas Ancellotta nesta DOC.[3]
  • Lambrusco Salamino di Santa Croce- Localizado 11 km ao oeste de Sorbara, os viños desta rexión deben estar compostos de polo menos o 90% da uva Salamino local. Os viños son tipicamente de cor clara e corpo escumoso sendo feito tanto en estilos secos e semidoces.[3] A variedade toma o seu nome do parecido dos acios coa salchicha de salame.[4]
  • Lambrusco di Sorbara- Localizada ao norte de Modena preto da vila de Sorbara, é considerada a variedade de maior calidade producindo os viños máis aromáticos. Ten similitudes co Lambrusco Salamino pero cun corpo máis escuro e consistente. A cor pode variar desde un profundo carmín até un ton purpúreo. Nesta rexión só se permiten a Sorbara e a Salamino para a DOC,[3] que tende a producir os viños máis acedos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 J. Robinson Vines, Grapes & Wines pg 212 Mitchell Beazley 1986 ISBN 1-85732-999-6
  2. 2,0 2,1 J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" Third Edition pg 388-389 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 M. Ewing-Mulligan & E. McCarthy Italian Wines for Dummies pg 101-103 Hungry Minds 2001 ISBN 0-7645-5355-0
  4. 4,0 4,1 Oz Clarke Encyclopedia of Grapes pg 116 Harcourt Books 2001 ISBN 0-15-100714-4
  5. N. Beckett 1001 Wines You Must Taste Before You Die pg 90 Universe Publishing 2008 ISBN 978-0-7893-1683-7
  6. K. MacNeil The Wine Bible pg 399-400 Workman Publishing 2001 ISBN 1-56305-434-5
  7. M. Ewing-Mulligan & E. McCarthy Italian Wines for Dummies pg 99 Hungry Minds 2001 ISBN 0-7645-5355-0

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]