Grilo ceboleiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grillotalpa

Vista frontal de grilo ceboleiro.
Estado de conservación
Non avaliado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Orthoptera
Suborde: Ensifera
Superfamilia: Grylloidea
Familia: Gryllotalpidae
Saussure, 1870
Xénero: Gryllotalpa
Latreille, 1802
Nome binomial
''Gryllotalpa gryllotalpa''
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia

Acheta gryllotalpa (Linnaeus, 1758)
Curtilla gryllotalpa (Linnaeus, 1758)
Gryllotalpa vulgaris (Latreille, 1804)
Gryllus gryllotalpa Linnaeus, 1758
Gryllus talpa (Olivier, 1791)[1]

O grilo ceboleiro, Gryllotalpa gryllotalpa,[2] é unha especie de insecto ortóptero da familia Gryllotalpidae nativo de Europa Occidental e norte de África, aínda que foi exportado ao leste de Asia, a América do Sur e ao leste dos Estados Unidos.[Cómpre referencia]

En galego tamén é coñecido como alacrán ceboleiro, carriola, corta, cortón, osa, ralo ou relo.[2] Marcial Valladares chámao grilo-toupa. Eladio Rodríguez distingue entre o grilo ceboleiro ou grilo real e o grilo toupa.[Cómpre referencia]

Descrición[editar | editar a fonte]

Detalle da pata dianteira.

É un dos insectos máis infrecuentes. O nome científico deriva do latín gryllus, que significa 'grilo' e talpa, que significa 'toupa' e refírese á similitude que ten este insecto coas toupas, polos seus hábitos subterráneos. As femias cavan cámaras onde coidan os seus ovos. Os machos, máis pequenos, cávanas para facer o seu canto máis forte e atraer ás femias, as súas patas tamén serven para defender os seus territorios. Aínda que poden manifestar condutas agresivas e o seu aspecto parece ameazador, son inofensivos para o home.

O corpo é de cor marrón e cuberto por unha fina capa de pelo, e as súas patas dianteiras son grandes e preparadas para cavar. Só na etapa adulta teñen ás e voan dunha maneira torpe e en raras ocasións pola noite. A lonxitude do corpo dos machos é de aproximadamente 35 a 41 mm e o das femias de 40 a 46 mm.

Hábitat e distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

O hábitat ideal é de céspede curto en zonas areosas ou turbosas de Europa (excepto Noruega e Finlandia), o oeste de Asia e o norte de África. Tamén foi introducido accidentalmente nos Estados Unidos, onde se segue difundindo, en América do Sur, e tamén en Menorca e Eivisa (casos puntuais).[Cómpre referencia]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Os ovos son postos en cámaras subterráneas sobre finais de xullo. Nacen de dez a vinte días despois e a femia gárdaos durante outras dúas ou tres semanas. As ninfas comezan a madurar a partir da primavera seguinte aínda que algunhas non maduran até o terceiro ano desde a posta. Os adultos e as ninfas poden ser atopados durante o ano en túneles que poden alcanzar unha profundidade de até un metro. Son omnívoros. Poden chegar a ser unha ameaza para os cultivos.

Grilo ceboleiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Catalogue of Life. Consultado o 9 de xuño de 2013
  2. 2,0 2,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grilo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Haes; Marshall, J. A. Grasshoppers and Allied Insects of Great Britain and Ireland (en inglés). Colchester: Harley Books. 
  • Haes; Harding, P. T. Atlas of grasshoppers, crickets and allied insects in Britain and Ireland (en inglés). Londres: HMSO. 
  • Biodiversity: The UK Steering Group Report. Volume 2: Action Plans (en inglés). Londres: HMSO. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]