Free jazz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O free jazz é un movemento da música jazz que foi desenvolvido nos 50 e 60 por artistas coma Ornette Coleman, Eric Dolphy, Cecil Taylor, Albert Ayler, Joe Harriott, Archie Shepp, Bill Dixon e Paul Bley. Algúns dos exemplos mellor coñecidos son os derradeiros traballos de John Coltrane. Aínda que a música producida por estes intérpretes presentaba amplas diferenzas, tiñan en común unha insatisfacción coas posibilidades expresivas do bebop, do hard bop e do jazz modal. Os músicos de free jazz intentar rachar ou estender as convencións do jazz, adoito descartando o marco invariable do jazz formado polos tempos e os trocos de acordes fixos.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Aínda que free jazz é o termo xeneralizado hoxe, empregáronse moitos outros. Nos 60, ó aínda pouco definido movemento chamábaselle ás veces energy music ou the new thing. Dos intérpretes de free jazz dicíase que tocaban "fóra" (ó contrario do que os convencionalistas que o facían "dentro") e o termo converteuse no preferido por músicos e selos de gravación: entre os álbums deste período inclúense Outward Bound, Out There, Out to Lunch (todos de Dolphy), Out Front (Jaki Byard) e Destination Out (Jackie McLean).

Aínda que o free jazz asóciase decotío coa era do seu nacemento, moitos músicos (entre eles Ken Vandermark, William Parker, John Zorn, Theo Jörgensmann, Paal Nilssen-Love e George Lewis) manteñen o estilo vivo na actualidade, continuando o seu desenvolvemento coma linguaxe jazz. En Europa o estilo foi levado alén por intérpretes coma Derek Bailey, Peter Brötzmann e Evan Parker a un idioma que se deu en chamar improvisación libre.