Cista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cista con restos incinerados

Unha cista (do grego antigo κίστη, cofre ou caixa) é o nome que recibe en arqueoloxía, unha estrutura feita de pedra usada nos tempos antigos para enterramentos. Trátase do tipo máis sinxelo e simple de dolmen, e consta de pedras verticais ou laxes (dúas, tres ou catro) máis outra horizontal que as cobre. As cistas adoitan seren de pequeno tamaño para facer un osario ou algo maiores para conter un cadáver enteiro, normalmente en posición fetal.

Aparecen por toda toda Europa e Oriente Medio,[1][2] máis tamén en América.[3] A máis antiga data do 4 300 a.C. e apareceu preto de Lausana (Suíza). A aparición de cistas en escavacións arqueolóxicas adoita interpretarse como signo dunha sociedade evolucionada.[4]

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

Son pequenas tumbas megalíticas;[5] poden estar formadas por catro pedras planas e colocados en vertical, para formar un espazo cadrado ou rectangular e con outra laxa sobre eles, formando unha tapa; no interior aparecen os restos funerarios. Ás veces, resulta difícil diferenciar se o monumento é unha cista ou dolmen pequeno. O criterio xenérico é aplicar o nome de cista cando non excede dun metro cadrado, aproximadamente; se son maiores denomínanse dolmen.[6][7]

En moitas ocasións aparecen asociadas a outras formacións megalíticas: por exemplo, no centro de túmulos (o que provoca o debate sobre se é un dolmen ou unha cista), no centro dun crómlech (arrodeando as cinsas mortuorias), no interior de covas sepulcrais, etc. En xeral, a súa conservación é mala e adoita faltar a tapa, ou mesmo, algunhas das laxes laterais.

Variedade[editar | editar a fonte]

Non teñen un acceso ao interior característico; poden ser subterráneas baixo un montículo de terra ou túmulo que oculta a estrutura de pedra, como acontece nas denominadas cairn en Escocia, mais tamén hai exemplos de cistas construídas aproveitando a ladeira dun outeiro e situadas no interior aproveitando a erosión da terra, por exemplo, en Juelsberg, Dinamarca.

Cairn Toul en Cairngorms (Escocia)

No norte da península de Xutlandia, as cistas son máis amplas, e forman unha cámara con dúas grandes pedras facendo de piares creando unha estrutura que lembra a forma dos templos primitivos. Algunhas teñen unha pasaxe lateral e esta complexidade provocou, que algúns autores, entendan discutible a súa clasificación como cistas auténticas.[6]

Adóitase falar de dous tipos: por unha banda, da cista simple, con tapa de pedra e, por outra, do dolmen simple. Na necrópole de Bruessow-Wollschow, en Uckermark, atopáronse 14 dolmen simples e 28 de cistas con pedra por diante. Noutros casos, a diferenciación non é tan clara ou é imposible.[8] Os elementos para a diferenciación son: a profundidade da estrutura e o tipo de pedra que, nas cistas simples tenden a seren de coios.

As cistas atopadas no norte poden ter dúas formas: cadradas ou circulares. O arqueólogo sueco Oscar Montelius (1843-1921) fixo a seguinte división: cistas con tampa e sepulcros cun corredor de entrada.

Evolución[editar | editar a fonte]

Na Cultura de vasos-funil[editar | editar a fonte]

No norte da Europa Central e Escandinavia son cistas pequeno pertencentes á Cultura de vasos-funil, do 3500 a. C., na rexión do Harz, teñen as súas propias características pois, xeralmente inclúen un corredor de acceso. Os máis importantes son: en Uckermark, a ruta do megalitismo (Straße der Megalithkultur) en Niedersachsen ao norte de Xutlandia; as cistas megalíticas de Suíza: Kujawy (Polonia), ou o chamado Urdolmen no sur de Alemaña; os relacionados coa cultura de ánforas globulares en Polonia e os da cultura do machado, en Suecia.

Cista de Bargloy

A finais do Neolítico[editar | editar a fonte]

Tamén apareceron cistas de finais do Neolítico. Neste período, o exemplo máis sobranceiro é o de Bargloy (Alemaña), cunha gran lousa de tapa. Dous dos túmulos do final do período Neolítico pertencen á Cultura da cerámica cordada: o de Feldmark (Harburg) e o de Fehrenbruch (Deinstedt). Na rexión de Saxonia-Anhalt, atópanse numerosas cistas da Cultura Bernburg, de até 14 m de longo. Outras menores atopáronse en Suecia: Södra Harene en Västergötland e Fjällsökla / Frändefors en Dalsland. O arqueólogo K. Ebbesen atopou 17 cistas escondidas nas ladeiras dos outeiros, ou baixo túmulos, que aquí son chamados röse.

Tamén deste período son as cistas atopadas en Irlanda: Grannagh, Haynestown e Kilmahuddrick, tamén baixo túmulos.

Idade de bronce[editar | editar a fonte]

É impresionante a cista de Kauparve (illa de Gotland), de 20 m de diámetro e cuxa forma lembra o perfil dun barco. En Drakjihaugen (Noruega), foi atopada unha peculiar cista triangular, onde apareceron restos de incineración. Nas Illas Orcadas apareceu unha no lugar coñecido como Fresco Knove; e tamén deste período son as cistas atopadas en Escocia: a de Beauly, a de Holm (a chamada Dunan Aula de Inverness).

Cista de Anderlingen

Desta época son as aparecidas en Inglaterra e en Irlanda, coa pedra que fai de tapa moi voluminosa; son as chamadas Boulder tomb. Nesta área algunhas das pedras usadas na construción da cista teñen marcas en forma de aneis, semellantes ás atopadas en Galiza. En Smerup (Dinamarca), hai pequenas cistas deste período con restos de incineracións.

En Alemaña, a cista máis famosa deste período é a atopada en Anderlingen (na provincia de Rotenburg), con tres figuras humanas representados na pedra angular, unha característica que tamén pode ser atopada nos petróglifos escandinavos, pero que é a única en Alemaña. Este cista ten unha cámara feita de lousas de granito orientada cara ao NO-SE, ten unhas dimensións de 2 metros por 0,7 metros, e foi trasladada e reconstruída no Maschpark de Hanover.

En Noruega, hai unha ducia de cistas e a maioría están en Østfold (Halden, Spydeberg).

Fóra de Europa[editar | editar a fonte]

Varias cistas esculpidas na rocha e orixinalmente cubertas cunha lousa de pedra foron atopadas na necrópole de Marshan en Tánxer (Marrocos). Foron reutilizadas no período romano; e os obxectos romanos que contiñan estes túmulos están expostos no Museo da Kasbah. O mesmo acontece coas atopadas en Palestina e Xordania, que tamén foron reutilizadas na época romana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The Umm E-Jimal project". ummeljimal.org. Consultado o 04-09-2018. 
  2. Joseph A Callaway, "Burials in Ancient Palestine: From Stone Age to Abraham", publicat en:The Biblical Archaeologist, vol 26, nº 3 (Setembre del 1963), p. 73-91 [1]
  3. Couoh (2008), pp. 18, 30 e 129
  4. Müller (2009), p. 15
  5. "cista". academia.gal. Consultado o 23-08-2018. 
  6. 6,0 6,1 VV, AA. (2003). Diccionario de Arte I. Barcelona: Spes Editorial SL (RBA). p. 118. ISBN 84-8332-390-7. 
  7. Almagro (1997), pp. 153-154 e 156
  8. Schuldt, Ewald (1974). Die Nekropole von Wollschow Kreis Pasewalk und das Problem der neolithischen Steinkisten in Mecklenburg (en alemán). Mecklenburgo: Jahrbuch der Bodendenkmalpflege in Mecklenburg. pp. 77–144. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Almagro Gorbea, Martín (1977). El bronce final y el período orientalizante en Extremadura. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas-Instituto Español de Prehistoria. ISBN 9788400037376. 
  • Altuna, J.; Mariezkurrena, K.; Armendariz, A.; del Barrio, L.; Ugalde, Tx.; Peñalver, J. (1982). Sociedad de Ciencias Aranzadi, ed. "Carta Arqueológica de Guipúzcoa". Munibe (Donostia-San Sebastián) 34. ISSN 0027-3414. 
  • Couoh Hernández, Lourdes Rocío; Hernández González, Mª Gabriela (2008). Una cista funeraria del Formativo Medio en Tixtla, Guerrero: perspectiva interdisciplinaria del análisis óseo. Col. Científica. Serie antropología física 536. México D.F.: Instituto Nacional de Antropología e Historia. ISBN 9789680303472. 
  • Müller, J. (2009). "Neolitische Monumente und neolitische Gesellschaften". En Beier, H.-J.; Classen, E.; Doppler, T.; Ramminger, B. Varia neolithica VI (en alemán). Langenweißbach: Beier & Beran. pp. 7–16. 
  • Sprockhoff, Ernst (1975). Atlas der Megalithgräber Deutschlands. Teil 3: Niedersachsen – Westfalen (en alemán). Bonn: Rudolf-Habelt Verlag. ISBN 3-7749-1326-9. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]