Chirimoio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Chirimoia»)
Chirimoio
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Magnoliidae
Orde: Magnoliales
Familia: Annonaceae
Subfamilia: Annonoideae
Tribo: Annoneae
Xénero: Annona
Especie: A. cherimola
Nome binomial
Annona cherimola
Mill., Gard. Dict., ed. 8, 5, 1768 [1]
Distribución actual do cultivo de chirimoio.
Distribución actual do cultivo de chirimoio.

Distribución actual do cultivo de chirimoio.

O chirimoio[1] ou chirimoia[2] (Annona cherimola) é unha especie de arboriña pertencente á familia das annonáceas, nativa de América do Sur. Xa era cultivado nos Andes polo ano 200 [3] polo seu froito comestíbel: a chirimoia. A froita pode atoparse hoxe en día nas froitarías galegas, aínda que o seu consumo aínda non é frecuente.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A palabra galega chirimoia (en portugués cherimólia) provén do quechua, onde ten o significado de sementes frías, facendo referencia ao feito de que a planta medraba en lugares elevados e fríos, onde outras plantas tropicais non se desenvolvían.

Orixe[editar | editar a fonte]

É orixinario das grandes chairas do Perú e do Ecuador.[4] En Ecuador, os chirimoios aparecen en áreas con temperaturas medias anuais, de 18 a 20 °C, unha temperatura mínima que varía de 10 a 12 °C e unha temperatura máxima que varía entre 26,5 e 30 °C. A precipitación anual varía entre 800 e 1.000 mm (concentrada en oito meses do ano) é o rango máis común nos lugares onde se produce a chirimoia salvaxe. Os valores de humidade son elevados e varían entre 75 e 85%.[5]

Características[editar | editar a fonte]

O chirimoio é unha árbore que pode acadar os dez metros de altura. As súas follas son oblongas, caedizas ou semicaedizas, moi grandes, podendo acadar os quince centímetros de longo, penduradas en disposición alterna. As flores, de dous ou tres centímetros, atópanse en pequenos grupiños con seis pétalos de cor parda amarela. Os froitos teñen unha forma ovalada, coa tona cuberta do que poden parecer escamas, semellante a unha piña de piñeiro. Porén, a cor da pela vai do verde escuro a un morado morronoso escuro. O tamaño é semellante ao dunha mazá, aínda que pode acadar talles maiores, de até máis de quince centímetros de diámetro.[4]

Froito[editar | editar a fonte]

Froito in situ, maduro e cortado da Annona cherimola.

O seu froito, a chirimoia, ten forma oval, mide de 10 cm a 20 cm de longo e de 7 cm a 10 cm de diámetro e ten a tona case lisa. A polpa é abrancazada con numerosas sementes grandes de cor negra que son tóxicas se se inxiren crebadas. O froito utilízase para alimentación humana.

Pódese conservar durante uns días cando se apaña duro. A medida que vai chegando, a tona tórnase elástica e mol. Cando se atopa completamente mol é o mellor intre para o consumo, mais a partir deste momento comeza a perder conservación. Algunhas persoas consómena partíndoa pola metada coa axuda dunha culler de sobremesa. As sementes non son comestíbeis. O sabor da polpa é semellante ao da banana, mais moito máis suave e macío; e a textura lembra á das peras.[4]

En Europa cómense as exportandas dende o sur de España (Motril, Almuñécar etc.) ou dende países doutros continentes.[4] Tamén son cultivados no arquipélago de Madeira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en distintas referencias como Termos Esenciais de Botánica, Santiago de Compostela, 2004
  2. Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000.
  3. Larco Hoyle, Rafael (2001). Los Mochicas. Lima: Museo Arqueológico Rafael Larco Herrera. ISBN 9972-9341-0-1. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 A la decouverte de la flore!, de Susanne Lipps. Edicions Oliver Breda, 2010. ISBN 9783938282199 (en francés)
  5. Scheldeman, Xavier (2002). Faculteit Landbouwkundige en Toegepaste Biologische Wetenschappen, ed. "Distribuition and potential of cherimoya (Annona cherimola Mill.) and highland papayas (Vasconcellea spp.) in Ecuador.". Ghent University Academic Bibliography (en inglés). Consultado o 13-04-2019. 

Hannia Bridg (03-05-2001). "Micropropagation and Determination of the in vitro Stability of Annona cherimola Mill. and Annona muricata L.". Zertifizierter Dokumentenserver der Humboldt-Universität zu Berlin.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]