Quercus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Carballo (árbore)»)

Para atopar máis información ou consultar a especie normalmente chamada "carballo", véxase o artigo Carballo común.
Quercus

Follas e landras do carballo común
(Quercus robur)
Estado de conservación
Non está ameazada

Clasificación científica
Reino: Plantae
Filo: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus
Linnaeus, 1753
Especies
Véxase o texto
Gustave Courbet (1843)

Quercus é un xénero da familia das fagáceas que comprende cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos propias do hemisferio norte e que inclúe tanto especies caducifolias coma perennes.

Os Querci esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas.

En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.

Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.

Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.

As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.

Especies en Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia atopamos diferentes especies dentro do xénero Quercus. Destas as máis importantes son: o carballo común (Quercus robur L.), a especie máis estendida; o carballo negro, cerquiño ou cerqueiro (Quercus pyrenaica Willd.) e o carballo albariño, albar ou carbia, máis escaso en xeral, aínda que abundante nas zonas altas do interior de Ourense e Lugo (Quercus petraea (Mattuschka) Liebl.). Ademais destas especies cabe mencionar tamén o carballo americano (Quercus rubra L. ou Quercus borealis) co que se están a facer novas reforestacións, o carballo anano ou caxigo (Quercus lusitanica ou Quercus faginea) presente no Monte Pindo, e nalgunhas zonas dos canóns do Sil, a sobreira e a aciñeira, que tamén pertencen o xénero Quercus (Q. suber L. e Q. ilex L. respectivamente). En Ourense atópanse algunhas plantacións de Quercus palustris, o carballo palustre americano.

Híbridos[editar | editar a fonte]

  • Quercus x andegavensis Hy (Q. robur x Q. pyrenaica), descrito por SILVA PANDO en 1994. En Lugo.
  • Quercus x gallaecicus Llamas, Lence & Acedo (Q. lusitanica x Q. robur) Descrito por LLAMAS & al. 2003. Na Coruña.
  • Quercus x rosacea Bechst. (Q. petraea x Q. robur), descrito por SILVA PANDO en 1994; GNZ. AZCARATE & AMIGO 1996. En Lugo.
  • Quercus x trabutii Hy (Q. petraea x Q. pyrenaica), descrito por SILVA PANDO en Lugo, en 1994.[1]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Comparación entre follas de carballo: Quercus robur (carballo común), Quercus petraea (carballo albariño), Quercus pyrenaica (cerquiño) et Quercus ilex (aciñeira).

O xénero Quercus divídese en dous subxéneros e varias seccións:

Subxénero Quercus[editar | editar a fonte]

Este subxénero divídese nas seccións a seguir:

Sección Quercus[editar | editar a fonte]

Os seus sinónimos son Lepidobalanus e Leucobalanus, estas especies conforman a listaxe dos denominados "Carballos beancos" de Europa, Asia e América do Norte. Os seus xineceos son curtos; as landras maduran en 6 meses e o seu gusto é acre ou lixeiramente doce, no interior da casca das landras non hai pelo, as follas na súa maioría carecen de puntas agudas nas súa extremidades e os lóbulos adoitan ser arredondeados.

Listaxe parcial dalgunhas especies de carballos (Quercus), pertencentes ao subxénero Quecus, sección Quercus:

Sección Mesobalanus[editar | editar a fonte]

Son coñecidos como "carballos húngaros" e son oriundos de Europa, Asia e do norte de África. De pistilos longos; as landras maduran aos 6 meses e son acres; o interior da cúpula non posúe pelo. A sección Mesobalanus está achegada á sección Quercus e algunhas veces tense incluído dentro desta.

Sección Cerris[editar | editar a fonte]

A sección Cerris é coñecida coma a dos Carballos Turcos e os seus relativos de Europa, Asia e norte de África. Son de xineceo longo e as landras maduran aos 18 meses dende a xermolación e son moi acres. O interior da casca das landras non posúe pelo. As follas adoitan ter lóbulos de puntas afiadas, con cerdas nos bordos.

Sección Protobalanus[editar | editar a fonte]

A sección dos Protobalanus coñecida coma a sección de carballos intermedios e os seus relativos no suroeste dos Estados Unidos e do noroeste de México. Ten os seus xineceos curtos, e as landras maduran aos 18 meses de sabor moi acre. O interior da casca das landras ten pelo, e as follas adoitan ter lóbulos de puntas afiadas, con cerdas nos extremos.

Sección Lobatae[editar | editar a fonte]

Os "carballos rubios" ou vermellos americanos (sinónimo: subxen.Erythrobalanus). Xeralmente se desenvolven en América do Norte, América Central e na zona norte de América do Sur. De pistilos longos e landras que maduran aos 18 meses, moi acres e co interior da casca con moito pelo. A noz áchase encerrada nunha capa magra e pegañenta de pel apergamiñada.As follas adoitan ter lóbulos de puntas afiadas, con pelos espiñosos nos mesmos.

Subxénero Cyclobalanopsis[editar | editar a fonte]

Este subxénero coñécese como a listaxe dos "carballos con copas de aneis" e se desenvolven principalmente ao leste e sueste de Asia. Son carballos "sempreverdes" que acadan alturas de entre 10 e 40 metros. Son bastante diferentes ao subxénero Quercus no sentido que teñen landras con distintivas copas con aneis de diferentes escalas de tamaño e se desenvolven comunmente en grupos mestos, malia non se aplicar a todas as especies. A Flora da China trata ás Cyclobalanopsis coma un xénero distinto, porén a meirande parte dos taxonomistas consideran que é un subxénero de Quercus. En total suma arredor de 150 especies.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Catálogo da Flora de Galicia, María Inmaculada Romero Buján, IBADER, Universidade de Santiago de Compostela, Lugo, 2008
  2. 2,0 2,1 Nome vulgar, en Luís Daviña Facal (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo II C. A Coruña: Deputación da Coruña. ISBN 84-95335-46-8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]