Zygentoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Zygentoma
Rango fósil: Carbonífero tardío-Holoceno[1]
Thermobia domestica, un representante da orde Zygentoma
Thermobia domestica, un representante da orde Zygentoma
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Subclase: Apterygota
Orde: Zygentoma
Börner, 1904
Familias

Lepismatidae
Nicoletiidae
Lepidotrichidae
Maindroniidae
Protrinemuridae

Zygentoma é unha orde da clase Insecta (insectos), cuxos representantes máis coñecidos son os lepismas. Unha característica ben visible desta orde é ter tres longos filamentos caudais; os dous laterais son cercos e o medial é un epiprocto ou apéndice dorsal. Nesa característica lembran aos insectos Archaeognatha, aínda que, a diferenza deles, os cercos de Zygentoma son case tan longos coma o epiprocto.[2]

Ata finais do século XX os Zygentoma eran considerados unha suborde dos Thysanura,[3] pero cando os taxónomos se decataron de que a orde Thysanura era parafilética, a orde Thysanura foi eliminada e as dúas subordes de que constaba foron elevadas ao status de orde independente monofilética, e os Archaeognatha consideráronse un taxon irmán do clado Dicondylia; neste último quedaron incluídos os Zygentoma.[4][5]

Aspecto lateral dun lepisma, representante típico de Zygentoma.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Zygentoma deriva do grego ζυγόν (zygón), que en contexto significa 'xugo' ou 'ponte'; e ἔντομα (entoma), 'insectos', literalmente "cortados, divididos" debido á anatomía típica dos insectos.[6] A idea que subxace neste nome é que este taxon formaba unha ligazón entre os Pterygota e os Apterygota.[7] Esta idea está hoxe totalmente obsoleta, pero a filoxenia dos Insecta estaba pouco desenvolvida a finais do século XIX e principios do XX, e o nome estaba xa firmemente establecido cando se elaborou unha taxonomía máis sofisticada.

Descrición e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Os lepismas presentan un brillo prateado debido ás escamas que recobren o seu corpo. Os seus movementos foron descritos como similares aos dun peixe nadando. A estas dúas razóns débese o nome equivalente a peixiño de prata, que se lle dá en varios idiomas. A maioría das especies existentes teñen unha lonxitude corporal de menos de 2 cm, aínda que hai fósiles carboníferos deste grupo duns 6 cm.[5]

Os Zygentoma teñen corpos aplanados dorsoventralmente, xeralmente cun perfil alongado ou oval. As súas antenas son delgadas e móbiles. Os ollos compostos adoitan ser pequenos e algunhas especies que viven en covas, como moitos Nicoletiidae, carecen totalmente de ollos. Poden ter ata tres ocelos.[2] A mandíbulas son curtas, e as pezas bucais non están especializadas. Moitas especies teñen tamén varios apéndices curtos nos seus segmentos abdominais, pero a característica máis distintiva do grupo é a presenza de tres filamentos longos parecidos a colas que se estenden desde o último segmento. Estes tres filamentos son xeralmente subiguais en tamaño, agás nalgúns membros da familia Nicoletiidae, nos cales son curtos, e os cercos son difíciles de detectar. Os dous filamentos laterais son os cercos abdominais, mentres que o medial é o epiprocto.[8]

Os lepismas poden encontrarse tanto en ambientes húmidos coma en condicións secas, como organismos de vida libre ou asociados a niños de insectos. Nas casas aliméntanse de cereais, pasta, papel, amidón na roupa, tecidos de rayon e carne seca.[9] Na natureza aliméntanse de detritos orgánicos.[10] Os lepismas poden encontrarse ás veces en bañeiras ou lavabos pola noite, porque teñen dificultade para camiñar sobre superficies lisas e poden quedar atrapados neles se caen dentro.

As especies silvestres atópanse a miúdo na escuridade en hábitats húmidos como covas ou baixo rochas, e algúns son comensais que viven en asociación con colonias de formigas, por exemplo, Trichatelura manni.[11]

Actualmente non hai especies deste grupo consideradas formalmente en risco de conservación, aínda que varias son troglobitas (viven en covas) e están limitadas a unha ou poucas covas ou sistemas de covas, e estas especies poden chegar a estar nun risco excepcionalmente alto de extinción.

Familias[editar | editar a fonte]

Os Lepismatidae son a familia máis grande deste grupo, que inclúe os espéciemes de maior tmaño. É unha familia de distribución cosmopolita con máis de 200 especies. Moitas son antropófilas, xa que viven nas casas humanas. Algunhas especies son inquilinas en colonias de formigas.

Os Nicoletiidae son menores, de cores claras e viven entre as follas caídas do solo, no humus, baixo pedras, en covas ou como inquilinos en colonias de formigas ou térmites.

Os Ateluridae (ás veces tratados como subfamilia Atelurinae dentro dos Nicoletiidae) viven en niños de formigas e térmites e son pequenos e cegos.[12]

Os Lepidotrichidae están representados por dúas especies: Lepidotrix pilifera, fósil atopado no ámbar báltico, e Tricholepidion gertschi, dos bosques do norte de California.

As tres especies dos Maindroniidae encóntranse en Oriente Próximo e Chile.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os lepismas teñen un elaborado ritual de cortexo. O macho fía un filamento de seda entre o substrato e un obxecto vertical. Deposita un paquete de esperma (espermatóforo) baixo ese fío e despois persuade unha femia para que camiñe baixo o fío. Cando os cercos dela tocan o fío de seda, ela recolle o espermatóforo coas súas aberturas xenitais. O esperma é liberado no seu sistema reprodutor, despois do cal expulsa o espermatóforo baleiro e cómeo.

Os lepismas realizan mudas durante toda a súa vida, pasando por varios ínstares sexualmente maduros, a diferenza do que ocorre nos insectos pterigotos. Teñen un crecemento relativamente lento e a duración da súa vida é de ata catro anos.[8]

Investigación sobre a produción de combustibles[editar | editar a fonte]

Como os lepismas poden consumir a lignocelulosa da madeira, son un tipo de insectos (xunto coas térmites, cascudas comedoras de madeira, avespas da madeira e outros) que están sendo investigados para o seu posible uso como produtores de biocombustible. Os aparatos dixestivos destes insectos actúan como biorreactores naturais nos cales os procesos químicos degradan a celulosa. Foron estudados coa esperanza de desenvolver procesos de produción de biocombustible rendibles comercialmente.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hoell, H.V., Doyen, J.T. & Purcell, A.H. (1998). Introduction to Insect Biology and Diversity, 2nd ed. Oxford University Press. p. 320. ISBN 0-19-510033-6. 
  2. 2,0 2,1 Timothy J. Gibb (27 October 2014). Contemporary Insect Diagnostics: The Art and Science of Practical Entomology. Academic Press. pp. 78–. ISBN 978-0-12-404692-4. 
  3. Richards, O. W.; Davies, R.G. (1977). Imms' General Textbook of Entomology: Volume 1: Structure, Physiology and Development Volume 2: Classification and Biology. Berlin: Springer. ISBN 0-412-61390-5. 
  4. A. Blanke, M. Koch, B. Wipfler, F. Wilde, B. Misof (2014) Head morphology of Tricholepidion gertschi indicates monophyletic Zygentoma. Frontiers in Zoology 11:16 doi:10.1186/1742-9994-11-16
  5. 5,0 5,1 P. J. Gullan; P. S. Cranston (13 July 2010). The Insects: An Outline of Entomology. John Wiley & Sons. pp. 202–. ISBN 978-1-4443-1767-1. 
  6. H. G. Liddell (1889). An Intermediate Greek-English Lexicon: Based on the 7th Ed of Liddell & Scott's Lexicon.  page 488
  7. Carl Julius Bernhard Börner. Zur Systematik der Hexapoden. Zoologischer Anzeiger vol 27 Pub. 1904 pp 511–533. [1]
  8. 8,0 8,1 Hoell, H.V., Doyen, J.T. & Purcell, A.H. (1998). Introduction to Insect Biology and Diversity, 2nd ed. Oxford University Press. p. 343. ISBN 0-19-510033-6. 
  9. "Silverfish". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2005. Consultado o 24 de xuño de 2018. 
  10. [2]
  11. Reproductive Morphology and Behavior of a Thysanuran, Trichatelura manni, Associated with Army Ants, R. Torgerson, R. D. Akre 1969. Annals of the Entomological Society of America, 62, pp. 1367–1374
  12. Helmut Sturm Zygentoma in Resh VH, Cardé RT. (eds.) (2003) Encyclopaedia of Insects. Academic Press. pp. 1203–1205
  13. Sun, Jian-Zhong; Scharf, Michael (June 4, 2010). "Exploring and integrating cellulolytic systems of insectsto advance biofuel technology". Insect Science 17 (3): 163–165. doi:10.1111/j.1744-7917.2010.01348.x. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]