Río das Perlas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Zhu Jiang»)
Río das Perlas
珠江 (Zhū Jiāng)
Río das Perlas en Guangzhou
País China
NacementoVarias fontes
Lonxitude2200 km
Conca409 480 km²
Caudal medio9500 m³
DesembocaduraMar da China Meridional
Conca do río e principais afluentes

O río das Perlas (en chinés: 珠江, pinyin: Zhū Jiāng, en portugués: Rio das Pérolas, en inglés: Pearl River), coñecido antigamente tamén como río Guangdong ou río Cantón (en chinés: 粤江) é un sistema fluvial do sur da China. Percorre a parte sur da China en dirección oeste-leste e desemboca no mar da China Meridional, entre Hong Kong e Macau. O seu curso inferior e os seus distributarios forman o delta do río das Perlas.

O nome adoita empregarse para o conxunto das cuncas dos ríos Xi ("Oeste"), Bei ("Norte") e Dong ("Leste") en Guangdong. Estes ríos están considerados tributarios do río das Perlas porque comparte un delta común, o delta do río das Perlas. Medido dende a parte máis afastada do río Xi, o sistema do río das Perlas é o terceiro río máis longo dos que discorren integramente pola China, tralos ríos Yangtzé e Amarelo, e o segundo en caudal despois do Yangtzé.

Ademais de para referirse ao sistema no seu conxunto, o nome de río das Perlas tamén se aplica a unha rama específica do sistema. Este río das Perlas é o distributario máis largo no delta, aínda que é notablemente curto.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O río das Perlas recibe o seu nome por unha insua de area ou pedra localizada no medio do río chamada "perla do mar" (海 珠). Esta insua atópase agora en terra firme debido ao cambio do curso do río. Existe unha lenda na China que conta como catro dragóns, entre os que se atopaba o Dragón Perlado (珠 龙, zhulong) axudaron uns campesiños asperxendo auga do mar do Leste nos seus campos para que medrasen os seus cultivos, e o emperador de Xade, ao ver iso, esmagou os catro dragóns pondo unha montaña enriba de cada un, converténdose nos ríos máis grandes da China (río das Perlas, Yangtzé, o Amarelo e o Heilongjiang).

O río fórmase pola converxencia do Xi Jiang (río do oeste), o Jiang Bei (río do norte) e o Jiang Dong (río do leste), na provincia de Yunnan. Flúe cara ao leste a través das provincias e rexións autónomas de Guizhou, Guangxi, Hunan, Jiangxi e Cantón. Desemboca nesta última provincia, no mar da China Meridional formando un gran delta en que está a cidade de Guangzhou.

O delta do río das Perlas é unha das áreas economicamente máis prósperas da China. A ambos os lados do río atópanse as antigas colonias europeas de Hong Kong e Macau, actualmente rexións administrativas especiais da China cunha economía moi desenvolvida e cada vez máis interrelacionada co resta da zona do delta.

O estuario, Bocca Tigris, é dragado regularmente coa fin de mantelo aberto para os barcos oceánicos. Crese que o río das Perlas é unha das vías fluviais máis contaminadas do mundo.[1]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Made in Britain, dumped in China" Arquivado 12 de abril de 2008 en Wayback Machine., The Independent

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]