Saltar ao contido

Zambra moura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A zambra, tamén coñecida como zambra moura, é unha danza flamenca dos xitanos de Granada. A palabra procede do termo árabe andalusí zámra, e este do árabe clásico zamr, que significa «tocata».

Crese que é resultado da evolución de anteriores danzas mouriscas. A zambra moura ten algunhas similitudes coa danza do ventre e é especialmente parecida á danza flamenca dos cantes por taranto de Almería.

A zambra fíxose típica nos casamentos xitanos. Con todo, os xitanos continúan a bailala, mesmo para os turistas, nas covas do Sacromonte (Granada) e de Almería. No século XVI a Inquisición prohibiuna en España por motivos políticos, xa que Filipe II pretendía eliminar os vestixios de calquera cultura que non fose católica. Porén, continuou a practicarse de forma clandestina. No século XX foi adoptada por bailaoras como Carmen Amaya, Puela Lunaris ou Lola Flores.

Báilase cos pés descalzos, a chambra anoada baixo o busto e a saia longa asegurada á altura da cadeira, con amplos pregos para facela flotar no aire.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]