Yannis Ritsos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tumba de Yannis Ritsos.

Yannis Ritsos, nado en Monemvasia (Peloponeso) o 1 de maio de 1909 e finado en Atenas o 11 de novembro de 1990, foi un poeta grego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia acomodada de propietarios rurais. A súa infancia estivo marcada por desgrazas na familia: ruína económica, morte prematura da nai e do irmán maior e internamento do pai nun hospital psiquiátrico. El mesmo debeu pasar catro anos (1927-1931) nun sanatorio para se curar da tuberculose. As lecturas decidírono a converterse nun poeta e nun revolucionario.

Desde 1931 achegouse ao Partido Comunista de Grecia, o KKE. Publicou Tractor en 1934, inspirado no futurismo de Maiakovski, e Pirámides ao ano seguinte. Estas dúas obras logran un balanzo aínda fráxil entre a fe no futuro, inspirada no ideal comunista, e a desesperanza persoal.

O réxime ditatorial de Metaxas, desde agosto de 1936, obrigou a Ritsos a mostrarse prudente, en especial porque Epitafio fora queimado en público. O poeta pasou entón a explorar algunhas das conquistas do surrealismo: o acceso ao dominio dos soños, as asociacións sorprendentes, a explosión de imaxes e símbolos, o liricismo que mostra a angustia do poeta, lembranzas doces e amargas. Os resultados apareceron en A canción da miña irmá 1937, lida durante a ditadura como símbolo de resistencia pasiva, e Sinfonía da primavera (1938). Theodorakis empregou fragmentos da súa obra como base para a súa Sétima Sinfonía (1983-1984), denominada precisamente Sinfonía da Primavera.

Durante a Guerra civil grega, Ritsos comprometeuse coa resistencia e foi enviado a varios campos de "rehabilitación" durante catro anos: Limnos, Ayios Efstratios e Macronissos. Entre 1967 e 1971, a xunta militar deportouno a Yaros, Leros e finalmente foi posto en liberdade vixiada na illa de Samos pola presión internacional e pola súa fráxil saúde.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

O poema longo Epitafio (1936) inspírase na morte dun manifestante. Explota a forma da poesía popular tradicional para expresar, nunha linguaxe simple e clara, unha mensaxe conmovedora de fraternidade. A música que Theodorakis compuxo para Epitafio serviu como detonante da revolución cultural grega de 1960.

En Mazurca vella ao ritmo da choiva articulou pola primeira vez a súa ligazón co espazo grego, o sentimento de "ser grego" que se manifesta na memoria histórica e que estará presente en toda a súa obra posterior: Romiossini (Grecidade, 1954, tamén con música de Theodorakis en 1966) é un himno á humillada terra de Grecia. Parte de A dama dos viñedos (1945-1947) fai tamén parte da Sétima Sinfonía de Theodorakis.

O seu paso por campos de rehabilitación aparece recollido en Vixilia (1941-1953) e na longa crónica poética desta década, Distritos do mundo (1949-1951. Pouco despois aparecen as súas mellores obras: Sonata do Luar (1956), premio nacional de poesía, Cando chega o estraño (1958, As vellas e o mar (1958, A casa morta (1959-1962), que introduce os monólogos longos inspirados na mitoloxía e nas traxedias antigas: Orestes (1962-1966) e Filoctetes (1963-1965).

Tras a súa deportación a Samos continuou producindo, inspirándose cada vez máis na antigüidade grega: Perséfone (1965-1970), Agamenón (1966-1970), Ismene (1966-1971), Ajax (1967-1969) e Crisotemis 1967-1970, Helena (1970-1972), O retorno de Ifixenia (1971-1972) e Fedra (1974-1975).

Cuarta dimensión recolle todos os textos coa forma de monólogo teatral que se inspiran nos mitos antigos. Os protagonistas atópanse con frecuencia cun conflito ás portas da morte, no momento en que están a facer balanzo das súas vidas. Diríxense a unha personaxe muda nun discurso chego de digresións e anacronismos. De feito, todos estes poemas son unha meditación sobre a idade madura, a morte, o tempo, o desgaste, historia e existencias familiares tomadas entre as esixencias persoais e os imperativos colectivos, a soidade e a crise dos movementos revolucionarios.

Ritsos escribiu tamén poemas curtos que pretenden reflectir de maneira conmovedora o pesadelo do seu pobo: Pedra, repetición, barras (1968-1969), Xestos, papeis: O muro no espello (1967-1971). Pasaxe e escalinata (1970), Dezaoito cancionciñas para a patria amarga (1968-1970). A partir de 1970, a súa poesía adoptou a forma de sínteses longas nas que as roturas oníricas, os soños en vixilia e o surreal interveñen constantemente na vida diaria con presenzas estrañas de xente e unha dislocación continua no tempo e no espazo: Facerse (1971-1977), O amortecedor (1976) ou Canción de vitoria (1977-1983, que celebran a fermosura da vida, en tanto que Erótica (1980-1981) é un himno ao amor. As monocordes (1980 mostra a concentración extrema á que chegou a súa poesía.

Os poemas do seu derradeiro libro, Tarde na noite (1987-1989) están cheos de tristeza e da consciencia das perdas, mais matizadas pola súa humildade, coa que restaura a vida ao seu redor, tentando preservar un fío de esperanza na Creatividade.

En 1977 Ritsos recibiu o premio Lenine.

Novela[editar | editar a fonte]

Na década de 1980, Ritsos tamén escribiu novelas: Iconostase dos santos anónimos (1983-1985) é unha colección de nove, nas que fai uso das súas conquistas previas na poesía: liberdade nas metáforas, alternancia do real e o onírico, linguaxe atrevida, florecer dos sentidos nun universo erótico no que os tempos e as idades sempre coexisten.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]