Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa de Galicia
Tipoorganización
Data de fundación1809
PaísReino de Galicia
editar datos en Wikidata ]
Un dos escudos históricos do Reino de Galicia. (Nun mapa debuxado por Ioannes Baptista Vrints, século XVI).

No ano 1809, despois de que os exércitos napoleónicos foran expulsados de Galicia, a súa presenza en España e a posibilidade dunha nova ofesiva sobre Galicia fixeron que varias personalidades e institucións pensaran que sería oportuno crear unha Xunta en previsión do que puidera ocorrer.[1]

Aínda que o conde de Noroña [2] era contrario á instalación desta Xunta, o Goberno de España (Xunta Suprema Central) creu oportuna a súa constitución, tal como solicitaban as forzas vivas do país.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Michel Ney, mariscal de Francia.

En xuño de 1809 o mariscal Ney, derrotado na batalla de Ponte Sampaio reprégase á Coruña, esperando que se lle una Soult, nun derradeiro intento de dominar novamente Galicia.

Pero Soult, acantoado en Monforte de Lemos, ten alí noticias da derrota e decide iniciar a retirada. Divide o seu exército en dúas columnas que saen de Galicia, unha pola Guidiña e outra por Lubián, medio a escondidas, cun Soult humillado, el que entrara un día vitorioso perseguindo ao exército inglés de sir John Moore.

Ney sae da Coruña contra o 22 ou o 23 de xuño, cara a Lugo, cidade que estivera sempre en poder dos franceses desde a invasión, acompañado polos afrancesados galegos Fraguío, Bazán de Mendoza, Pedrosa, o catedrático Ruíz e moitos máis.

A marchas forzadas chega, o 30 de xuño, a Astorga. Galicia quedaba, por fin, libre de franceses, retornando entón o marqués de la Romana para facerse cargo do mando supremo dos exércitos (Capitán Xeneral).[3]

A Xunta Suprema Central, por medio de Martín de Garay, publicou, o 10 de xullo de 1809, unha procama, a primeira que lle fixo xustiza ao pobo galego:

Pueblos de Galicia: Al veros caer en poder del enemigo sin resistencia alguna, al contemplar ocupados los emporios navales que ensoberbecen vuestras costas, y dominada de mar a mar tan principal y poderosa provincia, la indignación y el dolor hicieron prorrumpir a vuestra patria en quejas de malidición y enojo, como la madre que se querella al cielo y a la tierra de la degradación de una hija cuya virtud y pureza idolatraba. (...) ¿Quién en aquella noche de infortunios pudo presumir que fuera Galicia la que diese a la patria el primer albor de alegría? Más gloriosos cien veces y más grandes en vuestra insurrección, que débiles parecisteis en vuestra caída, la desesperación misma os prestó, magnánimos gallegos, fuerzas que en principio no conocísteis, y los enemigos vieron que en aquellos términos, al parecer tan tranquilos, la guerra renacía baxo sus plantas y la lealtad y el patriotismo estaban por abatir. (...) Sois pues ya libres, o pueblos de Galicia, y la patria al pronunciarlo borra con lágrimas de admiración y de ternura las voces dolorosas con que se quejó de vosotros en otro tiempo. Sois libres, y lo debéis a vuestra exaltación sublime, a vuestro valor, a vuestra constancia. Sois libres y España, Europa toda os dan un parabién tanto más dulce, cuanto más desesperada parecía vuestra suerte.
Martín de Garay, secretario da Xunta Suprema Central.

A extinción das Juntas Comarcales[editar | editar a fonte]

En canto saíron de Galicia os franceses, encargóuselle ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Ao rematar a guerra, había dúas posibilidades: constituír unha nova Junta del Reino, que era a opción preferida polas clases elevadas de Galicia (clero e fidalguía) e, segundo parece, contando co apoio dos ingleses,[4] ou concentrar todo o poder no Capitán Xeneral.

O conde de Noroña, Gaspar María Nava y Álvarez, segundo comandante do Exército e Reino de Galicia, foi moi explícito cando publicou en Santiago un bando o 19 de xullo de 1809:

Tenente Xeneral Caro y Sureda, 3º marqués de la Romana.
Con mi venida ha cesado el exercicio de las autoridades que no sean lexítimas. La única superior de este Reyno es la del Excelentísimo Señor Marqués de La Romana como Capitán General del mismo, y Presidente de su Real Audiencia. Fuera de esta potestad ninguna otra de su clase debe ser obedecida, y sólo yo puedo suplirla en sus ausencias, y como segundo Comandante General comunicar sus órdenes. Los que se han valido del sagrado nombre del Rey para defender su causa y el de la Nación reunirán al mérito que han contraído el de la sumisión, para engrandecer el premio de su fidelidad, y los testimonios de su amor a la Patria.[5]

Sorprende que o poder militar, que durante a epopea popular de Galicia se mantivera á marxe, que non lograra neses meses nin unha soa vitoria, que todo o deixara á responsabilidade do pobo, agora, chegado o momento do triunfo, quixera suplantar a todas as Juntas que se formaran, impoñéndose a elas e concentrando na persoa do Capitán Xeneral todo o poder.

Esta operación tiña sen dúbida maiores intencións. O marqués de la Romana, cuxo pensamento político, que podemos cualificar de absolutista, queda parente na súa Representación á Junta Central.[6]

O Marqués temía que, ao abeiro das novas circunstancias políticas, se introduciran novos poderes, reprensentantes do pobo; todo o que soara a xuntismo, asemblea do pobo, terceiro estado etc., resultáballe particularmente noxento. Por iso deulle instrucións moi concretas ao seu segundo, o conde de Noroña que, sen dúbida, comungaba coa súa retrógada ideoloxía, para que ao terminar a guerra en Galicia recuperara a plenitude do poder do Capitán Xeneral.

Constitución e traxectoria da Xunta Superior de subsidios, armamento e defensa[editar | editar a fonte]

Selo da Xunta Superior de Galicia.

A presenza dos franceses en España e a posibilidade de que ralizran unha nova ofensiva sobre Galicia, fixeron que moitos persoeiros en institucións pensaran que era oportuna a creación dunha Xunta en previsión do que puidera suceder.

Aínda que o conde de Noroña era abertamente contrario á creación de xuntas, o Goberno da nación española creu oportuna a súa constitución. A argumentación do Conde sitúase dentro do seu horizonte político de defensa dos poderes centrais:

La Junta Suprema sabe que el discutir las leyes, organizar las provincias y aprobar y desaprobar los arbitrios son peculiares a su institución y soberanía. En las provincias no necesita sino de los executores de su voluntad. Una Junta Suprema en cada una de ellas no sirve más que para entorpecer el despacho de los negocios por mucho celo que haya. (...) Las Juntas fueron, ya no son útiles, los tiempos son diferentes, por consiguiente no debe en uno y otro convenir la misma cosa.[7]

Pero pese a esta opinión contraria do Segundo Comandante do exército de Galicia, as forzas vivas do país solicitárona.[8]

Regulamento[editar | editar a fonte]

O 17 de decembro de 1809 fíxose público o regulamento para o establecemento dunha Junta provincial nacional e sete subalternas de partido. Neste regulamento establecíanse as condicións e competencias destas xuntas:

  • As Xuntas dedicaranase exclusivamente ao armamento e á defensa do país, e a unha serie de competencias en materia de facenda en inmediata relación co exército.
  • A Xuhnta Superior constituiríase por 29 persoas, presididas polo Capitán Xeneral e con representacións do Exército, a Igrexa e das sete cidades. En tota, 20 representantes de institucións e cidades e 9 representantes do clero secular e regular.
  • As Xuntas subalternas ou de partido esatrían formadas por 9 persoas.

Diferenzas entre esta Xunta e a Xunta Suprema do Reino de Galicia[editar | editar a fonte]

As diferenzas entre a Xunta Superior e a Xunta Suprema do Reino de Galicia, que desaparecera en decembro de 1808, son moi claras. A Xunta Superior estaba supeditada á Central. Non pretendía ostentar a soberanía, nin representar a Galicia perante ningún organismo superior. Tratábase simplemente dunha especie de delegación da Junta Central para os asuntos da guerra e da facenda concomitantes coa guerra.

A Xunta Superior de subsidios, que foi obxecto dun amplo estudo por parte de Martínez Morás,[9] non tivo na historia de Galicia a significación daquela outra Xunta que a precedera, que posuía poder soberano, enviaba embaixadores ao estranxeiro como se dunha nación se tratara, impoñía contribucións e asinaba tratados con outras nacións.

Aquela, era unha Xunta que se autoproclamara soberana, e que exerceu soberanía; esta, unha simple delegación da Central en Galicia.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barreiro Fermández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1805-1983). A Coruña: Ediciones GAMMA, p. 130.
  2. Gaspar Nava Álvarez de las Asturias, conde de Noroña, aínda que non era formalmente Capitán Xeneral de Galicia, en realidade ocupou este cargo como subcomandante do Marqués de la Romana, ante a imposibilidade deste de exercelo, facéndose cargo da autoridade legal en Galicia.
  3. Barreiro, Op. cit., pp. 113-114.
  4. González López, Emilio (1977): El águila desplumada. Vigo: Castrelos, pp. 22-24.
  5. Díaz Otero, Antonio (1981): Orígenes, estructura y evolución de la Junta Suprema de Galicia (1808-1813). pro ms., pp. 197-198. (Tese de Licenciatura, Santiago: Facultade de Xeografía e Historia.
  6. Marqués de la Romana (1809): Representción del Excmo. Sr. Marqués de la Romana a la Junta Central. Valencia. Nela, o Marqués defende a soberanía absoluta do monarca, opoñéndose tenazamente a unhas Cortes asemblearias e optando polas estamentais, conforme á tradición.
  7. Díaz Otero, Op. cit., p. 199.
  8. Barreiro, Op. cit., p. 130.
  9. Martínez Morás, Fernando (1955): La Junta Superior de subsidios, armamento y defensa del Reino de Galicia, A Coruña.
  10. Barreiro, Op. cit. p. 131.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]