Xulio Formoso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xulio Formoso
Xulio Formoso en De Par en Par (06).JPG
Nacemento14 de xullo de 1949
 Vigo
Falecemento6 de novembro de 2018
 Madrid
Causacancro
NacionalidadeVenezuela e España
Alma máterUniversidade Central da Venezuela
Ocupacióncantautor
Firma 2 Xulio 2008.JPG
editar datos en Wikidata ]

Xulio Formoso, nado en 1949 en Vigo, e finado o 6 de novembro de 2018 en Madrid,[1] foi un cantautor galego-venezolano que practicou a canción de corte social. A pesar de ter feito temas en galego, a maior parte da súa traxectoria desenvolveuse en Latinoamérica, sinaladamente en Venezuela. Ademais de compositor e músico, Formoso era enxeñeiro civil graduado pola Universidade de Santa María de Caracas e enxeñeiro de sistemas da UTSA en San Antonio de Texas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do xornalista Julio Formoso, estudou o bacharelato en Vigo e en Bueu. Para reencontrarse co seu pai, exiliado desde principios da década dos 50, trasladouse xunto coa súa familia a Venezuela no ano 1965, país que xa non abandonará máis que en breves estadías. O seu debut na música produciuse co LP recompilatorio Galicia canta no ano 1970, producido en Caracas coa participación, entre outros, de Farruco Sesto Novás e Celso Emilio Ferreiro. A pesar de compartir o traballo con outros cantautores galegos, o seu protagonismo no mesmo foi especial, xa que se lle adicou toda cara B do disco, con seis temas. O LP considérase o seu primeiro traballo, e tamén será o único integramente en galego, lingua que pasou logo a un lugar secundario en prol do español.

No ano 1971 entrou no grupo teatral Rajatabla, para o que compuxo distintos traballos musicais, como Tu país está feliz (1971) unha obra do brasileiro Antonio Miranda e o musical Venezuela tuya (1972) do Luis Britto Garcia. No mesmo 1972, e con letras de Farruco Sesto Novás, saca o seu primeiro traballo persoal, titulado Xulio Formoso. No ano seguinte viaxa por toda Latinoamérica, feito que lle inspira o disco Chipi Manahuac, con influencias andinas, pero no que aparecen tamén cancións con letra de Celso Emilio Ferreiro. Conseguiu saír de Chile pouco antes do golpe de estado de Augusto Pinochet, deixando inconclusa unha gravación inspirada na cultura chilena. Tamén creou a música para Jesucristo astronauta, outra obra de Antonio Miranda, que foi representada tamén por Rajatabla.

No 1974 fixo a súa primeira incursión na música infantil, participando da obra de María Elena Walsh El elefante volador. Ese mesmo ano grava o disco La canción que va conmigo, título inspirado por un verso de Celso Emilio Ferreiro, do que tamén aparecen poemas musicados. A politización da súa música intensificouse: foi expulsado da República Dominicana despois dun recital nunha cadea e máis adiante integrouse na campaña do Partido Socialista Venezolano, na que colabora como músico.

En 1975 aparece o seu traballo Guillén el del son entero, inspirado na obra do poeta Nicolás Guillén e de influencia cubana. Tamén participa como músico e actor na obra El séptimo ángel, de Ernesto Cardenal, e nun programa para a televisión venezolana baseado en Celso Emilio Ferreiro e o seu poemario Longa noite de pedra. No 1976 publica Levántate Rosalía, inspirado na obra do poeta Aquiles Nazoa. No 1977 serán dous traballos os que vexan a luz: Soles y centauros, ambientado na conquista de México por Hernán Cortés, e Chile, fuego y poesía, un traballo en honor da resistencia antifascista chilena.

No ano 1979 aparece Amantes de ningún lugar, en colaboración con Farruco Sesto Novás, o seu último traballo desta primeira etapa. Nese mesmo ano pasa a cursar a carreira de Enxeñería Civil na Universidade de Caracas, abandonando progresivamente a súa actividade musical. No 2002 gravou o CD dobre en vivo En el J.B. Plaza e en xuño de 2007 foi nomeado Presidente da Fundación Centro Nacional do Disco (CENDIS) polo goberno de Venezuela.[2] Un dos primeiros discos gravados por esta institución foi Anda suelto el animal (Box) (2008), produto da colaboración entre Formoso e Farruco Sesto.

Discografía[editar | editar a fonte]

Xulio Formoso e Farruco Sesto nun concerto en Caracas.

Álbums[editar | editar a fonte]

ano título discográfica / catálogo
1970 Galicia Canta Pobovox
1971 Tu país está feliz Souvenir
1971 Xulio Formoso[3] Souvenir LP-1383
1973 Chipi Manahuac London LPLS-77947
1973 Jesucristo Astronauta Palacio LPS-2064
1974 La canción que va conmigo London - LPS-88169
1975 Guillén el del son entero Polydor 30.164
1976 Levántate Rosalía[4] London - LPS-002
1977 Fuego y poesía[5] Polydor - 825 451-2
1977 Soles y centauros[6] London LPS - 001
1978 Amantes de ningún lugar[7] Agua Mansa - LPS 001
1978 Primeras canciones Polydor 632 416-3
2002 En el J.B. Plaza[8] Independiente
2004 Cantata a Bolívar[9] CENDIS [10]
2008 Anda suelto el animal (Box)[11] CENDIS
2008 Anda suelto el animal (seleccion)[12] CENDIS

Artista plástico e escritor[editar | editar a fonte]

En outubro de 2008 fai a exposición "Objetos dispersos" na Galería Red de Arte, de Caracas,[13][14] onde amosa debuxos e pinturas de gran formato encadrado dentro do movemento artístico de pop art.

Desde 2007 colabora como columnista e articulista en diversas publicacións culturais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Morre Xulio Formoso, o galego venezolano de Voces Ceibes". Sermos Galiza. 7 de novembro de 2018. Consultado o 7 de novembro de 2018. 
  2. Xulio Formoso designado presidente del Centro Nacional del Disco. Ministerio del Poder Popular para la Comunicación e Información de la República Bolivariana De Venezuela.
  3. "Xulio Formoso (disco)". La Venciclopedia : Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  4. "Levántate Rosalía". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  5. "Xulio Formoso (disco)". La Venciclopedia : Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2016. Consultado o 12 de xullo de 2018. Venciclopedia: Discos de Xulio Formoso. "Fuego y poesía" Arquivado 04 de marzo de 2013 en Wayback Machine.
  6. "Soles y Centauros". La Venciclopedia : Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  7. "Amantes de ningún lugar". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  8. "En el J.B. Plaza". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  9. "Cantata a Bolivar". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  10. Página oficial del Centro Nacional del Disco (CENDIS)”
  11. "Anda suelto el animal (Box)". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  12. "Anda suelto el animal (selección)". La Venciclopedia: Venezuela de la A a la Z (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xullo de 2018. 
  13. Exposición individual en Caracas[Ligazón morta]. Ministerio del Poder Popular para la Cultura. 3 de outubro de 2008.
  14. Xulio Formoso y su estrategia Pop Art[Ligazón morta]. Fundación Red de Arte. 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]