Xoán Antonio Cisneros de Castro e da Barrera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xoán Antonio de Cisneros de Castro
I Conde de Ximonde (ou Gimonde)[1]
I Vizconde de Soar
Claustro do Pazo de Ximonde
Parroquia de San Miguel de Sarandón (Vedra).

Nacementomaio de 1725
San Miguel de Sarandón, Vedra
Falecemento20 de decembro de 1798
Santiago de Compostela
ConsorteManuela de Ulloa e Cadórniga
DescendenciaPedro María de Cisneros de Castro e Ulloa
ProxenitoresAntonio de Cisneros de Castro e Sarmiento
Maria Rosa da Barrera e Sánchez Vaamonde.

Escudo de Xoán Antonio Cisneros de Castro e da Barrera

Xoán Antonio de Cisneros de Castro e da Barrera, tamén coñecido como Xoán Antonio Cisneros de Castro, nado en San Miguel de Sarandón (Vedra) en maio de 1725 e finado en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1798, foi un nobre galego, cabaleiro da Real Maestranza de Granada, primeiro vizconde de Soar, primeiro conde de Gimonde, rexedor perpetuo de Santiago e, por dúas veces, alcalde maior desta cidade.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xoán Antonio de Cisneros de Castro e da Barrera naceu no Pazo de Ximonde, residencia dos seus pais, Antonio Ramón Cisneros de Castro Figueroa e Sarmiento e María Rosa da Barrera Navia e Castrillón. Seu pai era un señor rural da comarca compostelá que destacara polo desempeño de cargos públicos civís e militares na cidade de Santiago de Compostela. Foi rexedor perpetuo (concelleiro permanente) do partido de Santiago entre os anos 1720 e 1740. Tamén foi militar servindo ao rei Filipe V como caudillo maior dos Terzos de Vilanova de Arousa e agregados, que se dedicaban á garda e custodia das costas do sur de Galicia fronte a eventuais invasións marítimas inglesas ou portuguesas.[2]

Xoán Antonio sucedeu ao seu pai como Señor do Couto de Ximonde, da Torre de Couso, do Pazo de Anzobre e do Castelo de Mirón, entre outras propiedades (Soar, San Xoán de Vilaronte e San Martiño de Mondoñedo e outras, das Torres e casas de Pegariños, pazos de Couso e Bea, Santiago de Foz, e da rúa do Preguntoiro de Santiago, e das casas da cidade de Mondoñedo, Gondelle e outras).[2] e tamén como rexedor perpetuo da cidade de Santiago, cargo que exerceu entre os anos 1747 e 1798. Foi tamén alcalde maior de Santiago nos anos 1750 e 1762, nesta última ocasión durante a guerra contra Inglaterra e Portugal.

Conde de Ximonde[editar | editar a fonte]

Xoán Antonio de Cisneros dirixiu ao rei Carlos III un Momorial suplicando á concesión dun título de Castela. Nel dicía que as rendas das súas casas eran superiores a oito mil ducados, quer tiña máis de seiscentos vasalos e o dereito de presentación de 29 Beneficios eclesiásticos, ademais doutras distinguidas regalías, remontando á súa liñaxe á Casa Real de León.[3]

Á vista deste Memorial o rei concedeulle os títulos de vizconde de Soar e conde de Gimonde, para si, os seus fillos e sucesores, por Decreto dado no Palacio Real de El Pardo o 14 de xaneiro de 1766.[3]

Igrexa parroquial de Santa Mariña, de Xinzo de Limia.

Xoán Antonio de Cisneros casou con Manuela de Ulloa e Cadórniga coa que, en 1770, tivo ao seu fillo Pedro, sucesor dos títulos e demais propiedades.

Morte[editar | editar a fonte]

O primeiro conde de Ximonde faleceu en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1798, aos 73 anos de idade, e está enterrado, xunto coa súa esposa, na igrexa parroquial de Santa Mariña de Xinzo de Limia, lugar onde se encontraban as propiedades señoriales de Manuela de Ulloa.[4]

Descendencia[editar | editar a fonte]

Xoán Antonio de Cisneros e Manuela de Ulloa tiveron dous fillos Pedro María de Cisneros de Castro e Ulloa e María do Carme de Cisneros de Castro e Ulloa. Á morte de Xoán Antonio, o seu fillo Pedro herdou o título de conde de Ximonde e as extensas propiedades do seu pai. Pedro casou con Agustina de Puga e Araúxo, coa que tivo unha única filla, Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga, que foi a terceira condesa de Ximonde.

Xacoba naceu o 7 de xaneiro de 1813 na parroquia de San Miguel de Sarandón, e casou con Xosé María Bermúdez Acevedo e, aínda que tivo fillos, todos morreron antes de que ela finara en Santiago en 1860 aos 47 anos de idade.

María do Carme de Cisneros de Castro e Ulloa, irmá de Pedro, casou con Pedro Martín Cermeño y García de Paredes (1722-1790), enxeñeiro militar, gobernador de Orán, Capitán Xeneral de Galicia e Presidente da súa Real Audiencia (1778-1784), que foi o autor do proxecto das Casas de Paredes, da Coruña, que tiveron un fillo, Xacobe Cermeño de Cisneros, curmán, por tanto, da condesa de Ximonde, que morreu sen descendencia antes que esta, e a quen deixou herdeira de todos os seus bens.

A terceira titular do Condado, e tamén a última, foi Xacoba de Cisneros de Puga que, ao falecer sen descendencia, deixou como herdeiro universal ao seu primo segundo o coronel Manuel María Puga Feijóo.[5]

Este feito tivo grande influencia nas relacións de poder na Galicia da época, dado o peso da familia Cisneros na política da rexión. Os membros da rama principal dos Cisneros, que era a que ostentaba o título real de Condes de Ximonde, exerceron durante varias xeracións o cargo de rexedor perpetuo da cidade de Santiago de Compostela. Pero esta rama familiar extinguiuse coa terceira condesa, polo que o seu herdeiro, Puga Feijóo, recibiu xunto coas súas propiedades gran parte do poder político que os condes ostentaban (pero non o título, que se extinguiu). O seu fillo Luciano Puga Blanco foi alcalde de Santiago, deputado en tres ocasións e senador en dúas, apoiando ao Partido Conservador de Antonio Cánovas del Castillo, durante a Restauración.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na grafía histórica.
  2. 2,0 2,1 Casa de Maindo. Genealogía de los Condes de Gimonde. Héitor Picallo.
  3. 3,0 3,1 Sarmiento Gil, Guillermo (1955). "Memorial dirigido á S.M. por D. Juan Antonio de Cisneros suplicando la concesión de Título de Castilla.". Boletín de la Real Academia Gallega (en castelán) 26 (301-304): 38–41. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2018. Consultado o 04 de setembro de 2018.  Arquivado 11 de abril de 2018 en Wayback Machine.
  4. Web da Parroquia de Santa Mariña Arquivado 03 de novembro de 2013 en Wayback Machine., Xinzo de Limia.
  5. Testamento

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]