Saltar ao contido

Xosé María Pérez Parallé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xosemaría Pérez Parallé»)
Modelo:BiografíaXosé María Pérez Parallé

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento4 de agosto de 1909 Editar o valor en Wikidata
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Morte1 de novembro de 1987 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Fene, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta, mestre, escritor Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoNarrativa, poesía
Familia
CónxuxeJuana Porto Ramil (†2010) Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDiciopedia do século 21
Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
Dicionario biográfico de Galicia Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 166317 BNE: XX920863 BUSC: perez-paralle-xosemaria-1909-1987

Xosé María Pérez Parallé, que asinaba con frecuencia como Xosemaría Pérez Parallé, nado en Ferrol o 4 de agosto de 1909 e finado en Fene o 1 de novembro de 1987, foi un mestre e escritor galego. Ramón Otero Pedrayo referiuse a el como o poeta azul do Ferrol, mestre do preume Atlántico agasallado polos piñeiros.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

A súa actividade cultural comezou en Santiago de Compostela, cidade na que estudou Dereito, Filosofía e Letras e Maxisterio. Colaborou tamén en diversos xornais e participou dalgunhas iniciativas, como a fundación da revista Abrente. Boletín de la Anunciada, xunto con Xosé Filgueira Valverde e outros escritores.

Posteriormente regresou a Ferrol, onde participou na publicación republicana Renovación e nas actividades do Centro Obreiro de Cultura. Comezou a desenvolver en paralelo un intenso traballo poético. Porén gran parte deste permaneceu inédito até despois do seu pasamento, malia recibir algúns premios, como un diploma no Certamen del Trabajo de 1935.

A guerra civil truncou a meirande parte da súa actividade pública. O autor limitouse ao seu traballo como mestre no Centro de Enseñanza General de Ferrol. Co tempo estabeleceuse en Barallobre, Fene, preto de Ferrol. Nesta terra viviu boa parte da súa vida e con ela estabeleceu unha fonda ligazón persoal, polo que foi denominado popularmente como o poeta do Penedo, lugar desta parroquia de Barallobre.

Entrou a traballar en ASTANO como peón caldeireiro, e posteriormente fíxose cargo do arquivo e mais da biblioteca do estaleiro.[2] Na década de 1960 ocupouse da dinamización cultural no Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene. No entando, seguiu a recibir premios nacionais e internacionais. Algúns foron o de 1964 da Radio-Televisión Francesa, por dous poemas do seu libro Cartafol da saudade, ou a mención nos Xogos Florais de Pamplona de 1975. Faleceu en 1987.

Ese mesmo ano, o Círculo Mercantil creou na súa honra o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Dende entón ten recibido multitude de homenaxes. Foi nomeado Fillo predilecto de Ferrol e déuselle o seu nome a unha rúa do seu barrio natal, Canido. En Fene, ademais de apoiar o premio literario, o concello púxolle o seu nome á Biblioteca Municipal e dedicoulle un banco na Praza do Camiñante Descoñecido, xunto con outros bancos máis, dedicados a destacadas figuras literarias do país. Frecuentemente organízanselle tamén homenaxes por parte das asociacións culturais de Fene. Existe tamén unha forte reivindicación para que sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas.[3]

Praza do Camiñante Descoñecido en Barallobre, onde ten un banco co seu nome

Usou os pseudónimos O Segrel do Penedo e Don Grinfal.[4]

Casou con Juana Porto Ramil (†2010) e foi pai de Josefina, José Manuel e Francisco Pérez Porto.

Popularidade

[editar | editar a fonte]

Malia deixar boa parte da súa obra inédita e en edicións pequenas e mal distribuídas, Pérez Parallé gozou de sona na súa comarca. O seu estilo sinxelo pretendía estar próximo ás clases populares. Empregaba con frecuencia formas da literatura oral, fuxía do eruditismo e tiña a Celso Emilio Ferreiro como un dos seus referentes. Considerábase a si mesmo máis un segrel ca un poeta. Amais, colaborou de xeito asiduo en iniciativas culturais. Entre outras, foi letrista das rondallas de Ferrol e do certame de música infantil Cantareliña, e creou composicións populares como a dun esconxuro da queimada.

Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Existen dificultades, debido ao seu espallamento, de dar conta precisa de toda a obra escrita do autor. Algunhas edicións destacadas son:

Poesía
  • Mariñanas: Retábulo betanceiro, Hispania, Xuvia, 1961
  • Cartafol da saudade, 1963.[5]
  • Esconxuro da queimada, Xuvia, 1973
  • Esteiro: Saga romancera de un barrio perdido, 1975
  • Dorna romeira, Fene, 1985.[6]
  • Chanteiro: poemario sinxelo, Centro Cultural Outeiro, 1990 (póstuma)
  • Poemas, cantigas, Ediciós do Castro, 1995. ISBN 84-7492-724-2.[7]
Pezas dramáticas en verso
  • O rodicio, 1977
  • A subela, 1982
  • Parladoiro, 1986

Escenificou, así mesmo, a novela Pepa Andrea, de Pedro Guimarey.[8]

  1. Llorca Freire 2005.
  2. A forxa, dun soño Astano Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine. en YouTube.
  3. "A literatura de Ferrolterra, á espera dun novo Día das Letras Galegas". La Voz de Galicia. 26/5/2025. 
  4. "Pseudónimos galegos en ogalego.eu: p". www.ogalego.eu. Consultado o 2022-02-07. 
  5. Prologado por Xosé Filgueira Valverde.
  6. Con prólogo de Xosé Leyra.
  7. Con prefacio de Xosé Luís Méndez Ferrín.
  8. Iglesias, Xabier (18/4/2015). "Pepa Andrea". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]