José Rego López

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xosé Rego López»)
José Rego López
Nacemento8 de febreiro de 1887
Lugar de nacementoDevesos
Falecemento15 de agosto de 1976
Lugar de falecementoA Habana
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónsindicalista e político
editar datos en Wikidata ]

Juan Vicente Rego López, coñecido como José Rego, nado en Devesos (Ortigueira) o 8 de febreiro de 1887 e finado na Habana o 15 de agosto de 1976, foi un sindicalista e político galego.

Foi un dos fundadores en Cuba do Primeiro Partido Comunista, precursor do actual Partido Comunista de Cuba.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus pais levárono a Cuba cando tiña trece anos. Matriculouse na escola Concepción Arenal do Centro Gallego de La Habana onde conseguiu un certo nivel de instrución. Pero pronto tivo que poñerse a traballar primeiro como dependente nunha panadería, e despois como pasador. Con 17 anos afiliouse ao Gremio de Obreros de Lavado y Planchado, onde foi delegado de barrio, secretario financeiro e secretario xeral. Durante os gobernos de Menocal e Zayas participou nas grandes folgas que conmoveron o país.

En 1921, fundou, xunto ao pintor José Peña Vilaboa e ao tipógrafo Alfredo López, a Federación Obrera da Habana. Dous anos máis tarde, o 18 de marzo de 1923, crearon a Agrupación Comunista da capital. Nese ano foi detido durante unha asemblea na que participaba como dirixente da súa organización no Centro Obrero da Habana. Na Agrupación Comunista foi secretario contador (1923-1924) e tesoureiro (1925). En 1925 fundou o Primeiro Partido Comunista de Cuba con Pedro Peña, José Miguel Pérez e Carlos Baliño. No primeiro congreso foi elixido membro suplente do Comité Central e membro da Comisión Secretaria Fiscalizadora.

No partido encomendóuselle a atención ao traballo sindical, sobre todo coa emigración galega. Durante a ditadura de Gerardo Machado (1922-1933) destacou como líder do movemento sindical en defensa dos intereses do Frente Único Obrero.

En 1930 foi novamente detido dentro da política de persecución e terror que a ditadura machadista desatou contra os líderes sindicalistas tras asentarse no poder, pero grazas á mobilización de varias agrupacións de traballadores o Goberno viuse obrigado a liberalo. Foi expulsado do país en 1931, e regresou a Ortigueira. Nos dous anos que permaneceu en Galicia mantivo contactos co PCE da comarca e organizou aos mariñeiros de Espasante.

Co derrocamento de Machado, volveu a Cuba, incorporándose ao movemento sindical. Participou nas folgas de outubro de 1934 e marzo de 1935 nos primeiros anos da ditadura de Fulgencio Batista. Pola súa relación co tamén ortegano Pancho Pego conseguiu traballo como dependente en Partagás. Alí foi dirixente da sección sindical e do comité do Partido.

Trala declaración da guerra civil española, participou activamente cos republicanos españois, acompañando a Castelao á súa chegada a Cuba e asistindo a algúns dos actos antifranquistas nos que participou.

Co triunfo da Revolución cubana asumiu a administración da fábrica de tabacos da Sociedad de Amistad Cubano-Española (SACE).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]