José Luís Quintas Figueroa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xosé Luís Quintas Figueroa»)
Infotaula de personaJosé Luís Quintas Figueroa
Biografía
Nacemento17 de abril de 1911 Editar o valor em Wikidata
Teis, España Editar o valor em Wikidata
Morte17 de agosto de 1976 Editar o valor em Wikidata (65 anos)
Vigo, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsindicalista , político Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsManuel Quintas Figueroa Editar o valor em Wikidata

José Luís Quintas Figueroa, coñecido como Quintas, Alfonso e Clemente Cabaleiro Covelo, nado en Teis (Vigo) o 17 de abril de 1911 e finado na mesma cidade o 17 de agosto de 1976, foi un sindicalista, guerrilleiro e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Traballou de fontaneiro e en maio de 1928 entrou como facturador en CAMPSA. Ao final da ditadura de Primo de Rivera afiliouse á CNT e en 1929 ao Sindicato de Petróleos. Durante a República desenvolveu unha intensa labor na CNT, asistindo a plenos rexionais, reunións e congresos do sector. Participou na fundación das Juventudes Libertarias, das que foi secretario en Vigo, e nun grupo anarquista non adherido á FAI. Foi detido durante a folga xeral revolucionaria de decembro de 1933 e permaneceu mes e medio na prisión. Tamén foi detido na folga xeral revolucionaria de 1934 e despedido de CAMPSA, aínda que foi readmitido en xuño de 1936. Foi o organizador do asalto ao local de Falange da rúa General Riego o 7 de febreiro de 1936, para obter documentos sobre as súas actividades e facerse co seu armamento; nesta acción morreu o falanxista Luís Collazo Docampo e o metalúrxico cenetista Robustiano Figueira Villar. José Luís Quintás, ferido nun pulmón, foi detido e recluído no Hospital Municipal.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 conseguiu fuxir do hospital e organizou a resistencia armada no barrio do Calvario. Ao fracasar, escondeuse no monte e formou un dos primeiros grupos guerrilleiros. O 5 de abril de 1937 o seu irmán Manuel Enrique foi asasinado polos fascistas en Xinzo (Ponteareas). Estivo agochado na casa de Juan Silveira Correa en Beade e despois na de Virginia González Pastoriza en Teis. En 1939 integrouse no grupo dos irmáns José e Rogelio García Morales (Os Maletas), que agrupaban militantes anarquistas e comunistas. En abril de 1943 foi procesado por roubo e asasinato do veciño de Petelos Fructuoso Costas Giráldez (o garda cívico que rematou a Manuel González Fresco), con José García Morales, Ramón Pereira Antelo, Manuel Simón Campos e Abraham Lloriente Sánchez.[1] Contrario ao control sobre a guerrilla que empezou a exercer o Partido Comunista de España en 1943, abandonou a guerrilla e pasou varios anos agochado en Toural. En 1946 a organización clandestina da CNT de Vigo trasladouno ás minas de San Fins (Lousame) baixo a protección do capataz Miguel Sangenís, e ao ano seguinte a Santiago de Compostela, onde co nome de Clemente Cabaleiro Covelo traballou no establecemento de reparación de máquinas de escribir de Manuel Ceruelo Ares. Foi xulgado en rebeldía en Vigo en varias causas militares e sentenciado a pena de morte, logo conmutada por cadea perpetua.

En marzo de 1947 Ceruelo foi detido e encarcerado, xunto con case toda a rede clandestina confederal, e José Luís Quintás escondeuse en Ribadavia e O Carballiño, onde traballou como axudante dun cura e como viaxante duns almacéns de víveres. Debido a unha delación, foi detido no Carballiño o 16 de febreiro de 1950;[2][3][4] xulgado en consello de guerra o 28 de outubro de 1950 en Vigo polo homicidio do falanxista Collazo, por lesións, por tenencia ilícita de armas e por rebelión armada,[5] foi condenado a morte, pero foille conmutada a pena pola de 25 anos de reclusión maior. Novamente xulgado na Audiencia de Pontevedra polos feitos de xullo de 1936, foi condenado a 30 anos de prisión.

Estivo encarcerado case 23 anos no Penal del Dueso (Santoña) e noutras prisións. Saíu en liberdade en 1973, pasou a Tolosa, onde entrou en contacto coa CNT do exilio, pero regresou a Vigo pouco despois, onde traballou como representante de libros. Logo da morte de Franco, interveu na reorganización do Comité Regional de Galicia da CNT en Vigo, xunto a Víctor Francisco Cáceres, Jaime Garrido Vila e Dalmacio Bragado Ruiz. Morreu o 17 de agosto de 1976 na Calzada (Teis) a resultas dunha afección cardíaca.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Requisitoria, El Pueblo Gallego, 17-4-1943, p. 2.
  2. ""El Quintas", detenido", El Pueblo Gallego, 26-3-1950, p. 4.
  3. "Un servicio sensacional de la policía viguesa", Faro de Vigo, 26-3-1950, p. 5.
  4. La Noche, 27-3-1950, p. 2.
  5. "Consejo de Guerra. Se celebró ayer en Vigo contra Luis Quintas", El Pueblo Gallego, 29-3-1950, p. 9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]