Juan Antonio Suárez Picallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xosé Antonio Suárez Picallo»)
Infotaula de personaJuan Antonio Suárez Picallo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1907 Editar o valor em Wikidata
Veloi, España Editar o valor em Wikidata
Morte12 de agosto de 1936 Editar o valor em Wikidata (28/29 anos)
Veigue, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Galeguista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Juan Antonio Suárez Picallo,[1] tamén coñecido como Xohán Antón Suárez Picallo, nado en Veloi (Sada) en 1907 e finado en Veigue o 12 de agosto de 1936, foi un dirixente do Partido Galeguista nas Mariñas, agrarista e xornalista sadense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o sétimo fillo dun matrimonio humilde, irmán de Ramón, 11 anos maior ca el, posteriormente Deputado nas Cortes da Segunda República, quen só tardaría cinco en deixar a casa petrucial camiño das Américas.

A primeira noticia sobre a súa participación política é de man do seu irmán no 1926:

“Unha das cousas que máis me encheu de ledicia o meu esprito ao chegar a miña vila natal, a Sada dos meus amores, foi saber que n’ela habia unha xuntanza nazonalista de rapaces cuásique todos menores de 20 anos. E ainda mais, cando soupen que un hirman meu, que tiña dous anos cando deixei o fogar paterno, formaba parte d’ela.”

O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antonio Villar Ponte.

A devandita agrupación denominábase, segundo Ramón Suárez Picallo, Mareiras: Xuntaza nazonalista dos rapaces mariñeiros de Sada, e tiña o seu local ao pé das ruínas do castelo de Corbeiroa. Aínda que non sabemos canto hai de verídico neste relato, quedounos a constancia desa primeira aproximación de Antón ao galeguismo.[Cómpre referencia] É precisamente nese ano cando Antón Villar Ponte e Ánxel Casal lle regalan unha edición de O Mariscal que, como máis tarde recoñecería, tería influído decisivamente na súa traxectoria posterior.

Xa na II República, desenvolverá todas as súas facetas, participando activamente na política agraria e chegando a ser o Delegado da Misión Biolóxica na Comarca das Mariñas. En Veloi crea unha granxa experimental, na que planta sementes melloradas que logo distribúe entre os labregos, bastante remisos na maioría dos casos a este tipo de innovacións. Con todo, consegue, mediante a oratoria, participando nunha infinidade de actos en toda a contorna mariñán, acadar certo creto. Observa, con ledicia e satisfacción, como os seus traballos comezan a dar os debidos froitos. Mais chega o Bienio Radical-Cedista, e con el a quebra da Misión Biolóxica, que deixa de estar subvencionada.

É por este tempo, concretamente no 1935, cando se artella, baixo a influencia de Ramón Suárez Picallo, o Grupo Local do Partido Galeguista en Sada, se ben xa existían elementos recoñecidos coma tal desde a propia fundación do Partido. A Presidencia recaerá no exalcalde republicano Justo Rodríguez Pérez, sendo Antón Suárez Picallo o Vicepresidente. En marzo do ano seguinte créase a Comarcal de Sada, ficando nomeado Antón correspondente informativo d'A Nosa Terra. Dous meses despois, o órgano informativo do PG publica o Programa electoral do Grupo de Sada, no que teñen un peso singular as cuestións agrarias, advertíndose nel a pluma de Antón. En xullo fórmase unha Alianza de Esquerdas en Sada, co obxectivo de loitar “contra a reaición, fascio, guerra e pol-a conquista de unha amnistía para os presos políticos e sociaes”. Intégrana, ademais do propio PG, Izquierda Republicana, Unión Republicana e as agrupacións sindicais. O seu Secretario Xeral será, unha vez máis, Antón Suárez Picallo. No ámbito galego, estará presente en todas as Asembleas Xerais e xuntanzas do Consello Nacional do PG en Calidade de Conselleiro Comarcal do Partido nas Mariñas de Sada.

En xullo dese 1935, nace en Sada o Ateneo de Cultura Política y Social, que reúne novamente a representantes de todo o abano esquerdista, e terá a Antón por Presidente e máximo dinamizador. Polo seu local desfilarán oradores coma Ramón Otero Pedrayo, Plácido R. Castro, José Pubul, Nicandro Golán, Alejo Candocci, Rafael Fernández Casas etc., e organizaranse faladoiros de traballadores, dispoñendo para eles unha biblioteca. Na súa visita a Sada, Otero Pedrayo, que convocou unha inxente multitude, definía a Antón coma “símbolo dunha Galicia nova cada vez máis próxima”. Esta empresa cultural acompañaría coas súas colaboracións n'A Nosa Terra e El Pueblo Gallego, xornais nos que deixou escritos numerosos artigos.[Cómpre referencia]

A finais do 1935, coa quebra do goberno das dereitas e a convocatoria de eleccións, reavívanse, con máis forza, os movementos políticos. Daquela Alianza de Esquerdas artéllase a Fronte Popular, con Antón á cabeza do seu Comité Electoral (o que non deixa de ser ilustrativo da forte presenza do PG en Sada, xa que o normal era que estas candidaturas estivesen presididas por republicanos). As eleccións de febreiro e o plebiscito do Estatuto concentrarán, nos derradeiros meses da República, a súa actividade. Participará, tanto nun caso coma noutro, en numerosos mitins e eventos, destacando a súa intervención na inauguración do edificio da Senra, sede da Asociación Bergondo y sus Contornos, destinada a escola que xa nunca se chegaría a utilizar como tal.

A Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Tras a sublevación militar, os falanxistas entran en Sada o 23 de xullo do 1936. Recíbeos Antón Suárez Picallo, que utiliza a dialéctica para expor os seus principios e o seu rexeitamento do golpe. Un falanxista tira da pistola, mais a multitude reacciona, golpeándoos e prendéndoos no Pósito Marítimo. Ese mesmo día chegan máis efectivos de Betanzos que toman a vila sen dificultade. Cada quen foxe por onde pode. Antón Suárez Picallo agóchase en Meirás na compaña dos sindicalistas Antonio Carballeira Muñiz, Manuel Prego Chas e José Mosquera Rey e do dirixente comunista Gumersindo Montero. Posteriormente parten a pé cara á Coruña os tres primeiros, agochándose nunha casa da Agra do Orzán. Ao pouco, Antón vai visitar a unha tía súa ao hospital, sendo delatado por outro sobriño da muller, veciño de Sada de Arriba, que deu aviso aos falanxistas. A noite do 11 para o 12 de agosto son detidos e, tras padeceren brutais torturas, asasinados. Os seus cadáveres apareceron o día 12 no monte de Abeleiras, na parroquia de Veigue.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo algunhas fontes, como o DBdG, o primeiro nome era Xosé: "Xosé Antonio Suárez Picallo", tomo 3, p. 257.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]