Xosé Alfredo Oliveira Pérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Xosé Alfredo Oliveira Pérez, nado o 22 de agosto de 1951 en Vigo, é un director e compositor de obras de diverso tipo, principalmente de música coral.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xosé Alfredo Oliveira Pérez naceu en Vigo no ano 1951, no seo dunha familia humilde, sendo o cuarto de sete irmáns.

Foi durante o Servizo Militar na Marina Española onde comezou o seu interese pola música. Carlos M. Galiñanes escoitouno cantar e propúxolle entrar na Sociedade Coral Viguesa. Ó principio rexeitou a proposta, pero finalmente aceptou.

Da man do pai redentorista Demetrio Iglesias (director nese momento da Coral Viguesa e tío de Ángel Barja), aprendeu solfexo e técnica vocal coral; con Vicente Rodríguez Abeijón iniciouse na análise musical. A súa formación, a parte da xa mentada, foi autodidacta principalmente para a lectura musical, a notación e a composición. Relevante na ampliación dos seus coñecementos foi o compositor Francisco A. Rey Rivero, co que mantivo unha estreita relación de amizade ata o fin da súa vida.

Na súa etapa de coralista estivo na Coral Viguesa, na Coral Casablanca, no Coro Rías Baixas, na Coral Rueiro e na Coral do Náutico de Vigo.

No ano 1974 fundou xunto con J.C. Yugueros e R. Costas Bastero a coral Atlántida de Matamá, onde compartiu experiencias con J. Carvajal e F. Rey Rivero. Dende 1978 ata 1981 foi director do coro infantil do Colexio “La Paz” (onde conseguiu catro premios consecutivos no “Concurso anual de Villancicos”, dous segundos premios e dous primeiros premios).

Dirixiu o coro de Castrelos (“Monte da Mina”) dende 1982 ata 1996, a Coral Polifónica de Teis dende 2014 ata 2017 e a Coral Novos Aires de Nigrán dende Xaneiro de 1992.

Foi produtor no sector do metal, fundou en sociedade unha empresa (PYME) en 1982. Xubilouse profesionalmente no ano 2016 e, dende entón, a súa actividade compositiva foi moito máis intensa.

Como compositor destacan as súas obras corais, inda que tamén podemos atopar obras para guitarra, gaita, acordeón, piano e voz, frauta, etc. As máis populares para coral son: O canteiro, podría hoy, tu presencia, barbulla o regato, de babor a estribor e Misa Panxón (composta no 2002 para coro con acompañamento de piano ou órgano). Gran parte da súa obra podémola atopar nas páxinas www.atrilcoral.com e http://jose-a--oliveira.myriad-users.com.

Seis das súas composicións foron galardoadas co primeiro premio de composición de Caixanova en 1998, 2000, 2002, 2004, 2007 e 2009. No ano 2010 foi homenaxeado no Carballiño pola súa labor como compositor de obras corais. No 2018 foi elixido premio ACOPOVI por “unha vida dedicada á música coral”, recibindo o galardón da man do Alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]