Xoaquín Agulla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xoaquín Agulla Pizcueta»)
Infotaula de personaXoaquín Agulla
Biografía
Nacemento13 de novembro de 1956 Editar o valor em Wikidata (67 anos)
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Bitraga: 3151 AELG: 119

Xaquín Agulla Pizcueta, nado en Pontevedra o 13 de novembro de 1956, é un poeta e deseñador gráfico galego. Titulado en Maxisterio, reside en Cangas. Está casado e ten unha filla.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1973 participou co grupo da residencia de estudantes da CAP de Pontevedra na representación d' Os vellos non deben de namorarse de Castelao no Teatro Principal.

En 1980 creou dous programas radiofónicos en galego na emisora Radio 80 de Pontevedra. As nosas letras ofrecía entrevistas a personaxes como Méndez Ferrín, Suso Vaamonde ou Víctor Freixanes entre outros. No programa infantil O cabaliño de buxo líanse e ambientábanse os contos que Galaxia e Xerais publicaban para o público infantil.

Foi secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega, á que representou na fundación da Mesa Permanente pola Normalización Lingüística. En setembro de 1986 organizou xunto a Avilés de Taramancos e María do Carme Kruckenberg (presidente e vicepresidenta da AELG) o Congreso de Escritores Galegos, Vascos e Cataláns no Parador de Turismo de Baiona. Foi poñente no Galeuzca de Donostia (1985), e no Congreso das Linguas Minorizadas Europeas de Cataluña.

Como editor e deseñador, ademais de revistas locais como O Morrazo século XXI, deseñou e editou a colección de poesía Á inmensa minoría. Colaborou en publicacións como Teima, A Nosa Terra, Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, Vagalume, Dorna, Grial, Luzes de Galiza, Carel ou Hidromel.

En 1999 realizou para a Xunta de Galicia unha antoloxía de textos e datos biográficos dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas desde 1963 a 1999 co título 37 Escritores para unha lingua.

Obra[editar | editar a fonte]

A importancia da súa obra está na súa poesía, con múltiples rexistros, poesía lírica nos seus comezos, no seu libro Cántigo (1981, reeditado en 2009 nunha edición numerada, non venal, cun epílogo adicado aos seus mentores Ángel Eguren e Manuel Cuña Novás. Traballou a temática social en Ensoños de Breila (1982). En 1984 publicou unha edición crítica a cargo de Fancisco López, co título Aquí fican melodías que reúne toda a poesía anterior. Cun estilo modernista escribe Palabras Maiores (1985). De temática intimista é No devalar das horas (1986), poemario publicado na revista Grial. En 1997 publica en versión bilingüe galego/inglés, de temática existencial e relixiosa, cun posicionamento crítico fronte a deidade, o libro Camiño de Emaús (edición bilingüe galego-inglesa[1]). Nos anos oitenta, con vocación de rapsodo, recitou e montou espectáculos poéticos que levou por moitos centros de ensino de Galicia. Participou en case tódolos recitais de poesía do Condado, e moita da súa produción poética solta está recollida nas publicacións dese certame.

Como narrador infantil publicou a novela de ficción-científica A viaxe alucinante de Peter o cosmonauta (1986); de aventuras A historia da buguina (1990, Xerais), e o conto ecoloxista A aldea entristecida (1998).

No eido teatral escribiu as peciñas curtas A Caeira (1984), publicada na revista literaria Carel e a peza infantil Era unha vez o mundo do envés, II premio de Teatro Infantil de Xove 1985. Esta peza foi reeditada e revisada en edición non venal en 2009.

Traduciu ao galego o libro de poemas en castelán de María do Carme Kruckenberg Vivir, aventura irrepetible (1997).

No eido da plástica experimentou con técnicas fotográficas e acrílicas con máis de corenta obras, que se expuxeron e recolleron en soporte dixital. Durante anos editou unha colección de postais de Nadal de formatos diversos e tirada moi limitada, con procesos manuais e técnicas litográficas e serigráficas, para unhas poucas empresas do país, onde grafismo e poesía conseguiron harmonía, forza e estética.

No ano 2002 adicouse a crear poemas en madeira, unha serie de esculturas sobre o cotián.

Participou en distintas obras colectivas como Escolma de poesía galega (1976-1984) (1984, Sotelo Blanco), Homenaxe a Ánxel Casal (2005, AELG) ou A Coruña á luz das letras, (2008, Editorial Trifolium).

Actualmente prepara a edición non venal dun libro en memoria do seu amigo José María Rial, titulado Final de vía, que contén un prólogo e cinco prantos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Camiño de Emaús ou Deica un Deus terriblemente humano". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]