A Axencia de Noticias Xinhua ([ɕín.xwǎ] en chinés, 新华社; pinyin, Xīnhuá shèAxencia Noticiosa da Nova China) é a axencia oficial de noticias do goberno da República Popular China e a máis grande e influente na China, así como a axencia de noticias máis grande do mundo en termos de correspondentes en todo o mundo.[1]
A axencia fundouse en novembro de 1931 co nome de Nova Axencia da China Roxa, cambiando ó nome actual en 1937. Xinhua é unha institución de nivel ministerial subordinada ó Consello de Estado da República Popular da China e é o órgano de medios estatais de máis alto rango no país, co Diario do Pobo. O seu presidente é membro do Comité Central do Partido Comunista da China.[2]
Xinhua opera máis de 170 oficinas estranxeiras en todo o mundo e ten 31 oficinas na China, unha para cada provincia, rexión autónoma e concello administrado directamente máis unha oficina militar. Xinhua é a única canle para distribución de noticias importantes relacionadas co Partido Comunista e o goberno central chino e a súa sede en Pequín está próxima a Zhongnanhai, lugar onde se atopa a sede do Partido Comunista da China, do Consello de Estado e a oficina do presidente.
Xinhuanet (新华网) é a web oficial da axencia, composta pola sede principal en Pequín e máis de 30 sedes locais distribuídas en toda China. Publica información de noticias todos os días en sete idiomas; chinés (simplificado e tradicional), inglés, francés, castelán, ruso, árabe e xaponés.
A páxina web comezou o 7 de novembro de 1997 co nome de "páxina web da axencia de noticias Xinhua" (新华通讯社网站) e ten modificado o nome repetidas veces. O actual, xinhuanet.com, úsao dende o 12 de decembro de 2000 e é a plataforma de servizo de comunicados de prensa de Internet máis grande do Partido Comunista Chino.