Xerardo Moscoso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Xerardo Moscoso Caamaño, nado o 24 de febreiro de 1954 na Cidade de México, é un cantautor galego, vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes, médico de profesión, que exercería tamén diversos oficios vencellados á interpretación dramática, tanto no cinema como no teatro.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de galegos na emigración, estudará Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, onde participa das mobilizacións estudantis do ano 1968. Nesa mesma época entra en relación con diversos integrantes da canción, participando no recital do 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina, xunto con Benedicto, Xavier del Valle, Guillermo Rojo e Vicente Araguas. Nesea ocasión cantará as cancións Deuda cumprida e Réquiem Nº II. Ese recital será un dos antecedentes da fundación do colectivo Voces Ceibes, ese mesmo ano.

Voces Ceibes[editar | editar a fonte]

Dentro das actividades do colectivo Voces Ceibes, Xerardo Moscoso, viaxará a Barcelona, onde gravará dous EP's de catro cancións titulados co seu nome. Tamén participa no recital dado o 1 de decembro do mesmo 1968 no cinema Capitol de Compostela, e tamén das primeiras xiras fóra da Galiza, visitando en xaneiro de 1969, Oviedo e Xixón. Tamén estivo presente, xunto con Benedicto e Bibiano en representación da Galiza na da Exposición de Arte Contemporánea de Milán. O acto, organizado pola resistencia antifranquista no exilio, xuntaba a poesía e a canción ás artes plásticas, verdadeiras protagonistas. A exposición comezaba o 10 de marzo de 1972, polo que coincidirá co asasinato en Ferrol de Daniel Niebla e Amador Rey, do que terán coñecemento unha vez alí.

En 1973, mentres paseaba por Pontevedra o cantor é ameazado de morte por un falanxista que chega a apuntalo cunha arma e ten que ser apartado por un grupo de testemuñas. No momento de ir denunciar o feito, será intimidado pola policía a causa da súa militancia política, e decide, xunto cun compañeiro, marchar esa mesma noite para Suíza. Pasará os seguintes anos entre ese país e Francia, mentres no ano 1974 Voces Ceibes desaparece como proxecto colectivo.

Xerardo Moscoso retornará do exilio en 1976, pasando a atoparse, apesar da caida do réxime, nunha situación problemática. Por unha banda séguenselle a proibir as actuacións, e comeza a ter problemas burocráticos, non se lle recoñece a dupla nacionalidade e debido a isto tampouco a convalidación do seu título universitario. Distintas presións impiden tamén que atope traballo. Tras un concerto con Paco Ibáñez en Vigo, as autoridades danlle trinta días para abandonar o país. Nese ano decide volver a México. En 1977 sae á luz o que será o seu primeiro e último LP Acción Galega, parte del gravado durante a estancia en Suíza, case sen medios nen asistencia profesional.

Relación co cinema[editar | editar a fonte]

En México pasará a traballar como extra cinematográfico, participando en diversos filmes. O azar fixo que nunha ocasión se ofrecese a atender como médico a Cantinflas durante unha rodaxe, quen lle abriu as portas á traballar como médico de rodaxe, oficio que realizou en máis de 100 filmes.

Teatro[editar | editar a fonte]

Despois duna longa traxectoria como médico, decide pasarse ao mundo do teatro, primeiro na interpretación, e anos despois, na dirección.

Durante o ano 2002 traballa como profesor de teatro do instituto Coahuilense de Cultura, e promove a creación do grupo de teatro La Gaviota. O grupo fórmase con estudantes e obreiros dos concellos de San Pedro de las Colonias, Fc. Madero e Torreón Coahuila, nunha das zonas máis deprimidas e con maior problemática social de México. Como director de La Gaviota volvería á Galiza no ano 2007, nunha xira por diversas vilas e cidades, representando a obra La antología rota, sobre textos do poeta León Felipe.