Xeografía de Letonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Letonia. Fronteiras actuais.

Letonia (en letón, Latvijas Republika) é un estado da Europa oriental, ás beiras do mar Báltico, entre Estonia e Lituania. Está situada no norte de Europa, na chamada rexión báltica. Limita ao norte con Estonia, ao leste con Rusia, ao sur con Belarús e Lituania e ao oeste co mar Báltico.

Letonia ten unha extensión de 64.610 km². A fisionomía da paisaxe letoa é bastante uniforme, predominando as chairas cubertas por depósitos de terra e lama con grandes zonas ocupadas por bosques de coníferas, páramos e pantanos ao longo de todo o territorio. A chaira de Zemgale, ao sur, até o límite con Lituania, contén as terras máis fértiles, polo que se considera o celeiro do país.

Xeografía física[editar | editar a fonte]

Mapa físico. As fronteiras políticas son as vixentes no ano 1925. A parte sinalada como Polonia correspóndese hoxe con Belarús.

Relevo[editar | editar a fonte]

Vista desde o alto da torre do outeiro Gaizina.
O río Lielupe desemboca no mar Báltico, mentres que o ramal Buļļupe desemboca no río Daugava.

A maior parte do territorio é chá, cuberta por depósitos de terra e barro e con grandes zonas ocupadas por bosques de coníferas, páramos e pantanos. A chaira de Semigalia (Zemgale), no sur, ata a fronteira con Lituania, contén as terras máis fértiles, polo que se considera como celeiro do país.

Nestas grandes chairas hai suaves outeiros cuxa máxima altura é o alto de Gaizina, de tan só 311 m, que se encontra nos altos de Livonia, na parte centrooriental do país.


Ríos, lagos e costas[editar | editar a fonte]

Ríos[editar | editar a fonte]

Abundan os lagos e os ríos, que desembocan no mar Báltico e no golfo de Riga. O país conta con máis de 12.000 ríos e afluentes, pero só 17 teñen máis de 100 km de percorrido. A súa rede hidrográfica foi relevante para a historia do país, o mesmo que para a súa economía.

O principal curso fluvial é o Daugava (tamén coñecido como Dvina occidental), que nace na Meseta de Valdái na óblast de Tver (Rusia) e corre a través de Belarús e logo flúe por Letonia ao longo de 370 km antes de desembocar no golfo de Riga. Ao entrar en Letonia ten unha anchura de ao redor de 200 m e chega aos 650–750 m en Riga, mentres que o estuario ten unha anchura de quilómetro e medio. O Daugava representou unha importante vía de comunicación durante milenios; por este río navegaron as tribos locais livonias e despois os viquingos, os rusos e outras poboacións europeas con propósitos comerciais pero tamén para conquistar os territorios das súas ribeiras. Mide 1.020 km. Outros ríos menos importantes son o Gauja, o Lielupe e o Venta. O réxime dos cursos de auga é nival e pluvial. Máis do 60 % da auga que discorre por Letonia vén dos países fronteirizos do sur.

Nome Desembocadura Km percorridos
en Letonia
Lonxitude total
(km)
1. Gauja Golfo de Riga 452 452
2. Daugava Golfo de Riga 352 1.005
3. Ogre Daugava 188 188
4. Venta Mar Báltico 178 346
5. Iecava Lielupe 136 136

Lagos[editar | editar a fonte]

Os máis de 2.300 lagos, de orixe glaciar, dos cales o maior é o lago Lubanas ou Lubāns,[1] e as turbeiras e zonas pantanosas constitúen os elementos máis destacados da paisaxe. Os lagos concéntranse na zona sueste. A maior parte dos lagos son minúsculos e eutróficos.

A maior parte da rede hidrográfica está aberta á pesca tanto en inverno como en verán pero as poboacións animais mantéñense estábeis.

Costas[editar | editar a fonte]

Letonia conta con 531 km de costas areosas. O mar Báltico baña a costa letoa. Debúxase nela o golfo de Riga, pouco profundo e parcialmente illado do resto do Báltico polas illas estonianas de Saaremaa e Hiiumaa así como polo istmo de Curlandia, polo que se encontra particularmente contaminado. Porén, nos últimos anos pecháronse algunhas fábricas nesta rexión e algúns municipios do golfo de Riga obtiveron a Bandeira Azul da Fundación Europea de Educación Ambiental.

As costas, coa excepción de Jurmala, foron territorios fronteirizos durante a época soviética, polo que as casas quedaron todas arrasadas. Isto permitiu limitar a presión humana sobre as dunas que volveron a ser máis ou menos salvaxes. Porén, nos anos que seguiron á independencia acentuouse a construción ilegal con vistas a un proveito rápido sen ningunha reacción do goberno. Se este non intervén rapidamente, a costa salvaxe que presenta Letonia podería deteriorarse moi rapidamente.

Os seus portos, en particular os de Liepaja e Ventspils, manteñen un tráfico importante xa que, a diferenza dos portos rusos ou estonianos, están practicamente libres de xeo todo o ano.

As Augas xurisdicionais son bastante ricas en pesca e permiten obter certas rendas da exportación. Esténdense sobre 12 millas (isto é, 22 km) e a Zona económica exclusiva sobre 200 millas (é dicir, 367 km).

Clima[editar | editar a fonte]

Riga, tras unha leve nevada.

A situación setentrional de Letonia está á altura da da península do Labrador. Debido á súa latitude, ten un clima frío. Os veráns son frescos e os invernos fríos. Ten clima continental, pero cunha forte influencia do mar Báltico, que suaviza un pouco a temperatura. En inverno a auga está máis temperada pola corrente do Atlántico Norte (a porción da corrente do Golfo no noroeste de Europa), de maneira que o clima letón é máis suave que o do Labrador. A estación do verán é curta e tamén as estacións intermedias son moi reducidas, polo que o inverno dura cerca de oito meses.

Diagrama de temperaturas e precipitacións na cidade de Daugavpils.

A temperatura máxima de Letonia é de 36,4 °C e a mínima de -43,1 °C.

Riga presenta temperaturas de -10 °C a -4 °C en xaneiro e de entre 11 °C e 22 °C no mes de xullo.

As temperaturas medias no inverno son razoabelmente suaves, xa que van en xaneiro dos -2,8 °C en Liepaja, na costa occidental, aos -6,6 °C na cidade suroriental de Daugavpils.

As temperaturas en xullo oscilan entre os 16,7 °C en Liepaja e os 17,6 °C en Daugavpils.

A proximidade ao mar fai que Letonia sexa un país de humidade elevada e precipitacións constantes, cunha precipitación anual de 633 mm en Riga. Ao ano hai por termo medio 180 días de chuvia, 44 de néboa e só 72 días de sol. As precipitacións en forma de neve son frecuentes en inverno. Durante cerca de 82 días ao ano o país está nevado, e o período libre de xeadas dura 177 días. Chove máis na costa (701 mm en Liepaja) que nas rexións interiores próximas a Rusia e Belarús (633 mm en Daugavpils). As abundantes precipitacións proporcionan a auga abundante dos moitos ríos e lagos de Letonia, pero igualmente crea problemas. Unha gran parte da terra agrícola precisa drenaxe.

Investiuse moito diñeiro en proxectos de mellora da terra que implicaron a instalación de canos de drenaxe, o enderezamento e o afondamento das correntes naturais e a construción de presas hidráulicas en pólders. Durante os anos 1960 e 70 os traballos de drenaxe absorberon un terzo de todo o investimento agrícola en Letonia. Aínda que só representaba un terzo do 1 % do territorio, Letonia tiña o 11 % de toda a terra artificialmente drenada da antiga Unión Soviética.

Un problema engadido relacionado coas precipitacións é a dificultade da sementeira temperá mecanizada e a das colleitas debido a que os campos están enchoupados. As intensas precipitacións acontecen especialmente no tempo da colleita en agosto e setembro, o que exixe grandes investimentos en estruturas de secado do gran e sistemas de ventilación. En 1992, ironicamente, Letonia tivo o verán máis seco na historia dos rexistros climáticos, pero as chuvias infrecuentemente intensas na primavera precedente mantivo a colleita por debaixo do grao esperado.

O clima húmido foi un factor fundamental á hora de orientar a agricultura letoa cara á gandaría e á industria láctea. Incluso a maior parte das plantas que se sementan, como a cebada, a avea e as patacas, prodúcense para a fabricación de pensos.

Medio ambiente[editar | editar a fonte]

Letonia posúe unha das maiores poboacións de londras do continente europeo.
A cegoña negra é un símbolo nacional de Letonia.

En Letonia abundan os bosques de piñeiros, bidueiros e abetos. O WWF inclúe o seu territorio na ecorrexión de bosque temperado de frondosas denominada bosque mixto sarmático.

Conforme á normativa da Unión Europea, o territorio deste país pertence á rexión bioxeográfica boreal.[2]

Nos bosques de Letonia rexistráronse 1.304 especies de plantas diferentes, moitas delas endémicas.

En canto á fauna, no país rexistráronse 69 especies de mamíferos que habitan os bosques (63 %) e nas zonas agrícolas (24 %). Ademais, existen outros 19 que poden visitar o país de xeito ocasional.[3]

Entre os mamíferos máis comúns están o corzo (Capreolus capreolus), o xabaril (Sus scrofa), o raposo común (Vulpes vulpes), o cervo común (Cervus elaphus), a lebre común (Lepus europaeus), o lobo (Canis lupus) e a londra (Lutra lutra),[4] (cunha das maiores poboacións europeas).[5] O oso pardo, noutrora abondoso atópase actualmente reducido a unha poboación estábel duns 10 individuos.[6]

A fauna avícola letoa é moi rica. No país aniñan 223 especies, algunhas delas moi raras como a aguia de cola branca ou pigargo europeo (Haliaeetus albicilla), a aguia albela (Circaetus gallicus) ou a cegoña negra (Ciconia nigra), que é un dos símbolos nacionais.[3]

En canto aos invertebrados, no país están catalogadas 17.500 especies, aínda que podería haber 12.000 máis por descubrir.[3]

Un total de 148.718 hectáreas do país están protexidas como zonas húmidas de importancia internacional ao abeiro da Convención de Ramsar. En total, conta con 6 sitios Ramsar: lago Engure, o lago Kanieris, o complexo de zonas húmidas de Lubana, as turbeiras do Norte (Ziemelu purvi), o complexo de zonas húmidas de Pape e as turbeiras de Teici e Pelecares.

Ten tres parques nacionais: o Parque Nacional Gauja (1973), o Parque Nacional Kemeri (1997) e o Parque Nacional Slitere (1999), e 43 parques naturais distribuídos ao longo de todo o territorio nacional.[7] máis dunha vintena de parques nacionais e conta cunha reserva da biosfera, Vidzeme norte (1997).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Xeografía humana[editar | editar a fonte]

Demografía[editar | editar a fonte]

Composición étnica de Letonia
letóns
  
62.1%
rusos
  
26.9%
belarusos
  
3.3%
ucraínos
  
2.2%
outros
  
5.5%
Véxase tamén: Historia de Letonia.

Letonia é un país onde conviven diversas etnias de linguas e relixións diferentes. Ao longo do século XX o país sufriu importantes cambios demográficos acontecidos debido ás guerras mundiais, a emigración dos alemáns do báltico, o Holocausto e á ocupación da Unión Soviética.

Os letóns e livonios, os grupos étnicos nativos de Letonia, forman na actualidade ao redor do 62% da poboación, mentres que o 27% dos habitantes do país son rusos.[8] Aproximadamente o 56% dos rusos que viven en Letonia posúe a nacionalidade letoa. As persoas que viñeron ao país mentres estaba ocupado pola URSS, e os seus descendentes nacidos antes de 1991, deben seren naturalizados para recibir a nacionalidade letoa.

Evolución da poboación de Letonia.

Nalgunhas cidades como Daugavpils e Rēzekne os rusos e outras minorías como os belarusos, ucraínos, polacos, lituanos superan aos letóns. A porcentaxe de letóns diminuíu do 77% (1 467 035) en 1935 ao 52% (1 387 757) en 1989.[9] No ano 2005 había incluso menos letóns que no ano 1989, aínda que a súa porcentaxe é maior  — 1 357 099 (58,8%).

Organización territorial de Letonia, vixente desde o 1 de xullo de 2009.

Segundo estimacións de The World Factbook, Letonia tiña unha poboación de 3 555 179 habitantes en xullo de 2009. A densidade de poboación alcanzaba, por tanto, os 36 habitantes por quilómetro cadrado.

A capital é Riga. Cidades importantes son Daugavpils e o porto de Liepaja.

Segundo a Reforma Territorial Administrativa de Letonia, vixente desde o 1 de xullo de 2009, o país divídese en 109 municipalidades (en letón: novadi) e 9 cidades republicanas (en letón: republikas pilsētas), cada unha coa súa propia administración.

A rexión de Abrene foi un condado de Letonia, e parte do seu territorio foi anexionado na época soviética por Rusia, e actualmente forma parte da Federación Rusa.

Linguas[editar | editar a fonte]

A lingua oficial de Letonia é o letón, lingua que pertence ao grupo das linguas bálticas do grupo das linguas indoeuropeas. Ademais do letón, a case extinta lingua livonia é a outra lingua nativa de Letonia. O livonio, protexido pola lei letoa, pertence á rama finesa das linguas fino-úgricas. Trátase dunha lingua moribunda que actualmente conta con apenas 35 falantes, dos cales tan só 10 son fluídos na lingua. Dentro da lingua letoa destaca o dialecto Latgaliano, variante da lingua protexida pola lei. A lingua rusa, oficial durante a ocupación da Unión Soviética, é a lingua minoritaria máis espallada ao longo do país. De feito, o coñecemento do ruso é maior que o do letón, sendo o ruso coñecido polo 81% dos habitantes, mentres que o letón é coñecido polo 79%.[10]

Tamén se falan as linguas ucraína, belarusa e polaca.

Relixión[editar | editar a fonte]

Catedral de Riga.

En Letonia hai liberdade de culto. A crenza máis estendida é o cristianismo, repartida entre as seguintes confesións:

Outras comunidades relixiosas son:

O restante 15% non ten ningunha crenza relixiosa.

O luteranismo tiña unha maior presenza até antes da ocupación soviética, cando era a relixión maioritaria, pero desde entón tivo un declive moito maior que o do catolicismo nos países bálticos. Os fieis ortodoxos pertencen á Igrexa Ortodoxa Letoa, unha comunidade semiautónoma vinculada á Igrexa Ortodoxa Rusa. Hai tamén unha comunidade xudía, un reducido número de musulmáns, así como un grupo neopagán baseado na mitoloxía propia do país. Un gran número de persoas non se encontra afiliado a ningunha denominación relixiosa.

Xeografía económica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Letonia.

A economía letoa baséase principalmente na agricultura e na industria téxtil e siderometalúrxica. Actualmente, o turismo perfílase como unha importante fonte de ingresos grazas ao patrimonio histórico do país. A súa transición a unha economía de mercado está provocando certas perturbacións (10% de paro e déficit orzamentario) e sacrificios nas políticas sociais.

A moeda nacional foi até o 31 de decembro de 2013 o lats letón (dividido en 100 santami, "céntimos" ), que foi substituído polo euro no 2014, cando Letonia se uniu á Eurozona.[11] A economía letoa é unha das máis dinámicas dos novos socios da Unión Europea. Nos últimos anos o país báltico liderou o crecemento da UE con incrementos do 11,9%[12] no 2006 e do 8% no 2007.[13] Para o 2008 agardábase un crecemento do 8,5%.[14] Desde o ano 2000 Letonia tivo uns índices de crecemento do PIB máis altos de Europa.[15] Porén, o crecemento da economía de Lituania a unha media do 8% por ano nos catro anos anteriores a 2008 baseábase nas exportacións e a demanda interna.

O desemprego alcanzou o 15% en 2009, cando fora do 4,8% en 2008. O PIB caeu cerca dun 17% en 2009. As tres antigas repúblicas soviéticas do Báltico tiveron a peor caída nese ano, na crise económica mundial.

Recursos naturais[editar | editar a fonte]

Exportacións a Importacións de
País Porcentaxe País Porcentaxe
Alemaña Alemaña 17% Alemaña Alemaña 17%
Reino Unido Reino Unido 16% Rusia Rusia 9%
Suecia Suecia 10% Lituania Lituania 8%
Lituania Lituania 8% Finlandia Finlandia 8%
Rusia Rusia 6% Suecia Suecia 7%
Outros 43% Outros 51%

Letonia non posúe unha gran cantidade de recursos naturais excepto madeira, algunhas canteiras (de calcaria, xeso, arxila e dolomía), e turba. No país tamén hai ámbar, recurso moi apreciado en xoiaría, que non é raro encontrar nas praias.

O principais recursos naturais son:

  • madeira
  • turba
  • terra arábel
    • usos da terra:
      • terra arábel 44,81 %
      • colleitas permanentes 0,9 %
      • outros 54,29 % (2005).
      • terra irrigada 70 km2 (2003).
  • ámbar.

Os principais ingresos do PIB proveñen do sector servizos: 61,5% (est. do 2009), despois están os que se obteñen do sector secundario ou industrial (33,2%) e finalmente un 5,3% corresponde ao sector primario.

Os principais produtos da agricultura son os cereais como a cebada ou o centeo, o liño, a remolacha azucreira e as patacas, entre outros.

Do gando (bovinos, porcinos e polos e galiñas) obtense carne, leite e ovos.

Así mesmo, ten certa importancia a pesca e as súas industrias derivadas (conservas).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Byblos Tours: Letonia" (en español). Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de febreiro de 2014. 
  2. Art. 1, letra c), inciso iii), da Directiva 92/43/CEE, segundo se especifica no mapa bioxeográfico aprobado o 25 de abril de 2005 polo Comité creado en virtude do artigo 20 de dita Directiva.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Enviromental indicators in Latvia 2002". Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2006. Consultado o 20 de marzo de 2014. 
  4. Mammals of Latvia[Ligazón morta]
  5. [1]
  6. "Status of Brown Bear in Latvia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de decembro de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2014. 
  7. Parks, Reserves, and Other Protected Areas in Latvia
  8. "Census 2011". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2012. Consultado o 20 de marzo de 2014. 
  9. http://www.lka.edu.lv/modules.php?op=modload&name=News&file=index&topic=68 Arquivado 29 de xuño de 2007 en Wayback Machine. About Latvia Latvian Academy of Culture
  10. Ministry of Foreign Affairs of Latvia Arquivado 26 de maio de 2008 en Wayback Machine. "A lingua rusa posúe unha saúde robusta en Letonia, xa que os rusos constitúen a maioría ou unha importante porcentaxe da poboación en moitas cidades e vilas. Practicamente a maioría dos letóns falan ruso, ademais, hai que engadir a forte presenza da cultura rusa na sociedade letoa. En efecto, o legado da política de rusificación soviética segue a ser evidente en Letonia, como amosa o censo do 2000 no país, o cal mostra co ruso e máis coñecido no país que o letón: o 81 % dos habitantes pode falar ruso, mentres un 79 % pódeo facer en letón."
  11. "Letonia se convierte en el decimoctavo país de la eurozona" artigo en La Vanguardia, 1 de xaneiro de 2014 (en castelán).
  12. O PIB de Letonia medrou en 2006 un 11,9 por ciento
  13. UE-25: o maior crecemento económico corresponderá aos novos países membros en 2007
  14. "España crecerá un 2,6 % en 2008, por riba da media europea, pero lonxe dos países punteiros da UE". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2008. Consultado o 20 de marzo de 2014. 
  15. "Growth rate of real GDP per capita". Eurostat. Arquivado dende o orixinal o 20-03-2014. Consultado o 20-03-2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Champonnois, Suzanne & François de Labriolle (2004): Estoniens, Lettons, Lituaniens. Histoire et destins. Crozon: Éditions Armeline. ISBN 2-910878-26-0.
  • Kauffmann, Jean-Paul (2011): Courlande. París: Fayard. ISBN 978-2-213-62992-6.
  • Plasseraud, Yves (2006): Les États baltiques. Des sociétés gigognes. La dialectique majorités-minorités, 2ª ed. Brest: Éditions Armeline. ISBN 2-910878-23-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas =[editar | editar a fonte]