Saltar ao contido

Xeo negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xeo negro nunha estrada en Alemaña.

O xeo negro é unha cuberta de xeo glaseado que se forma, por exemplo, na supericie de rúas, estradas ou lagos. En realidade este xeo non é negro, senón transparente, o que permite que se vexa o pavimento asfaltado das estradas que está debaixo, que xeralmente é negro ou gris moi escuro, porque a luz pode atravesar o xeo. Os niveis normalmente baixos de gránulos de xeo visibles, neve ou auganeve que rodean o xeo negro significan que as áreas con xeo son a miúdo case invisibles para os condutores de vehículos ou os camiñantes. Deste xeito, hai un risco de escorregar e poden producirse accidentes debido á inesperada perda de tracción.

Definicións

[editar | editar a fonte]

O termo xeo negro pode definirse como "xeo disperso en estradas ou outras superficies viarias que non se pode ver doadamente. Adoita ser transparente (non branco nin negro) e deixa ver a superficie escura da estrada que hai debaixo. É máis frecuente de mañanciña, especialmente despois de que a auga do derretemento da neve tivo a oportunidade de reconxelarse durante a noite cando as temperaturas baixan ata o punto de conxelación. O xeo negro pode tamén formarse cando as estadas están escorregadizas pola chuvia e as temperaturas caen por debaixo do punto de conxelación pola noite."[1]

As definicións da Organización Meteorolóxica Mundial de xeo negro son:[2][3]

  • Unha alternativa popular para o termo xeo glaseado. Unha delgada capa de xeo, de aparencia relativamente escura, que se pode formar cando cae unha chuvia lixeira ou poalla sobre a superficie dunha estrada que está a temperatura por debaixo do punto de conxelación ou, alternativamente, cando a auga que xa está sobre a estrada se conxela cando a súa temperatura cae por debaixo do punto de conxelación. Tamén se pode formar cando pingas de néboa superconxelada son interceptadas polos edificios, valados e vexetación.
  • Xeo novo delgado sobre auga doce ou salgada, que parece de cor escura debido á súa transparencia, como resultado da súa estrutura de gran columnar.

Formación

[editar | editar a fonte]

Sobre estradas e beirarrúas

[editar | editar a fonte]

O Glosario de Meteoroloxía da Sociedade Meteorolóxica Americana inclúe a definición de xeo negro como "camada delgada de xeo, de aparencia relativamente escura, [que] pode formarse cando cae unha chuvia lixeira ou poalla sobre a superficie dunha estrada que está a unha temperatura por debaixo de 0 °C."[4] Como supón só unha delgada acumulación, o xeo negro é moi transparente e así é difícil de ver comparado coa neve, a neve a medio dereter conxelada ou as capas de xeo máis grosas. Ademais, adoita estar intercalada con áreas de pavimento húmido, que teñen unha aparencia case idéntica.

Sinal de advertencia de pavimento con xeo en Quebec, Canadá

Esta condición das estradas fai que a condución de automóbiles sexa difícil, e que andar en bicicleta ou camiñar sobre as superficies afectadas sexa extremadamente perigoso. O dexelado con sal (cloruro de sodio) é efectiva ata temperaturas duns -18 °C. Téñense usado outros compoñentes como o cloruro de magnesio ou o cloruro de calcio para as temperaturas extremadamente frías, xa que o descenso crioscópico desas solucións é menor.

A temperaturas inferiores (por debaixo de −18 °C), pode formarse xeo negro nas estradas cando a humidade do escape dun vehículo, como coches ou motocicletas, condensa na superficie da estrada.[5]

Tales condicións poden causar moitos accidentes se se prolongan por longo tempo.[6] A ineficacia do uso de sal para derreter o xeo a esas temperaturas tan baixas é parte do problema. O xeo negro pode formarse incluso cando a temperatura ambiental é de varios graos sobre o punto de conxelación da auga de 0 °C, se o aire se quenta subitamente despois dun período frío prolongado que deixou a superficie da estrada moi por debaixo do punto de conxelació da auga.

Sobre pontes

[editar | editar a fonte]
Sinal de advertencia nunha ponta dunha autoestrada dos Estados Unidos

As pontes e pasos elevados poden ser especialmente perigosos. O xeo negro fórmase antes nesas construcións porque o aire pode circular tanto por riba coma por debaixo da superficie da vía elevada cando a temperatura ambiental baixa, causando que a temperatura do pavimento na ponte descenda rapidamente.[7]

A ponte I-35W sobre o río Mississippi vista desde abaixo en 2006

Sobre a auga

[editar | editar a fonte]
Xeo negro sobre unha canle nos Países Baixos

Cando a temperatura está por debaixo da conxelación e o vento está en calma, como cando hai altas presións atmosféricas nas noites de outono, pode formarse unha delgada capa de xeo sobre as augas abertas dos lagos. Se a profundidade do corpo de auga é grande dabondo, a súa cor é negra e é posible ver a través do xeo. Nos lagos o xeo negro está frecuentemente cuberto por xeo branco formado pola reconxelación de neve ou auganeve contra a primavera.[8] O xeo negro transmite ao seu través máis luz que o branco,[9] o cal pode ser importante para os produtores primarios que viven nos lagos, como o fitoplancto. O xeo negro ten unha maior capacidade de resistencia ao peso que o xeo branco,[8] o cal é unha consideración importante a facer para estimar a seguridade de realizar actividades recreativas sobre lagos conxelados, como patinaxe sobre xeo e pesca no xeo.

O xeo pode formarse tamén con auga salgada salferida e vapor de auga que se conxelan ao contacto coa superestrutura dun barco cando a temperatura é o suficientemente baixa. O xeo formado desta maneira coñécese como sincelo, cencellada ou rime.[10] A medida que progresa a súa formación, o peso que carga o barco aumenta e pode finalmente causar que capote. Ademais, este xeo pode impedir o correcto funcionamento de importantes instrumentos de navegación de abordo, como o radar ou instalacións de radio. Empréganse diferentes estratexias para retirar ese xeo: cortalo mecanicamente ou mesmo usar mangueiras para sacalo.

En montañas

[editar | editar a fonte]

O xeo negro é un perigo a ter en conta polos escaladores de montañas. O tempo frío é común a grandes alturas, e o xeo negro pode formarse rapidamente sobre a superficie da rochas. A perda de tracción é tan repentina e inesperada coma nunha estrada, e pode ser moi perigosa se a rocha está nun lugar moi exposto sobre o que pinga a auga. O uso dun machado para xeo e crampons é esencial en tales circunstancias, xa que poden previr caídas, e unha corda de amarre de seguridade axuda a parar unha posible caída.

  1. National Weather Service. "Ice Storms". Consultado o 13 de febreiro de 2021. 
  2. International Cloud Atlas (WMO-No. 407), edición on line. "Black Ice". UNTERM. Consultado o 14 de febreiro de 2021. 
  3. International Meteorological Vocabulary, WMO - No. 182. "Black Ice". UNTERM. Consultado o 14 de febreiro de 2021. 
  4. "AMS Glossary: Black ice". Amsglossary.allenpress.com. Consultado o 28 de novembro de 2013. 
  5. "Is there really such a thing as black ice?". 9 de xullo de 2002. Consultado o 22 de decembro de 2008. 
  6. "Black ice causes treacherous driving conditions in metro". KARE 11 TV. Consultado o 22 de decembro de 2008. [Ligazón morta]
  7. Jeffrey Selingo (13 de decembro de 2001). "How it works: Black ice". The New York Times. 
  8. 8,0 8,1 Weyhenmeyer, Gesa A.; Obertegger, Ulrike; Rudebeck, Hugo; Jakobsson, Ellinor; Jansen, Joachim; Zdorovennova, Galina; Bansal, Sheel; Block, Benjamin D.; Carey, Cayelan C.; Doubek, Jonathan P.; Dugan, Hilary; Erina, Oxana; Fedorova, Irina; Fischer, Janet M.; Grinberga, Laura (2022-08-25). "Towards critical white ice conditions in lakes under global warming". Nature Communications (en inglés) 13 (1): 4974. Bibcode:2022NatCo..13.4974W. ISSN 2041-1723. PMC 9411540. PMID 36008420. doi:10.1038/s41467-022-32633-1. hdl:10449/76535. 
  9. Bolsenga, S. J.; Vanderploeg, H. A. (1992-10-01). "Estimating photosynthetically available radiation into open and ice-covered freshwater lakes from surface characteristics; a high transmittance case study". Hydrobiologia (en inglés) 243 (1): 95–104. ISSN 1573-5117. doi:10.1007/BF00007024. 
  10. National Weather Service. "Rime ice". NOAA. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2013. Consultado o 28 de novembro de 2013. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]