Xenreira (grupo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xenreira
OrixeA Estrada, Galiza Flag of Galicia.svg
Período1994 -
Xénero(s)Rock
Selo(s) discográfico(s)Edicións do Cumio
MembrosDavide Senén Otero
Silverio Otero
Maki
Manuel Balboa
Marcos Payno
Sevi
Pino Ricciardi

Xenreira foi un grupo musical galego xurdido a mediados dos 90 dentro do movemento cultural e musical contemporáneo ao rock bravú. A pesar da súas múltiples coincidencias con este fenómeno, onde algúns críticos non dubidan en clasificalos, os seus integrantes consideráronse representantes do rock irmandiño, unha música moito máis comprometida politicamente e con raíces en distintos estilos musicais, entre os que se conta o rock radical vasco, o ska, e tamén a canción protesta galega, especialmente o grupo Fuxan os Ventos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A banda fundouse no ano 1994 na Estrada e estaba composta por Davide Senén Otero (voz), Silverio Otero (batería, bodhram e percusión), Maki (guitarra), Manuel Balboa (baixo), Marcos Payno (saxo alto e voz), Sevi (saxo barítono) e Pino Ricciardi (guitarra).[1] Este último morre ao pouco tempo nun accidente de tráfico e foi substituído por Jasper, que despois sería á súa vez substituído por Xurxo Piñeiro.[1]

En 1996 a banda participou no recompilatorio Unión Bravú co tema "Presente!".[2]

A carreira discográfica en solitario de Xenreira resúmese nun único disco: Érguete!!, de 1997, que supuxo unha forte influencia noutros proxectos musicais galegos, tanto da época como posteriores. As súas letras estiveron marcadas por un forte compromiso político independentista, e nelas aludíase á memoria da guerra civil española ("Mil Nove 36"), as mobilizacións dos anos 70 ("Onde a loita se chama Encrobas"), á situación das persoas presas ("Recluso 241"), á desobediencia civil ("Érguete", "Ozono"), ou ao sentimento de internacionalismo solidario coa loita da independencia irlandesa ("Mesmo berce, mesma loita"). Tamén puxeron música ao himno de Acción Gallega, escrito por Ramón Cabanillas. O disco contou coa participación, entre outras persoas, de Ugia Pedreira e Ramom Pinheiro "Chito", (por aquel entón ambos os dous membros de Chouteira), así como do histórico membro de Fuxan Os Ventos, Mini, por aquel entón n'A Quenlla. O disco estaba producido por Kaki Arkarazo, un histórico do rock radical vasco e ex-compoñente de Negu Gorriak e Nación Reixa, entre outros.

Ademais de Érguete!!, Xenreira colaborou en varios discos colectivos. No disco Selección Xa!, promovido pola revista Bravú para reivindicar unha selección nacional galega. Nel interpretaban a canción "Selección ská", xunto co futbolista da S.D. Compostela Nacho. Tras a gravación deste tema Marcos Payno e Sevi deixaron a banda e foron substituídos por Jaco e Pablo.[1]

En 1997 Xenreira tamén participou no recompilatorio Para Todos Todo, Nada Para Nosotros co tema “Mesmo berce, mesma loita” ao lado de bandas como Negu Gorriak, Banda Bassotti, Todos Tus Muertos ou Hechos contra el decoro.[3]

En 2001 Manuel Balboa deixou a banda e foi substituído por Mario no baixo. En 2002 Xenreira anuncia a súa disolución cando estaba a piques de gravar o seu segundo álbum de estudio.[1]

Desde entón, Marcos Payno, un dos seus membros, ten colaborado noutros proxectos musicais, como A Matraca Perversa, Galegoz, Le Glamour Grotesque e Das Kapital. Xurxo Piñeiro tamén tocou en grupos como Malandrómeda e Barbitúricos.[1]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
Érguete!! 1997 Edicións do Cumio

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Biografía de Xenreira - La Fonoteca". lafonoteca.net (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  2. Diario, Nós. "Unión Bravú. Ed. Do Cumio. Varios Artistas". Nós Diario. Consultado o 2021-01-25. 
  3. "Various - Para Todos Todo Nada Para Nosotros". Discogs (en castelán). Consultado o 2021-01-26.