Saltar ao contido

Xenerais da Ulla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dous xinetes coas vestimentas propias dos Xenerais da Ulla

Os Xenerais da Ulla (en ocasións tamén escrito como Xenerais do Ulla)[1] é unha festividade propia do Entroido que se celebra na comarca do Ulla. As principais figuras desta singular tradición son os xinetes vestidos cun gorro tipo napoleónico con penacho, medallas, botas e un sabre. O cabalo adoita levar tamén alguna decoración na cabeza. Esta tradición remóntase, segundo a documentación máis antiga, á década de 1870.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

A festa celébrase nas parroquias de Sergude (Boqueixón); Carcacía (Padrón); San Xián de Sales e Trobe (Vedra); Merza, Piloño e Salgueiros (Vila de Cruces); Santa Cristina de Vea, Couso, Cora, Paradela e Santeles (A Estrada); A Bandeira, Lamela e Dornelas (Silleda); Bama e Fao (Touro) e mais zonas de Santiago de Compostela e Teo.[2]

O compostelán Alfredo Vicenti publicou en xuño de 1875 dous artigos títulados "La máscara" na súa sección "A orillas del Ulla" en El Heraldo Gallego, nos que relata os sucedido durante o luns de Entroido na parroquia de Oca.[3][4] Tempo despois outros autores como Fermín Bouza Brey, Manuel García Barros ou Xosé Neira Vilas contribuíron a difundir a festividade.[5]

Non existen evidencias claras sobre a orixe desta tradición pero adóitase dicir que vén da época da Guerra da Independencia, cando o pobo galego se enfrontou ao exército francés, pero tamén puido vir das Guerras carlistas polas ricas vestimentas dos xenerais.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Os elementos básicos e compartidos entre os distintos lugares de celebración que constitúen esta tradición son:[6]

  • Exércitos. Formados polos xinetes e divididos en dous grupos: defensor e invasor. Dentro de cada un atópanse en número variable as seguintes figuras: abandeirado, sentinela, correos (tamén chamados lanceiros) e xenerais.
  • Comparsa. Grupo de mozos formando un coro. Nalgúns casos pode formarse tamén un "coro de vellos".
  • Parranda. O grupo máis informal onde os disfraces individuais son libres e soen acompañar a unha banda de música de metais.
  • Adobíos. Son os adornos dos xenerais que destacan polo seu colorido e variedade.

Os xenerais percorren as aldeas acompañados dun membro da organización e o resto das comparsas e demais figuras. Estes adoitan dar os "vivas" que son unha manifestación á viva voz na que se ensalza a familia dalgún veciño. Pero o elemento máis importante son os coñecidos como atranque ou alto, que consiste nunha loita dialéctica entre dous ou máis xenerais que vai subindo de ton con palabras cada vez máis duras pero que terminan sempre facendo as paces entre os dous bandos e exaltando a amizade.

  1. "ENTROIDO DOS XENERAIS DO ULLA". www.turismo.gal. Consultado o 1 de febreiro de 2025. 
  2. 2,0 2,1 Anxo Pérez Taibo (Asociación Cultural e Deportiva Záramo) (2009). "Xenerais do Ulla" (PDF). Consultado o 1 de febreiro de 2025. 
  3. Vicenti, Alfredo (17 de xuño de 1875). "A orillas del Ulla. La máscara". El Heraldo Gallego. pp. 3–4. 
  4. Vicenti, Alfredo (24 de xuño de 1875). "A orillas del Ulla. La máscara (conclusión)". El Heraldo Gallego. pp. 3–4. 
  5. "Historia". xeneraisdaulla.gal. Consultado o 1 de febreiro de 2025. 
  6. "O alto dos Xenerais" (PDF). Técnicas & Gramaxe SL. pp. 7–8. Consultado o 1 de febreiro de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]