Jenaro Pérez Villaamil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xenaro Pérez Villaamil Duguet»)
Jenaro Pérez Villaamil
Nacemento3 de febreiro de 1807
 Ferrol
Falecemento5 de xuño de 1854
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Na rede
Galiciana: 166748
editar datos en Wikidata ]

Jenaro Pérez Villaamil Duguet (ás veces aparece como Genaro Pérez de Villa-Amil),[1] nado en Ferrol o 3 de febreiro de 1807 e finado en Madrid o 5 de xuño de 1854, foi un pintor romántico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Pérez Villaamil foi un neno prodixio e cando tiña oito anos de idade xa desempeñaba o cargo de axudante de profesor de debuxo no Colexio Militar de Santiago ás ordes do seu propio pai, que era mestre de fortificacións, topografía e debuxo. A súa vida foi unha auténtica aventura xa que, despois de vivir en Madrid coa familia, tiña dezaseis anos de idade cando se incorporou ao movemento liberal e alistouse no Exército para repeler a invasión conservadora dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823. En Sanlúcar la Mayor (Sevilla) resultou ferido e préndeno como prisioneiro de guerra. Levado a Cádiz, a súa catividade non lle impediu realizar estudos de pintura na academia desa cidade baixo a dirección do profesor José García e cando quedou libre en 1830 trasladouse a Porto Rico para realizar as decoracións do teito do Teatro Tapia, o gran teatro de San Xoán.

Etapa prerromántica[editar | editar a fonte]

Pérez Villaamil pasou por dúas etapas plásticas nas que se dividiu a súa vida. A primeira foi a prerromántica e a segunda, que ocupou os derradeiros anos da súa vida, xa plenamente romántica.

Retornado a España en 1833, percorreu Andalucía e fíxose amigo do pintor e debuxante inglés David Roberts, co que mellorou a súa técnica, e pouco máis tarde marchou a Madrid, onde coñeceu á raíña Isabel II, e pediu o ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, que conseguiu en 1835.

Meses máis tarde interveu na fundación do Ateneo de Madrid e na creación do Liceo Artístico y Literario Español, que foi o epicentro do romanticismo en Madrid.

Tamén por aquel tempo coñeceu a Ramón de Mesonero Romanos e comezou a ilustrar as costumistas obras deste escritor español.

Etapa romántica[editar | editar a fonte]

En 1837 vendeu cadros ao rei Lois Filipe I de Francia e tamén á raíña Isabel de España, e foi recoñecido como un dos mellores paisaxistas do momento. E nesa época comezou a mudar de amizades: do costumismo de Mesonero Romanos pasou a frecuentar a mozos do seu tempo que estaban a triunfar nas letras, como a José Zorrilla, que lle dedicou o poema La noche de invierno. E en 1840, logo dunhas viaxes por Castela, trasladouse a París, onde iniciou unha viaxe por Europa (Francia, Bélxica, Países Baixos) que se prolongou durante catro anos. A escusa da viaxe foi a publicación de España artística y monumental, un álbum de litografías.[1]

A temática deste pintor foi sempre a paisaxe, ás veces con vistas urbanas e tamén con exteriores arquitectónicos monumentais e achegando figuras populares que representan a personaxes da época o que lles dá aos seus cadros un toque humano e costumista. Nesas viaxes europeas tomou contacto coa crítica internacional (Charles Baudelaire falou da súa obra no Salón de París de 1845, por exemplo), aprendeu de mestres do romanticismo europeo, e aproveitou para venderlle cadros a distintas casas reais. Por iso entre as súas influencias principais estiveron David Roberts, pero tamén os británicos Joseph William Turner e John Martin.

Noméano tenente director da Real Academia de San Fernando en febreiro de 1845, e ademais catedrático de paisaxe. E cando se creou a Escola Preparatoria para as carreiras de enxeñeiros civís e arquitectos, Villaamil foi nomeado profesor de paisaxe.

Regresou a Galiza en 1849 e percorreu as provincias da Coruña e Pontevedra.

Seguiu viaxando por España ata 1852, cando empezou a sufrir problemas de fígado. Dous anos máis tarde morreu en Madrid aos 47 anos de idade.

Ordes e condecoracións[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 España artística y monumental Biblioteca Digital de Castilla y León.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Gravacións de son externas
Vidas Contadas, RNE (en castelán).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]