XV Brigada Internacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
XV Brigada Internacional
XV Brigada Internacional
Abraham Lincoln
PaísEstados Unidos, Reino Unido, Canadá, Irlanda e outros.
Fidelidade ESP República Española
Rama B. Internacionales
TipoInfantaría
EnfrontamentosGuerra Civil Española
Comandantes
Comandantes notablesJanos Galicz
Vladimir Ćopić

A XV Brigada Internacional —tamén coñecida como Brigada Abraham Lincoln foi unha das Brigadas Internacionais que combateron en defensa da legalidade republicana contra o bando sublevado na Guerra Civil Española. Estaba composta por voluntarios de Estados Unidos, Canadá, Irlanda e Reino Unido principalmente, e tamén de Latinoamérica. Loitou nalgunhas das principais batallas da contenda, como a de Belchite ou a de Teruel.

Debido ás diferenzas culturais e aos desencontros entre estadounidenses e latinos, a maioría destes últimos incorporáronse a outras unidades, como a brigada de choque de El Campesino.[1][2]

As cancións desta brigada eran "Jarama Valley" (O val do Xarama) e "El paso del Ebro".

Orixes[editar | editar a fonte]

Foi formada en Albacete en xaneiro de 1937 cos numerosos voluntarios anglófonos (divididos entón en británicos e estadounidenses). Tamén incluía outros dous batallóns: o Batallón Dimitrov, balcánico, e o Batallón Louise Michel, franco-belga.[3] Con todo, daquela a Brigada estaba composta por voluntarios de 26 países.[4] O mando asumiuno o Coronel Janos Galicz ("Xeneral Gal"), militar austrohúngaro naturalizado soviético. O capitán inglés George Nathan era o xefe de Estado Maior e o comisario, o francés Jean Chaintron ("Barthel").[4]

Historial de operacións[editar | editar a fonte]

Batalla do Xarama[editar | editar a fonte]

A comezos de febreiro as forzas sublevadas atacaron o sur de Madrid. A nova Brigada foi enviada á Batalla do Xarama.[4] O comandante sublevado García Escámez avanzou rapidamente cara a Ciempozuelos e esmagou a vangarda da XV Brigada.[5] A incompetencia inicial do Xeneral Gal tamén afectou o avance da brigada, mais a actuación de Nathan salvou a situación.[4]

Unha compañía do Batallón Británico foi feita prisioneira despois de deixar chegar ás súas trincheiras un grupo de regulares marroquís que ían cantando A Internacional como táctica de engano. Tras esta batalla, a Brigada quedou moi danada e pasou un tempo na retagarda.[6] Entre os días 23 e 27 de febreiro o bando republicano lanzou un contraataque xeral. Participou por primeira vez o grupo de estadounidenses do Batallón Abraham Lincoln, liderado por Robert Ale Merriman. Porén, a manobra fracasou e o número de baixas foi elevado.[7]

Batalla de Brunete[editar | editar a fonte]

Avance da XV Brigada Internacional no inicio da batalla de Brunete en xullo de 1937[8]

A finais de marzo, o batallón español Voluntario 24 uniuse á Brigada. Despois duns meses, e baixo a supervisión de János Gálicz, a Brigada foi reorganizada en dúas agrupacións duns 1 200 membros cada un. A primeira, liderada por Jock Cunningham,[9] estaba formada por voluntarios anglófonos. Pola súa parte, a segunda, dirixida polo Maior Chapaiev (Miklos Szalway), consistía na unión dos Batallóns Dimitrov, Louise Michel e Voluntario 24.[9] Esta era a composición en .

En xullo de 1937, antes do inicio da Ofensiva de Brunete, atopábase xa integrada na 15ª División da XIII Brigada, ao mando de János Gálicz (Xeneral Gal).[10] A Brigada, ao mando de Ćopić, foi empregada como forza de choque.[10] Para o 7 de xullo os interbrigadistas ingleses xa tomaran Villanueva de la Cañada, e posteriormente Villanueva del Pardillo o 11 de xullo.[11]

Porén, o avance da ofensiva republicana, que logrou conquistar Brunete e Quijorna, quedou freado sen remedio o 15 de xullo.[12] O 18 de xullo, primeiro aniversario da sublevación, comezou o contraataque xeral das divisións franquistas e os efectivos da XV Brigada empezaron a sufrir numerosas baixas.[13] O comisario George Nathan morreu nun bombardeo franquista.[12] Coma no Xarama, a brigada sufriu elevadas perdas e reduciuse de 6 a 4 batallóns.

Os batallóns estadounidenses, con perdas de entre 400 e 800 efectivos, víronse obrigados a unirse nun só, o Batallón Lincoln-Washington.[14][nota 1] O Louise Michel, tamén con numerosas baixas, foi transferido a outra brigada despois de Brunete. Dos 2 500 soldados da XV Brigada que combateron na batalla, só 1 000 sobreviviron.[15]

Fronte de Aragón[editar | editar a fonte]

Toma de Quinto (Zaragoza) pola XV Brigada en agosto de 1937 [16]
Asalto da XV Brigada a Belchite en agosto-setembro de 1937 [17]

En setembro, a XV Brigada trasladouse á fronte de Aragón para intervir na Ofensiva de Zaragoza, máis especialmente na Batalla de Belchite.[18] As baixas foron elevadas durante estes combates, entre elas moitos mandos nos batallóns e compañías da Brigada. Os comandantes dos batallóns Lincoln e Británico morreron nos combates e o Comisario da Brigada quedou gravemente ferido.[18] Despois da loita en Belchite, o Batallón Maclenzie-Papineau uniuse á Brigada e o Dimitrov foi trasladado á XIII Brigada. Entre xaneiro e febreiro de 1938 interveu na Fronte de Teruel e logrou deter varios contraataques franquistas.[19]

O 10 de marzo, xa iniciada a Ofensiva franquista en Aragón, as divisións navarras de Xeneral Solchaga entraban na devastada localidade de Belchite. O xeneral Vicente Rojo instalou en Caspe o centro de operacións e congregou alí as Brigadas Internacionais.[20] Porén, cara ao anoitecer do 17 de marzo a vila aragonesa caeu.[21]

A primeiros de abril a unidade entrou en Cataluña. Quedaría illada do resto da zona republicana cando as tropas franquistas chegaron ao mar por Vinaròs (Castelló) e dividiron a zona republicana en dúas.[22] A Brigada ía ofrecer un último acto de resistencia ao se atrincheirar en Gandesa, preto da desembocadura do Ebro,[23] que caeu o 3 de abril. Porén a brigada resistiu uns días máis e permitiu a evacuación de valioso material bélico e o reagrupamento de moitas unidades republicanas alén do Ebro.[24]

Batalla do Ebro[editar | editar a fonte]

Dende o 25 de xullo participou na Ofensiva do Ebro. O 1 de agosto a XV Brigada Internacional lanzou o seu máis duro ataque, contra a Cota 481, unha estratéxica posición elevada tras a que se atopaba Gandesa.[25] Na lista de baixas achábanse Lewis Clive, concelleiro socialista en Londres, e David Haden Guest, filósofo comunista.[25]

O 2 de agosto, malia os repetidos ataques republicanos, quedou detido o avance destes.[25] Durante o mes de agosto alternou unha curta retirada á retagarda con incesantes combates. Nestes, malia cederen terreo, lograron deter numerosos contraataques franquistas.

Neste punto da guerra xa se estaba debatendo a retirada dos voluntarios internacionais. De feito, había unidades das Brigadas Internacionais con máis españois que internacionais, incluída a XV Brigada, liderada polo comandante español Valledor.[26] A súa última acción foi o 22 de setembro.[27] Posteriormente, reorganizouse nunha unidade unicamente española, que non puido facer nada para evitar a derrota republicana.

Estrutura e organización[editar | editar a fonte]

Relación de batallóns[editar | editar a fonte]

Data de entrada N.º Nome do batallón[28] Composición[28] Data de saída Notas
31 de xaneiro de 1937 16.º/57.º Batallón Británico Británicos, Irlandeses, outros 23 de setembro de 1938 Desmobilizado
31 de xaneiro de 1937 17.º/58.º Batallón Lincoln Canadenses, estadounidenses, irlandeses, británicos, portorriqueños 23 de setembro de 1938 Desmobilizado
31 de xaneiro de 1937 18.º Batallón Dimitrov Balcánicos 20 de setembro de 1937 Trasladado ás reservas da 45.ª División
31 de xaneiro de 1937 19.º Batallón Louise Michel Franceses e belgas 4 de agosto de 1937 Trasladado á XIV Brigada
14 de marzo de 1937 24.º/59.º Volontario 24 Voluntarios españois 10 de novembro de 1937 Trasladado a unha Brigada Mixta española
29 de xuño de 1937 60.º Batallón Mackenzie-Papineau Canadenses e estadounidenses 23 de setembro de 1938 Desmobilizado
4 de xullo de 1937 20.º Batallón Washington EUA 14 de xullo de 1937 Unificado co Batallón Lincoln.[nota 2]

Amais dos batallóns, houbo unidades vencelladas á XV Brigada:

Estandarte da 1.ª Compañía do Batallón Abraham Lincoln

Comandantes da brigada[editar | editar a fonte]

Nome País Período
János Gálicz  Hungría 31 de xaneiro - 15 de febreiro de 1937
Vladimir Ćopić  Iugoslavia 15 de febreiro - 10 de xullo de 1937
Klaus Becker  Alemaña 10 de xullo - 5 de agosto de 1937
Vladimir Ćopić  Iugoslavia 5 de agosto de 1937 - 7 de marzo de 1938
Robert Ale Merriman  Estados Unidos 7 - 31 de marzo de 1938
Vladimir Ćopić  Iugoslavia 1 de abril - 15 de maio de 1938
José Antonio Valledor Álvarez  España 15 de maio - 23 de setembro de 1938
Jorge Agostino Cuba 21 de xaneiro - 4 de febreiro de 1939
José Gai dá Cunha Brasil 4 - 9 de febreiro de 1939

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esta nova denominación foi temporal. En outubro de 1937 volveu ser denominado Batallón Lincoln.
  2. Brevemente coñecido como Batallón Washington-Lincoln.
Referencias
  1. Spaniards and Latinos in the International Brigades
  2. Michael, Petrou (2008). Renegades: Canadians in the Spanish Civil War. UBC Press. pp. 109–110. 
  3. Hugh Thomas, p. 641
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Hugh Thomas, p. 639
  5. Hugh Thomas (1976); p. 638
  6. Hugh Thomas (1976); p. 642
  7. Hugh Thomas (1976); pp. 644-645
  8. Hurtado, Víctor (2013). Las Brigadas Internacionales. Edicions DAU. ISBN 978-84-941031-1-7. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 18 de abril de 2013.  Ligazón externa en |editorial= (Axuda), p.45
  9. 9,0 9,1 Eby (2007); p. 174
  10. 10,0 10,1 Hugh Thomas (1976); p. 767
  11. Hugh Thomas (1976); p. 769
  12. 12,0 12,1 Hugh Thomas (1976); p. 770
  13. Hugh Thomas (1976); p. 771
  14. Eby, p. 196
  15. Coleman, Some Men Put In Their Lives, p. 88
  16. Hurtado, Víctor (2013). Las Brigadas Internacionales. Edicions DAU. ISBN 978-84-941031-1-7. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 18 de abril de 2013.  Ligazón externa en |editorial= (Axuda), p.49
  17. Hurtado, Víctor (2013). Las Brigadas Internacionales. Edicions DAU. ISBN 978-84-941031-1-7. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2013. Consultado o 18 de abril de 2013.  Ligazón externa en |editorial= (Axuda), p.50
  18. 18,0 18,1 Hugh Thomas (1976); p. 782
  19. Hugh Thomas (1976), p. 852
  20. Hugh Thomas (1976); p. 859
  21. Hugh Thomas (1976), p. 860
  22. Hugh Thomas (1976); p. 862
  23. Hugh Thomas (1976); p. 871
  24. Hugh Thomas, p. 862
  25. 25,0 25,1 25,2 Hugh Thomas (1976), p. 904
  26. Hugh Thomas (1976), p. 914
  27. Hugh Thomas (1976), p. 915
  28. 28,0 28,1 Hugh Thomas, p. 1036

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beevor, Antony (2005). La Guerra Civil Española. Barcelona: Círculo de Lectores. ISBN 978-84-672-1532-8. 
  • Cecil Eby, Comrades and Commissars, 2007.
  • Engel, Carlos (1999). Historia de las Brigadas Mixtas del Ejército Popular de la República. Madrid, Almena. ISBN 84-922644-7-0. 
  • Salas Larrazábal, Ramón. Historia del Ejército Popular de la República, La Esfera de los Libros, Madrid, 2006. ISBN 84-9734-465-0.
  • Thomas, Hugh (1976). Historia de la Guerra Civil Española. Barcelona: Círculo de Lectores. ISBN 84-226-0873-1.