Wolfhart Pannenberg
Wolfhart Pannenberg | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 2 de outubro de 1928 |
Lugar de nacemento | Szczecin |
Falecemento | 4 de setembro de 2014 |
Lugar de falecemento | Múnic |
Nacionalidade | Alemaña |
Relixión | cristianismo |
Alma máter | Universidade Humboldt de Berlín, Universidade de Gotinga, Universidade de Heidelberg e Universidade de Basilea |
Ocupación | teólogo, escritor, profesor universitario e filósofo |
Premios | Bavarian Order of Merit, Ordem Maximiliana da Baviera para Ciência e Arte, Honorary doctor of the University of Manchester, honorary doctor of the University of St Andrews, honorary doctorate from the University of Cambridge, honorary doctor of Babeș-Bolyai University e honorary doctorate of the University of Glasgow |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Wolfhart Pannenberg, nado o 2 de outubro de 1928 en Stettin, Polonia (antes Alemaña) e finado en Múnic o 5 de setembro de 2014[1], foi un teólogo alemán.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Foi bautizado de neno na Igrexa Evanxélica (de confesión luterana), con todo nos seus primeiros anos perdeu todo contacto coa relixión. Contra os dezaseis anos tivo unha intensa experiencia relixiosa e comezou a buscar como comprendela e interpretala. Así, empezou a estudar os grandes xenios da Filosofía e os grandes pensadores do mundo das relixións. Un profesor de literatura que fora membro da Igrexa confesante de Karl Barth enfrontada a Adolf Hitler, animouno a que realizase unha ollada profunda no cristianismo. Isto provocou a súa conversión intelectual, chegando á particular conclusión de que o evanxeo de Xesús de Nazaret era a mellor opción relixiosa. Reingresou, xa que logo, na Igrexa evanxélica. Asemade experimentou a súa vocación de teólogo.
Estudou en Berlín, Göttingen e Bâle. Foi profesor da Facultade de teoloxía de Maguncia e de Múnic e director do Instituto de teoloxía. Foi profesor invitado nas universidades de Harvard,Chicago e Claremont.
Pensamento[editar | editar a fonte]
Teoría da ciencia e teoloxía[editar | editar a fonte]
Pannenberg reflexiona sobre a relación entre a teoloxía como disciplina rigorosa e a súa interacción coa filosofía, as ciencias históricas e as ciencias naturais. Para el a teoloxía é unha ciencia tan metódica e esixente como a física ou a matemática, ocupando un posto central entre as ramas do saber pois o obxecto do seu estudo é a realidade que todo o determina (Deus) e ningunha ciencia pode prescindir ou obviar ese alicerce fondo do real e do ser. A teoloxía é moito máis que mera apoloxética ou reflexión moral, consiste ante todo na confrontación do pensamento racional humano co fundamento último de todo ente. Os enunciados teolóxicos, o mesmo que as doutras proposicións científicas, danse no marco duns contextos teóricos e se poden controlar cientificamente considerando a súa función no contexto dos seus respectivos sistemas teoréticos. Tras a verificación crítica sostida por Karl Popper e a decisión entre paradigmas de Thomas Kuhn, non existe diferenza substancial entre os asertos da teoloxía, as leis hipotéticas das ciencias naturais e as afirmacións históricas da ciencia histórica.
Antropoloxía en perspectiva teolóxica[editar | editar a fonte]
Nesta liña, afirma, dende unha perspectiva antropolóxica, que a dimensión transcendente do ser humano é algo constitutivo de todo home e muller. A súa postergación ten consecuencias para a integridade individual e social da persoa. Pannenberg ten analizado a estrutura e as manifestacións da dimensión relixiosa da vida humana. Entende que a teoloxía cristiá para dar resposta coherente co evanxeo debe aterrar na análise antropolóxica. Os conceptos teolóxicos non son externos aos fenómenos subxectivos, sociais, culturais e históricos, senón que corresponden a unha dimensión que pode poñerse de manifesto neles mesmos. Toda referencia humana a obxectos finitos implica xa unha referencia ao infinito. Só en relación co todo se pode determinar a significación dun obxecto singular.
Historia como revelación[editar | editar a fonte]
A verdade que procura a teoloxía ha de ser un conxunto coherente universal e histórico. Toda pregunta e toda resposta pola verdade é algo que acontece na historia. Unha historia entendida como un proceso de formación de identidade das persoas e dos pobos. Por iso a teoloxía ten un carácter hermenéutico que vai alén da hermenéutica existencial de Martin Heidegger e que coincide ata certo punto co concepto da mesma elaborado por Hans-Georg Gadamer: un proceso de reconstrución e interpretación do transmitido (tradición). Algo que se manifesta dun xeito específico na tradición xudeu-cristiá e na súa plasmación escrita na Biblia, pero que é tamén predicable de todas e cada unha das culturas, na medida en que entende a experiencia histórica da humanidade como revelación de Deus. Con todo, a historia enteira só pode entenderse como narración plena de sentido dende o seu final. Dende esta perspectiva cabe, como labor da teoloxía, unha comparación racional e crítica das distintas relixións na súa capacidade de dar conta da realidade como totalidade. O característico de Israel é xustamente a súa experiencia da historia como lugar onde Deus se manifesta, interpela e chama. A relixión de Israel é unha experiencia histórica de recepción e reinterpretación que ten unha superior capacidade explicativa da realidade como cosmos e como historia.
Panenberg constrúe unha cristoloxía dende abaixo, onde se reinterpreta ao Xesús histórico dende a resurrección. A historia da humanidade ha ser o proceso no que o home se vai formando ata acceder a humanidade plena. Para el a resurrección é un acontecemento histórico que anticipa o destino humano e lle outorga un horizonte de esperanza.
Obras[editar | editar a fonte]
- Theologie und Reich Gottes (1971)
- Grundzüge der Christologie (1964)
- Grundfragen Systematischer Theologie (1974)
- Wissenschaftstheorie und Theologie (1973)
- Die Bestimmung des Menschen (1978)
- Anthropologie in theologischer Perspektive (1983)
- Éthik und Ekklesiologie (1977)
- Systematische Theologie, tres volumes (1988, 1991 e 1993)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Manuel Fraijo (19 de setembro de 2014). "Wolfhart Pannenberg, clave de la teología protestante". El País (en castelán).